Unha vintena de investigados nunha trama de marisqueo ilegal en Pontevedra

O Seprona calcula que, entre 2012 e 2017, se venderon en lonxa "algo máis de 130 toneladas" de bivalvos sen ser rexistradas en puntos de control

Por E.P. | PONTEVEDRA | 28/01/2019 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A Garda Civil investiga penalmente unha vintena de persoas integrantes de varias agrupacións de mariscadores da provincia de Pontevedra. Están acusadas de supostas irregularidades no control da extracción de ameixas dos bancos marisqueiros no marco dunha trama organizada.

Segundo informou o Instituto Armado, as investigacións que levou a cabo o Seprona da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra iniciáronse no ano 2016. Daquela tívose coñecemento das queixas que había no sector sobre unha serie de irregularidades nos denominados "puntos de control" á hora de estender vales xustificativos das capturas que efectuaban os mariscadores de a pé.

Para comprobar as supostas anomalías a Garda Civil tivo que levar a cabo "unha ardua tarefa para fiscalizar a actividade de marisqueo a pé desenvolvida por dúas confrarías de pescadores da provincia obxecto das investigacións", explicaron as mesmas fontes.

Así, abundou a Benemérita, "chegouse á conclusión de que non coincidían as cantidades de ameixa e berberecho que se vendían na lonxa coas que figuraban en vales das capturas expedidos aos mariscadores nos puntos de control".

Unha vez realizadas as correspondentes inspeccións documentais, os informes do Seprona determinan, tal como concreta o Instituto Armado, que durante o período de tempo comprendido entre 2012 e 2017 "existe un importante desfasamento entre a cantidade de toneladas de ameixa e berberecho que se vendeu na lonxa", que resultou ser "notablemente superior á cantidade que figura na suma total de vales" contabilizados durante o mesmo período de tempo.

Segundo os cálculos do Seprona, estímase que durante ese cinco anos se venderon na lonxa "algo máis de 130 toneladas de bivalvos que foron extraídos dos bancos marisqueiros destas dúas confrarías sen ser rexistradas nos preceptivos vales" dos "puntos de control".

DELITOS

A investigación considera responsables destas supostas ilegalidades a 15 persoas que exercían a súa actividade nos "puntos de control" que, xunto con outras dúas persoas con funcións de responsabilidade na lonxa, foron investigadas penalmente pola presunta comisión dos delitos de "falsidade documental, administración desleal e estafa", concretou a Benemérita.

Outros tres mariscadores foron tamén notificados da súa condición de investigados ao comprobarse que "cobraran, a propósito, as facturas de vales fraudulentos", que expediron a pesar de que non mariscaran, segundo aseguran as mesmas fontes.

As dilixencias instruídas entregáronse para o seu trámite na Fiscalía da Audiencia Provincial.

Marisqueo
Marisqueo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta