A A-57, a "outra navallada" que parte Galicia á metade

Esta autovía que unirá O Confurco, en Ponteareas, con Barro, na Coruña está tendo unha forte contestación social con miles de alegacións. En Change.org xa se recolleron case 100.000 sinaturas en menos dun mes. Distintos colectivos ecolistas piden que se rescate a AP-9 para evitar un novo desastre natural e paisaxistico.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/02/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Este 4 de febreiro rematou o prazo de alegacións do treito da autovía A-57 A Ermida–Pilarteiros proxectada como circunvalación de Pontevedra. Esta infraestrutura, que quere cruzar Galicia de norte a sur, e que vai paralela a outra idéntica, pero de pago, a AP-9, está provocando numerosas críticas e récords de recursos veciñais as súas distintas alternativas.

Rajoy visita as obras da A-57, en Pontevedra
Rajoy visita as obras da A-57, en Pontevedra

De feito, nos últimos días, veciños de Pontevedra afectados polo trazado concetraronse fronte á sede de Carreteras del Estado en sinal de protesta .A medida produciuse tras o aluvión de reclamacións dos veciños contra este segundo tramo da circunvalación de Pontevedra. Os afectados reclamaron un deseño alternativo, unha terceira vía, para reducir o impacto da construción desta autovía, que levaría a expropiación de vivendas.

O elevado número de alegacións, varios miles, saturou as oficinas de Fomento. E iso provocou que os afectados optaran por outros rexistros para formalizar o seu rexeitamento á A-57. Entre eles, o do Concello, que habilitou unha liña para facilitar a presentación destas reclamacións. E non son os únicos que se opoñen.

AFECTACIÓN A ESPAZOS NATURAIS

O plano técnico do novo treito contempla dúas alternativas de trazado, que atravesan mediante viadutos ,o espazo natural do río Lérez integrado na Rede Natura 2000. Ambas as dúas variantes consideradas para o treito da A-57 afectan, ademais de a vivendas e propiedades, ao espazo protexido ZEC Río Lérez

Activistas da Plataforma Salvemos a Serra de Fracha,  que será afectada pola construción da A57
Activistas da Plataforma Salvemos a Serra de Fracha, que será afectada pola construción da A57

Este espazo protexido acolle hábitats prioritarios e de interese europeo, particularmente o 91E0 Bosques aluviais e 9230 Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica, que verán reducida a súa superficie de xeito significativo. 

Segundo os colectivos ecoloxistas, como Adega, a construción da infraestrutura eliminará nada menos que 9.346,28 e 4.240,91 metros cadrados de bosques aluviais, só para as alternativas 1 e 2 respeitivamente; e 653,27 e 1.739,19 metros cadrados de carballeiras.

ESPECIES EN PERIGO

O resto do trazado afectará a especies catalogadas como “vulnerables” e “en perigo de extinción”. Entre elas están as últimas poboacións de salmón atlántico ao Sur de Europa. Tamén destruirá o maior viveiro de produción de castaño micorrizado de Europa, xestionado, precisamente, por Hifas da Terra, un referente en biotecnoloxía a nivel mundial.

Esta empresa, que ten na zona afectada polo trazado a base e orixe de toda a súa actividade ecolóxica, de investigación e de innovación no desenvolvemento de Micoloxía aplicada, tería que pechar as súas portas. Por iso, iniciou unha recollida de sinaturas para pedir a paralización desta obra que suma xa case 100.000 apoios.

Distintos colectivos sociais, empresariais e ecoloxistas teñen pedido xa a paralización desta infraestrutura polo seu forte impacto e porque, din, xa hai outra autoestrada, a AP-9 que podería absorver toda esa circulación. De feito, apuntan que o custe total desta vía, 140 millóns de euros, poderíase adicar para rescatar a autoestrada propiedade de Audasa.

“ADEGA denuncia o malgasto de cartos públicos que supoñen este tipo de infraestruturas, baseada en políticas de mobilidade caducas e insustentábeis, e cuxa única fin semella ser manter o negocio das grandes construtoras e seguir engordando as contas da concesionaria da AP-9”, denuncia este colectivo ecoloxista.

Tamén distintos grupos políticos se teñen posicionado en contra. De feito, En Marea, ten presentado diversas iniciativas no Congreso reclamando a paralización desta infraestrutura.

A A-57

A autovía A-57 pretende conectar O Confurco, en Ponteareas conectando coa A-52, ata Curro, no concello de Barro, pasando por Pontevedra. Pasa polos concellos de Pazos de Borbén, Soutomaior e Vilaboa para logo circunvalar Pontevedra polo Leste para chegar ao Super Nó de Curro, en Barro onde se conectará coa AP-9, a autovía AG-41 a Sanxenxo e coa futura autovía AG-XX a Vilagarcía de Arousa.

Á altura de Vilaboa (preto de San Simón) haberá unha tripla conexión, coa AP-9, a N-550 e o ramal de conexión da A-57 coa Rede Arterial Viaria de Vigo e o aeroporto de Vigo. Terá enlaces con Arcade, Redondela Norte, Redondela Sur, Aeroporto de Vigo e IFEVI/AP-9 . Como outras grandes infraestruturas galegas leva anos de atraso. Supostamente tiña que estar xa rematada o 2015.

Críticas contra a construción da A-57
Críticas contra a construción da A-57 | Fonte: Adega A57
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Repitamos, uhna e mil veces, que a alternativa é o tren, e que o tren é mais rápido, mais cómodo e mais barato que a autopista entre Coruña e Vigo: uns 18 euros, e un 20% de desconto en ida e volta. Unha hora e vinte de percorrido. Menos autopistas, mais tren.

2 A come-lo caldo

A navallada consiste en cobrar a escandalosa peaxe que hai entre as vilas de Vigo e Ferrol. Esa é a gran navallada que divide Galicia en dúas metades.

1 Deprimido-com-estes-políticos

Que barbaridade!!!!