A Deputación asume o Festival de Cine de Ourense que será a finais do outono

A Fundación Carlos Velo asume a dirección artística nunha edición de "transición" despois da marcha do anterior equipo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2018 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A 23ª edición do Festival de Cinema de Ourense (OUFF) celebrarase finalmente este ano, será entre finais de novembro e comezos de decembro, despois de que a Deputación se fixera cargo deste evento cedido polo Concello de Ourense. Segundo informa este sábado a Deputación de Ourense, a Fundación Carlos Velo asumirá a dirección artística do festival, após un acordo selado polo presidente do ente provincial, Manuel Baltar; o alcalde da cidade das Burgas, Jesús Vázquez (PP), e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Deputación De Ourense Festival De Ourense Ouff 2018. DIPUTACIÓN DE OURENSE
Deputación De Ourense Festival De Ourense Ouff 2018. DIPUTACIÓN DE OURENSE | Fonte: Europa Press

A Lei de Contratos do Sector Público, que entrou en vigor no mes de marzo de 2018, obrigou ao Concello a convocar un concurso público para contratar ao equipo que se encargaría de xestionar o festival e non renovar ao grupo de traballo que organizou o festival os dous anos anteriores. Así, o Concello de Ourense decidiu licitar este concurso no mes de xuño, polo que a súa resolución non se completaría até finais de ano, algo que imposibilitaba a celebración do evento cinematográfico nas súas datas habituais.

A esta situación sumouse a renuncia o pasado mes de xuño por parte de Fran Gayo e Analía G. Alonso, director artístico e produtora executiva do OUFF, de continuar á fronte do Festival de Cinema Internacional de Ourense despois de denunciar condicións para organizar a cita que estaban "lonxe de ser as desexables". Estes aseguraron a través dun comunicado publicado nas redes sociais que, "a catro meses" da celebración da cita, non recibiran por parte do Concello "unha proposta firme e formal" que garantise "a boa consecución" do festival nin se garantía a súa continuidade "máis aló desta edición".

Así mesmo, queixáronse de decatarse da licitación do concurso polos medios de comunicación cando levaban varios meses traballando na organización da edición vixésima terceira do OUFF. Esta situación provocou que o Concello de Ourense abrise unha comisión de investigación, solicitada polo PSdeG por "presuntas anomalías importantes" na organización do evento cinematográfico, con críticas da oposición á xestión da concelleira de Cultura, Belén Iglesias.

EDICIÓN DE "TRANSICIÓN"

Pola súa banda, a Deputación de Ourense informou este sábado de que será unha edición de "transición", pero con "un novo modelo organizativo que asegura a súa continuidade", en palabras do presidente provincial, Manuel Baltar. Nesta liña, o presidente provincial sostén que se baseará en tres elementos: "A innovación, a participación cidadá e a calidade do programa".

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegura que este acordo "permitirá que Ourense siga sendo un punto de referencia no audiovisual galego"; mentres que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, manifesta a súa satisfacción por que este compromiso que "fará que o OUFF siga sendo o festival de cinema de Galicia e o escaparate o audiovisual galego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta