Confirman que os golfiños en Galicia teñen microplásticos no estómago

Científicos publican agora os resultados dun estudo que pon de manifesto que a presenza de microplásticos afecta xa a todos os niveis da cadea trófica mariña. Estas análises xa foran adiantadas en exclusiva por Galicia Confidencial hai ano e medio, coa primeira achega destes resultados por parte dos investigadores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2018 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Polo menos o 94% dos golfiños comúns varados en Galicia entre os anos 2005 e 2010 presentaban microplásticos nos seus contidos estomacais. Esta é a principal conclusión aportada por un estudo realizado por científicos do grupo de Mamíferos Mariños do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), xunto con científicos do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e biólogos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Practicamente a totalidade dos golfiños en Galicia teñen microplásticos nos seus estómagos
Practicamente a totalidade dos golfiños en Galicia teñen microplásticos nos seus estómagos | Fonte: IEO.

Os investigadores acaban de publicar os resultados na revista Marine Pollution Bulletin. No estudo, analizaron 35 contidos estomacais de golfiños comúns, a especie máis abundante en augas galegas, para comprobar se os estómagos destes cetáceos presentaban  microplásticos, e de ser así, cantos e de que tipo.

Acháronse un total de 411 microplásticos, atopándose unha media de 12 por cada contido estomacal. O tamaño medio dos  microplásticos foi de 2,43 milímetros e identificáronse tres tipos: fibras (A): microplásticos con forma de filamentos, hebras ou fíos; fragmentos (B):  microplásticos con forma de partículas irregulares, labras ou escamas; e microperlas (C):  microplásticos con forma de esferas.

Desde hai uns anos están a atoparse microplásticos (fragmentos de plástico menores de 5 milímetros) nun gran número de especies mariñas: zooplancton, crustáceos, peixes, tartarugas, aves..., polo que se considerou necesario ver que pasaba no caso dos mamíferos mariños.

Segundo os últimos achados, o máis probable é que estes microplásticos procedan da inxesta das súas presas, principalmente peixes, os cales á súa vez inxeren os  microplásticos do medio mariño mediante a filtración da auga ou a través das súas respectivas presas. Como resultado, os  microplásticos vanse acumulando ao longo da cadea  trófica ata chegar aos depredadores superiores.

Debido ao seu pequeno tamaño, os  microplásticos non prexudican fisicamente aos golfiños unha vez son inxeridos, cousa que si ocorre cos macroplásticos, senón que o verdadeiro perigo provén dos distintos contaminantes que os  microplásticos poden ter adheridos na súa superficie (por exemplo, PCBs, DDT, BPA, metais pesados, etc.). Estes contaminantes poderían pasar a través do sistema dixestivo e potencialmente afectar de diversas formas á saúde dos golfiños (provocando disrupción  endocrina, alterando a homeostasis, etc.).

Este estudo pon de manifesto que a presenza de microplásticos afecta xa a todos os niveis da cadea  trófica mariña. Con todo, o prexuízo que este problema pode carrexar sobre o ecosistema mariño é aínda incerto, polo que se debe incidir nun maior coñecemento e control.

As mostras a partir das cales se realizou a análise foron recollidas pola Rede de Varamentos de Galicia, que conta con financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

RESULTADOS ADIANTADOS POR GC HAI ANO E MEDIO

Galicia Confidencial adiantou en exclusiva xa hai ano e medio os resultados destas análises nos golfiños varados en Galicia. En concreto, os resultados do estudo dos científicos galegos foran previamente recollidos no libro Fate and Impact of Microplastics in Marine Ecosystem, no cal se recompilaron as actas do congreso 'MICRO 2016: Fate and Impact of Microplastics in Marine Ecosystems: From the Coastline to the Open Sea'. 

Agora, o IEO vén de distribuír esta nova, publicada ano e medio despois no resto de medios de comunicación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta