Cal é a medida máis efectiva ata o momento para rematar coas velutinas?

O sector pide a implicación directa e "efectiva" da Xunta na erradicación desta especie invasora, non só con liñas de financiamento, senón cun protocolo de actuación unificado.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/11/2018 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

As trampas eléctricas. Esa é a unha das medidas que demostrou ata o momento resultados moi positivos para rematar coas velutinas. Así o sinalan estudios realizados dende a Universidade de Vigo e financiados pola propia Xunta de Galicia.

Pero o seu uso xeralizado require dunha grande inversión, gasto que está sendo asumido directamente por cada apicultor e apicultora de xeito individual. Por iso, desde Stop Velutina pídenlle á Xunta que se implique máis directamente na erradicación desta praga. Fixérono xa directamente este venres cunha iniciativa presentada na Xunta na que piden axudas para cubrir os gastos derivados de protexer as colmeas, como por exemplo coa instalación de trampas eléctricas.

Lembran que o ataque deste animal nas colmeas supón un debilitamento da saúde do enxame, podendo provocar a súa mortantande directa ou indirectamente, o cal supón a redución na produción de mel e doutros produtos da colmea. Hai que ter en conta que a apicultura non é só unha actividade gandeira produtiva, da que se benefician produtores e consumidores. "As abellas son clave para o mantemento da biodiversidade a través da súa función polinizadora, polo tanto o seu coidado e protección non debe recaer exclusivamente nos apicultores e apicultoras", indica a entidade nun comunicado.

Exemplar de avispa asiática, unha especie invasora. Vespa Velutina. ANECPLA - Aquivo
Exemplar de avispa asiática, unha especie invasora. Vespa Velutina. ANECPLA - Aquivo

LIÑAS DE AXUDA

A Plataforma demanda neste senso a convocatoria para o 2019 dunha liña de axudas ó sector apícola para financiar sistemas de protección das colmeas e realizar esta convocatoria en  colaboración co sector apícola, acordando os contidos, condicións e orzamento necesario. Outras peticións incluidas nesta solicitude son a mellora na xestión da retirada de niños, que presenta moitas deficiencias en función do persoal encargado en cada concello, e a continuación das axudas para o trampeo preventivo que, mentres non se desenvolvan outros métodos máis selectivos, é indispensable para o control da praga.

Esta proposta, presentada no rexistro da Xunta, di "está elaborada dende unha visión científica e integrando a experiencia e necesidades dos sectores afectados". E, o principal obxectivo é que se inclúa de forma urxente no orzamento xeral da Xunta de Galicia a financiación suficiente para desenvolver esta investigación a partir do ano 2019. Ademais, pide que se establezan protocolos de actuación unificados, elaborados de forma consensuada e dirixidos tanto á prevención como na retirada de niños.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 José

Non sei por qué razón desde este xornal se lle ten que dar publicidade a un grupo de empresas como Stop Velutina, que ten intereses no combate da praga e que nen sequer especialistas ten, en lugar de dar voz, por exemplo, á Asociación Galega de Apicultura.

1 Redacción GC

Vese que non consultas a miúdo este medio de comunicación: http://www.galiciaconfidencial.com/...' target='_blank'>http://www.galiciaconfidencial.com/... http://www.galiciaconfidencial.com/...' target='_blank'>http://www.galiciaconfidencial.com/... http://www.galiciaconfidencial.com/... http://www.galiciaconfidencial.com/... E podemos seguir así: Recomendo que poñas no buscador Asociación Galega de Apicultura e xa verás o número de noticias publicadas. Un saúdo

2 José

Seino perfectamente, son consciente. O que non entendo é como GC entra en contradición precisamente con esa tradición de novas, que aplaudo, porque é dos poucos xornais que aborda este tema con asiduidade. Un dia sacades un experto que está total e razonadamente en contra dos trampeos non selectivos e o dia seguinte sacades a esta empresa que aboga polas trampas eléctricas..., e que lle pide á Xunta máis apoio...para qué?

3 Redacción GC

Non se trata de contradición, José, trátase de pluralidade. Uns teñen uns sistemas e outros, diferentes. Nós o que tentamos facer é que os lectores coñezan as diferentes opinións que existen sobre esta cuestión. Ou ti prefires un medio monocorde que só dea un punto de vista das cousas como fan os grandes medios de comunicación?. Por certo, benvido á comunidade de lectores do GC porque vemos que es a primeira vez que comentas. Un saúdo