O Banco de Alimentos Rías Altas procura voluntarios para esta fin de semana

A entidade pide a colaboración da sociedade no que consideran o "peor ano" da crise.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 26/11/2018 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O Banco de Alimentos Rías Altas está a pechar todo o operativo da Gran Recollida de alimentos, que se celebrará en diferentes puntos da provincia da Coruña, os días 30 de novembro e 1 de decembro, organizada pola Federación Española de Bancos de Alimentos.

Operación Quilo do Banco de Alimentos de Vigo
Operación Quilo do Banco de Alimentos de Vigo

Con motivo da presentación da campaña, a presidenta do Banco de Alimentos Rías Altas, Concepción Rei, explicou que necesitan voluntarios en Santiago de Compostela para atender a todos os postos que estarán habilitados nos diferentes supermercados. En total, na provincia da Coruña haberá 160 puntos de recollida.

Na Gran Recollida do 2017, a asociación conseguiu recadar 385.000 quilos de comida, unha cifra que esperan "superar" este ano. "Un pouco de cada un é moito para nós", di Rei, que anima á xente a colaborar esta fin de semana cando acudan a facer a compra ao supermercado.

Esta gran recollida, xunto con outras accións, permitiu que o ano pasado a entidade recadase dous millóns de quilos de comida e superase os 16.000 beneficiarios. E é que, segundo indicou Rei, "non diminúe a necesidade"; ao contrario, "este foi o peor ano", sinala.

AUMENTA A NECESIDADE

"Tivemos máis peticións e as ONGs que colaboran connosco pídennos máis alimentos. Até xurdiron novas ONGs que piden axuda", comentou o presidente do Banco de Alimentos Rías Altas.

Ademais, desde a entidade aprecian un cambio no perfil das persoas que recorren ás asociacións, xa que agora tamén se achegan aqueles traballadores con salarios precarios. "Con 600 euros non poden pagar unha casa e comer", sostén.

Coa Gran Recollida, a asociación espera encher o almacén "para repartir durante todo un ano". Así que, aínda que todo alimento é ben recibido, os produtos principais serían aqueles que sirvan para complementar o arroz ou a pasta: latas, botes de conservas, legumes en conserva; ademais de leite, galletas e cacao.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta