Outubro comeza a ser o mes maldito dos lumes en Galicia

Na primeira semana de outubro ardeu máis que todo o que ardeu durante o verán o que fai temer que se poida repita a vaga de lumes de hai un ano. O incendio de Mondariz podería ser o peor deste ano. A súa virulencia e intensidade provocou que chegara a ser trendig topic na noite do domingo en Tuiter.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2018 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

Galicia rexistra máis de 500 hectáreas queimadas no que vai de outubro, unha cifra similar ao ardido en todo o verán, con base nos datos que publica a Consellería de Medio Rural (só informa de lumes a partir de 20 hectáreas ou dos que son de especial perigo).

O incendio forestal de Mondariz (Pontevedra). Marta Vázquez
O incendio forestal de Mondariz (Pontevedra). Marta Vázquez | Fonte: Europa Press

Deste xeito, até a mañá deste luns, 8 de outubro, a Xunta informou de ao redor dunha decena lumes en Galicia no que vai de mes, que suman máis de 500 hectáreas queimadas polo momento.

Desde o 1 de outubro sucedéronse os lumes nos municipios de: Cervantes (12,5 hectáreas arrasadas), Ortigueira (20 hectáreas), Rianxo (19 hectáreas), Muíños (19 hectáreas calcinadas e con afectación ao parque natural do Xurés), Redondela (4 hectáreas). A lista prosegue con Verín (37 hectáreas), dous lumes na Gudiña, nas parroquias de Barxa e Pentes (con 37 e 35 hectáreas afectadas, respectivamente).

Até o momento, o máis grande en superficie queimada é o de Nogueira de Ramuín, na Ribeira Sacra, na parroquia de Santo Estevo de Ribas de Sil, con 173 hectáreas afectadas. Un incendio que pode ser superado polo de Mondariz, que segue ardendo e xa leva calcinadas máis de 150 hectáreas.

Este lume quedou controlado sobre as 13,00 horas deste luns, pero obrigou ao desaloxo de decenas de veciños na . O último lume declarado foi na madrugada deste luns, en Pedrafita do Cebreiro (Lugo), que polo momento afecta a un cinco hectáreas.

Un membro do Brif no lume de Mondariz
Un membro do Brif no lume de Mondariz | Fonte: BRIF

TEMOR A NOVAS VAGAS

Precisamente, nuns días cúmprese un ano da vaga de lumes que arrasou preto de 50.000 hectáreas en Galicia e provocou catro mortos na fin de semana do 14 e 15 de outubro de 2017. Precisamente, en Mondariz aconteceu o que hai un ano pasou en varios concellos de Galicia, principalmente, do sur de Pontevedra, cando se deu unha combinación de seca --moitos meses sen chover--, baixa humidade e, sobre todo, moito vento.

O vento foi o causante de que o lume, que comezou á última hora da tarde do domingo, se propagara de xeito descontrolado e ameazara tres núcleos de Sabaxáns. Iso obrigou a decretar Alerta 2 e a desaloxar a preto de 50 veciños. A mesma situación que a de hai un ano, na que foron centos as persoas desaloxadas, como tamén moito peor a intensidade do lume.

Profesionais, investigadores e políticos coinciden en que outubro estase convertendo no peor mes para sufrir incendios. Este mesmo luns, a tenente de alcalde de Mondariz, María Peralba, comentaba o seu temor a pasar polo mesmo de hai un ano. "Foi na mesma época e coa mesma seca", aseguraba e criticaba a falta de medios e de información por parte da Xunta que aseguraba que a súa intervención foi "magnífica".

E, a pesar dos graves lumes do 2017 e das medidas anunciadas por Feijóo no Parlamento para facerlle fronte, o certo é que, desde entón, pouco se ten feito. Sobre todo, no que ten que ver coas franxas de seguridade. Un punto no que Xunta e concellos non acaban de definir as súas competencias ou as utilizan para escurrir o bulto. Tampouco hai unha gran concienciación nos propietarios. "Isto só se rematará cando haxa fortes multas, tanto a particulares como ás propias administracións", indica un membro dos equipos de loita contra o lume consultado.

IMPORTANCIA DAS REDES

Novamente, e tal e como xa aconteceu hai un ano coa vaga de lumes de outubro, as redes sociais foron fundamentais á hora de informarse. Galicia Confidencial contabilizou 6.832 chíos en Twitter sobre Mondariz desde a media tarde deste domingo —cando se deu a coñecer a existencia do lume— até a pasada madrugada.

De feito, tal foi a importancia, que o incendio de Mondariz chegou a ser trending topic na rede social do paxaro azul. Axentes medioambientais e bombeiros foron os máis activos na difusión de información e tamén os máis seguidos. De feito, un chío publicado por GC no que se agradecía o seu traballo foi un dos máis compartidos dos últimos tempos entre estes profesionais.

Tamén os xornais ferveron entre as nove e as doce da noite, con centos de persoas consultando informacións sobre o incendio. E, como aconteceu hai un ano, foi La Sexta, quen levou o incendio a ser unha preocupación a nivel do estado con entrevistas con políticos do concello, da Xunta e responsables dos equipos de loita contra o lume.

CRÍTICAS OPOSICIÓN

Sobre o acontecido este domingo, BNG e En Marea foron moi críticos co operativo do lume e denunciaron que non se aprendera do acontecido hai un ano. O PSdeG urxiu crear este mes unha comisión técnica que revise os protocolos de extinción de incendio e o PP destacou a "reacción inmediata" dos servizos de extinción.

Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro de 2017
Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro de 2017 | Fonte: 1.1 Fotografía.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Os incendios non " saen da nada", Os provocanos incendiarios. O titular da noticia debería ser " Octubro comenza o ser o mes maldito no que os incendiarios actúan mais" ¿ Ou é que imos reptir ata o infinito que a culpa dos incendios a ten a política forestal da xunta? Non é nengunha política forestal a que provoca os incendios, son os incendiarios. Sen eles, non habería prácticamente incendios. Repitamos: O monte non arde só.