A Asociación de afectados do accidente do Marisquiño preséntase como acusación no xuízo

O colectivo suma unhas 200 persoas, segundo o seu portavoz.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/12/2018 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A Asociación de afectados o accidente do Marisquiño anunciou este venres que se vai presentar como acusación na causa que xulga as responsabilidades derivadas do accidente ocorrido no festival de cultura urbana de Vigo.

Rueda de prensa afectados Marisquiño y políticos en la Favec.
Rueda de prensa afectados Marisquiño y políticos en la Favec. | Fonte: Europa Press

Xulio López, portavoz da asociación, manifestou este venres na sede da Federación veciñal Eduardo Chao (Favec) de Vigo que se constituíron como asociación na Xunta de Galicia para poder acudir e que están pendentes da aceptación xudicial para exercer de acusación particular.

López non puido precisar cantas persoas forman parte da asociación porque "aínda se están constituíndo, pero indicou que son "uns 200" e que teñen un grupo de Whatsapp con "60" membros.

O portavoz da Asociación de afectados do accidente do Marisquiño ofreceu unha rolda de prensa acompañado por representantes de Marea de Vigo, PP, BNG e Ciudadanos, así como da presidenta da Favec, María Pérez, que sinalou que pediron "o apoio de todos os partidos" e que "quen non está é porque non quere", en alusión ao PSDEG.

CITADOS NO PARLAMENTO

Tanto o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, como a portavoz do PP en Vigo, Elena Muñoz, foron citados na comisión parlamentaria que investiga o accidente o próximo día 15 de xaneiro.

Por esta comisión do Parlamento galego xa pasaron representantes das vítimas e aínda non se trasladaron as datas pero declararán tamén o presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, a directora xeral do Porto, Beatriz Colunga, e os organizadores do festival.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo criticou o "abandono de funcións" e a "irresponsabilidade" da Autoridade Portuaria de Vigo e manifestou o seu desexo de que esta comisión parlamentaria "non se converta nun paripé", como, segundo as súas palabras, sucedeu coa de sanidade.

A portavoz 'popular' recordou que o seu partido xa foi aceptado como acusación particular na causa. "Fóronsenos pechando todas as portas políticas en Vigo", esgrimiu.

Xabier Pérez Igrexas, portavoz do BNG na cidade, criticou que a ofina municipal para atender ás vítimas é un "paripé" e instou a "as tres administracións implicadas" —Concello de Vigo, Porto e Xunta— a "cooperar para que isto non volva suceder".

Neste sentido, o nacionalista expuxo que se cre unha "mesa do Porto" na que leve a cabo unha "auditoría de seguridade" sobre todos os terreos do porto vigués.

RECEPCIÓN DO ALCALDE

Xulio López criticou ao PSdeG e ao alcalde de Vigo por non recibir á asociación, un extremo que Abel Caballero negou.

"Non teño unha soa petición de alguén relacionado co Marisquiño que non atenda", sostivo o rexedor vigués, que indicou que "o PP só quere facer política" co accidente.

"A todos os que están na comisión, a noite do accidente non os vin aquí", aseverou Caballero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta