Así será a reestruturación de La Voz de Galicia coa que xustifica recortes de persoal e salariais

O xornal coruñés mudará o seu organigrama o 7 de xaneiro de 2019 e a partir de marzo aplicará un muro de pago a algúns contidos. Haberá mesa de dirección na que decidirán un director do papel e outro do dixital. A empresa defende que a nova organización mellorará a calidade de vida dos empregados. O comité denuncia que se perderán 60 empregos e se seguirá recortando salarios.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/12/2018 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

La Voz de Galicia afronta unha nova etapa en 2019 marcada por un cambio de modelo de negocio e a reestruturación da redacción, non sen polémica e oposición do comité de empresa. Trátase dunha reorganización de gran calado, segundo a dirección, que pretende aproveitar estas mudanzas para desfacerse de 60 xornalistas, mediante baixas incentivadas ou despedimentos, sempre ao límite do expediente de regulación de emprego (ERE), como acostuma facer a Corporación Voz.

Sede de La Voz de Galicia en Sabón, A Coruña
Sede de La Voz de Galicia en Sabón, A Coruña | Fonte: lourdesvirtual.com

A nova etapa comezará o 7 de xaneiro de 2019. Ante a notable caída de vendas de exemplares e a redución dos ingresos por publicidade nas edicións en papel e dixital, a dirección marcouse como obxectivo prioritario defender a posición de liderado que mantén o xornal coruñés na prensa galega e como unha cabeceira de referencia no sistema mediático español.

Haberá integración total das redaccións de papel e dixital, cunha nova mesa de dirección e outra de redacción coordinada por dous redactores xefes.

Para isto, os directivos da Corporación Voz entenden que hai que seguir a tendencia da integración total das redaccións de papel e dixital na vella prensa, acompañada pola posta en marcha do muro de pago, isto é, o acceso restrinxido aos contidos de La Voz, que serán accesibles só para subscritores ou lectores dispostos a pagar por ler determinadas novas. A idea é que este muro de pago sexa erguido en marzo de 2019.

Non é a primeira vez que La Voz, como outros xornais españois, ten experimentado co muro de pago, co fracaso como resultado. A aposta pode comprometer o futuro do xornal, nun país, Galicia —e tamén no resto de España—, no que pagar por ler novas de prensa en Internet non é costume. La Voz, igual que outros grandes grupos mediaticos galegos, só pode compensar a caída de vendas de xornais en papel e da publicidade coas millonarias subvencións, axudas e publicidade que cada ano lle conceden distintas administracións, principalmente, a Xunta de Galicia. Sen este torrente de cartos públicos, o xornal coruñés tería difícil manter a súa posición dominante en Galicia.

A dirección, segundo apuntan os traballadores, está convencida de que as mudanzas que aplicará na redacción servirán para achegar contidos de máis alta calidade.

NOVO ORGANIGRAMA

Coa reestruturación, a dirección estará formada polo director, director web e tres subdirectores. Serán os responsables de tomar as decisións editoriais e organizativas da redacción central e das locais, supervisando e decidindo conxuntamente sobre contidos e canles de información: sitio web, redes sociais, edición impresa.

A nova mesa de dirección tamén decidirá que contidos se poñen tras o muro de pago e cales se deixan en acceso aberto.

A maior parte das seccións do xornal serán reforzadas con persoal da até agora redacción dixital.

O novo organigrama inclúe unha mesa de redacción central, que estará ás ordes da mesa de dirección e será a voz dos que mandan ante os xornalistas. Esta mesa centralizará e ordenará todas as seccións na sede da Coruña, as redaccións locais e o resto de equipos. Xestionará a portada páxina web e o peche da edición impresa, levará o seguimento da audiencia e dirixirá o control de calidade, entre outras cousas.

Esta mesa será dirixida por dous redactores xefes, en dúas quendas diferentes, entre as nove da mañá e as dez da noite. Serán aos que terán que render contas os portadistas, reporteiros de vídeo, deseño, infografía e ilustración e os expertos en seguimento de audiencias e en control de calidade.

A maior parte das seccións do xornal serán reforzadas con persoal da até agora redacción dixital, para potenciar a actualidade en tempo real, os contidos propios, fronte ao procedente de axencias e comunicados de prensa, e colaborar na elaboración de contidos para a edición en papel.

A nova organización supón un cambio nos horarios, xa que a dirección pretende adiantar todos os procesos.

Segundo a empresa, esta nova organización do traballo revertirá nunha mellora na calidade de vida dos traballadores. Porén, o comité de empresa pon en dúbida isto, porque a empresa "está a pedir ao persoal un esforzo suplementario para que se adecúe a novos horarios que, en moitos casos, supoñerán cambios relevantes na actividade diaria dos traballadores". "A cambio", denuncian, "ofrece despedimentos e aumentar o recorte salarial".

DENUNCIAS DOS TRABALLADORES

Como puido saber GC, os representantes dos traballadores denuncian que esta reestruturación contemplá desfacerse de 60 empregados e unha nova "minoración" dos salarios, entre un 12,5% e un 14,5%. Máis recortes de persoal e de salarios, práctica que vén aplicando a dirección da Corporación Voz nos últimos anos, sen atopar a solución definitiva ao seu declive financeiro, só suavizado polas concesións millonarias que ano tras ano lle vén facendo o Goberno de Alberto Núñez Feijóo para manter vivo o principal voceiro mediático da Xunta do PP.

O comité considera "inaceptable" o que propón a empresa, que reclama un maior esforzo salarial por parte do persoal, coa ameaza de despedimento de 60 traballadores.

A plataforma pretende "unha garantía de emprego só para o 80% do persoal ao 31 de decembro, é dicir, descontadas as baixas incentivadas". A dirección tamén propón unha "minoración salarial entre o 12,5% (para ao redor de 40 traballadores) e o 14,5% (para o resto) en función do nivel de ingresos" e unha "recuperación relacionada co 50% dos beneficios da empresa, sen límite de recuperación".

A estas medidas súmase unha "ampliación do segundo día de libranza a todo o ano a cambio de modificar as libranzas dos festivos: fin dos 19 días e aplicación de 1,5 días libres por festivo efectivamente traballado", sinalan fontes internas.

O comité intercentros considera "inaceptable esta plataforma, que reclama un maior esforzo salarial por parte do persoal, coa ameaza de despedimento de 60 traballadores ao longo da vixencia do acordo (un ano, 2019)". "A última vez que se asinou un acordo deste tipo, a empresa executou todos os despedimentos aos que estaba facultada", advirten fontes de La Voz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

7 anonimo

¿ empregar aos despedidos de LVG a base de pagar 48 €/ano ?. Sinto as contas non saen

1 Gamela

25.000 x 48 = 1.200.000 / ano !!! Se quixeramos explicar o que nos estamos a xogar (o futuro) igual os que hoxe visitan GC verían que por moi pouco poderían ser libres !!! Acaso non vemos tódlos días crowdfunding`s para trapalladas moito menos interesantes?

6 Gamela

GC debera fichar a Fernanda !!! https://www.lavozdegalicia.es/firma...

5 límico

Mágoa de periódico. A voz de Galicia foi un referente imprenscindible na nosa recente Historia. Fixo grande labor de difucsión da nosa cultura e lingua. Eu mesmo teño varios colecionables de grande calidade, editados por esa casa. Mais lamentablemente os últimos anos derivou cara unha política editorial alineada co españolismo e o centralismo mais rancio. Coido que mudou ao mesmo tempo que o fixeron persoeiros como Blanco Valdes, José Luís Barreiro, ... E claro .....asi lles vai

1 Untaunta

La Vox de Galicia: proposta de nome para esta nova etapa. RBV e XLBR concordarán de seguro.

4 anonimo

bay, bay panfleto...e quen vai pagar por ler iso en internet ?...os avós xubilados?....jeje. Chegoulle o seu San Martiño...

3 Gamela

Penso que é o momento para que GaliciaConfidencial dea o "sorpasso" nos medios de comunicación de Galicia ! Cómpre unha campaña agresiva para convencer aos galegos de que este é o único xornal digno de ser sostido polos lectores vía GCPlus por 48 € / ano !!! E ofrecerlle un posto de traballo digno aos despedidos da competencia !!!

1 Sentidiño

Concordo. Mais isto só vai ser posíbel cando GC deixe de ser voceiro da metade do galeguismo...