Así é a situación laboral da mocidade galega: máis do 50% non ten ningunha ocupación

Só traballa un 38% e a súa taxa de temporalidade é do 57,5%. Os sindicatos alertan de que en 2018 acentúanse a perda de poboación activa e a precariedade

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/01/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A maior parte dos mozos galegos non traballa, non ten ningún tipo de ocupación, e, entre os que traballan, aumentan os contratos parciais. Son datos tirados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Protesta dos mozos contra o paro xuvenil
Protesta dos mozos contra o paro xuvenil | Fonte: Infolibre.com

Dos 317.900 mozos galegos de entre 16 e 29 anos, 122.300 (o 38,5%) están ocupados, 33.400 (o 10,5%) son parados e os 162.100 (o 51%) restantes son inactivos. Representan unha porxentaxe moi pequena do conxunto da masa traballadora galega, menos do 20%. 

De feito, en Galicia había 873.300 persoas asalariadas no cuarto trimestre de 2018, 646.500 con contrato indefinido e os 226.800 restantes con contrato temporal. E, a situación pode ir a peor porque segue baixando a poboació ocupada. Así, a poboación de 16 anos e máis en Galicia diminuiu o pasado ano  a 2.334.300 persoas, 2.000 menos que un ano antes.

DIMINÚE A POBOACIÓN TRABALLADORA

Tamén caeu tanto en variación trimestral como na anual o número de activos, en concreto en 12.400 respecto ao terceiro trimestre (-1%) e 900 de media en todo o ano, ata situar o total en 1.237.000. A taxa de actividade galega é do 53%, con diferenzas entre provincias. E é que en Ourense tan só queda no 47,7%. En Lugo (52%) está por baixo da media galega, mentres está por encima en Pontevedra (53,3%) e A Coruña (54,5%).

Fileira diante dunha oficina do paro
Fileira diante dunha oficina do paro | Fonte: EP

E se se analiza a poboación en idade laboral menor de 29 anos, a ocupación baixa ao 38,5% no cuarto trimestre de 2018. Fronte ao trimestre anterior diminúe 0,5 puntos. De feito, a taxa de paro xuvenil sitúase no 21,5% neste trimestre, aínda que diminúe 2,3 puntos respecto ao trimestre anterior. 

TIPO DE TRABALLO

E como é o traballo dos máis mozos?. Pois o 73,4% dos ocupados traballa a xornada completa. Con respecto ao terceiro trimestre de 2018, esta cifra redúcese un 6,1%, mentres os de xornada parcial aumentan en 3.900 persoas. 

Deste xeito, a taxa de temporalidade para este colectivo sitúase no 57,5% e o número de mozos con contrato indefinido aumentou unha 6,7% fronte ao trimestre anterior e un 15,4% respecto ao mesmo trimestre de 2017. 

CRÍTICAS

Por iso, os principais sindicatos en Galicia --UGT, CIG e CC.OO.-- alertan de que en 2018 acentúase o envellecemento do mercado laboral, cun descenso da poboación activa, especialmente entre os mozos, unido ao avance da precariedade.

UGT denuncia que a crise e as diversas reformas laborais "deixan como herdanza" unha precarización do mercado laboral e dos dereitos dos traballadores en Galicia, ata situar a taxa de pobreza e exclusión social nos 22,6 puntos.

Pola súa banda, a CIG advirte da "caída libre" da poboación activa en Galicia ao longo de 2018, especialmente entre menores de 40 anos. De feito, apunta que os datos da EPA destacan a desaparición de 4.800 activos novos.

A CIG sinala á emigración de mozas e aos problemas no sector industrial como factores que están detrás da perda da poboación activa, nunha "terciarización" da economía galega que "profunda no empobrecimiento da poboación". Apunta que en 2018 desapareceron 2.200 empregos industriais.

Tamén nesta liña, CC.OO. denuncia unha temporalidade "insustentable" en Galicia, cunha precariedade que "alimenta a perda de poboación activa", xa que as condicións laborais "non son atractivas" para configurar proxectos de vida na Comunidade. A responsable de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, reclama empregos e salarios "dignos" nun momento no que os sectores industriais están "en permanente crise".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Yti

Agora a disfrutar dos anos perdidos durante o tardofranquismo do PP... E as galegas emigrando co que a reposición da poboación de raza galega está en perigo de exterminio. Felicidades ós agraciados.