Villares avisa a Iglesias que En Marea "non é satélite" de Podemos e elixirá como ir ás europeas

O partido instrumental presenta o seu plenario, que aprobará o calendario para renovar a súa dirección e abordará o modelo para as europeas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2018 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, avisou ao líder de Podemos, Pablo Iglesias, que o partido instrumental "non é un satélite" do partido morado e, por tanto, decidirá de maneira "soberana" como e con quen se presenta ás eleccións europeas do próximo mes de maio. Villares realizou estas declaracións no acto de presentación do plenario que En Marea celebrará o próximo 27 de outubro na Facultade de Dereito de Santiago, onde a formación rupturista abordará coas súas bases como presentarse ás europeas.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, presenta o plenario do 27 de outubro
O portavoz de En Marea, Luís Villares, presenta o plenario do 27 de outubro | Fonte: Europa Press

Este xoves, após as informacións que apuntan a que Podemos xa ten perfilada a súa candidatura de cara á devandita cita electoral, o portavoz de En Marea aproveitou para lanzar unha mensaxe ao "compañeiro" Pablo Iglesias "desde a fraternidade": "En Marea non é un satélite de Podemos, ninguén pode falar por ela". Así, incidiu en que serán os inscritos do partido instrumental quen decidan a maneira de presentarse aos comicios europeos. A proposta da dirección, elaborada coas achegas recollidas en encontros coa militancia, é buscar alianzas con outras forzas, a condición de que se compartan unha serie de "mínimos" programáticos e En Marea actúe na candidatura como un ente diferenciado e "soberano".

Villares remarcou que a relación entre En Marea e Podemos é de "igual a igual" e que, por tanto, non existe "subordinación"; polo que incidiu en que son os inscritos os que toman as decisións que afectan á organización. Ademais, tamén se referiu ao proceso interno de Podemos Galicia, que desde este xoves celebra unhas primarias das que sairá unha nova dirección que Villares confía en que aposten por "traballar desde dentro". En canto ás europeas, sinalou que En Marea aspira a tecer alianzas para ir da man ás eleccións con outras organizacións e estendeu esta invitación a Compromiso por Galicia, partido non que participa no espazo político pero que definiu como unha "forza irmá".

PLENARIO

Ademais do modelo para as europeas, En Marea aprobará no plenario do día 27 o calendario para a renovación dos seus órganos de dirección. De recibir o visto e prace da militancia á proposta da dirección, as votacións serían do 1 ao 3 de decembro. O portavoz orgánico e parlamentario sinalou que este calendario foi aprobado por "consenso" no Consello das Mareas, onde tamén ten representación o sector crítico que integra a Mesa da Confluencia, órgano impulsado por Compostela Aberta e que, apoiado por Podemos, EU, Anova e as mareas da Coruña e Ferrol, reclamou un adianto electoral para que o proceso non interfira nos meses previos ás municipais.

Así as cousas, estas eleccións internas desenvolveríanse entre o 27 de novembro co arranque da campaña e as 09,00 horas do luns 3 de decembro, día no que se pecharían as votacións iniciadas 48 horas antes. Unha vez aprobado o regulamento das primarias --ao longo do plenario do día 27-- clausuraríase o censo para poder participar nelas e emitir voto. O prazo para presentar candidaturas sería do 20 ao 23 de novembro e a proclamación definitiva de listas, unha vez pasado o período de corrección, produciríase o luns 26.

Así as cousas, a dirección de En Marea expón que os sábados 8 ou 15 de decembro teña lugar a constitución do novo Consello das Mareas que, á súa vez, elixirá os membros da Coordinadora Nacional (equivalente á executiva nun partido clásico). Para este órgano non poderán ser elixidas persoas que ostenten cargos en equipos directivos doutras organizacións, que si terán permitido presentarse ao Consello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta