Reescrita a historia das primeiras igrexas medievais en Galicia

Investigadores do proxecto EMCHAHE da Universidade de Santiago aportan novas datacións para templos da Alta Idade Media. O estudo evidencia, ademais, a "complexidade da arquitectura altomedieval en Galicia", que foi "moito máis heteroxénea e dinámica do tradicionalmente pensado".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/02/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Durante os últimos anos, o proxecto EMCHAHE (Early Medieval Churches: Archaeology, History and Heritage), conducido pola Universidade de Santiago, estivo explorando os restos arquitectónicos das primeiras igrexas medievais en Galicia. Agora, os investigadores presentan os resultados da luminiscencia e a datación por radiocarbono da argamasa de catro igrexas medievais: Santa María de Mixós (Monterrei) e os restos dos antigos templos de San Adrián de Amiadoso (Allariz), San Breixo de Ouvigo (Os Blancos) e San Xoán de Panxón (Nigrán). Os resultados permiten un novo relato sobre a historia das igrexas altomedievais no país.

Igrexa de Santa María de Mixós, en Monterrei.
Igrexa de Santa María de Mixós, en Monterrei.

Estes novos resultados cronolóxicos comparáronse cos do conxunto das igrexas altomedievais para as cales xa hai citas absolutas —Santa Comba de Bande, San Xés de Francelos, Santa Eufemia de Ambía, San Martiño de Pazó, Basílica da Ascensión, os restos da igrexa ubicada no xacemento da Cidadela e San Martiño de Armental—, obtendo a primeira visión xeral non só das tendencias cronolóxicas (ao final do século IX e principios do século X, aparentemente un período de especial intensidade da construción de igrexas), senón tamén das características técnicas, formais e espaciais que definen as primeiras igrexas medievais galegas.

As análises permitiron confirmar que as igrexas de Santa María de Mixós e San Adrián de  Amiadoso deberon ser construídas nalgún momento dos séculos VIII ou IX (en ambos os casos, a maior parte dos estudos recentes coincidían en situar a cronoloxía destes templos entre os séculos IX e X). 

Por outra banda, as datacións radiocarbónicas de San Xoán de Panxón e San Breixo de Ouvigo abren a posibilidade de que estas dúas antigas igrexas sexan máis modernas do tradicionalmente proposto (século X para Panxón, e séculos X-XII no caso de Ouvigo), se ben os investigadores piden tomar estes resultados "con precaución", aínda que consideran "plausible" a súa hipótese.

A integración das datacións absolutas destes catro templos coas doutras sete igrexas  altomedievais galegas permitiu comprobar que, á luz dos datos dispoñibles, o período de segunda metade do século IX e primeira metade do X parece o de maior auxe construtivo de igrexas, aínda que os autores sinalan exemplos previos que falan dunha arquitectura tardoantiga en Galicia na que se observan moitas das características que apareceron logo nas construcións dos séculos IX e X. En concreto, din, só parecen escapar do período IX-X templos como a cripta da basílica da Ascensión (século VI), Santa Comba de Bande (segunda metade do VIII), a igrexa da Cidadela, e talvez a de San Breixo de Ouvigo, a falta dunha cronoloxía máis axustada.

COMPLEXIDADE ARQUITECTÓNICA

O estudo intensivo das características, non só técnicas e formais, senón tamén espaciais, destas igrexas, permitiu observar algunhas "tendencias significativas", como a proximidade nas características de igrexas como Santa María de Mixós e Santa Eufemia de Ambía, que se une a cronoloxías similares segundo as súas datacións absolutas, e que permiten expor para ambas un contexto construtivo similar. 

Esta proximidade repítese noutra parella de igrexas, a de San Martiño de Pazó e San Miguel de Celanova, que confirmarían a súa adscrición a un contexto de metade do século X ligado á promoción da familia de San Rosendo, unha das máis poderosas do Reino de León neses momentos, e que explicaría a introdución de novidades nelas, como o uso da escuadra que permite a produción de perpiaños perfectamente ortogonais. 

Por último, a conclusión principal dos investigadores é a "complexidade da arquitectura  altomedieval en Galicia", que consideran "moito máis heteroxénea e dinámica do tradicionalmente pensado", xa que, din, "mostra a convivencia dunha gran variedade nos tipos de plantas, técnicas construtivas e solucións formais utilizadas en edificios a miúdo moi próximos espacial e temporalmente".

Isto, para os autores do estudo, "reflicte sen dúbida, un contexto social de fundadores e promotores igualmente complexo e dinámico" que será obxecto de próximas investigacións.

Os resultados do estudo publicáronse no último número da revista científica Hortus Artium Medievalium, nun traballo titulado 'Cronotipología y datación absoluta de iglesias altomedievales en Galicia. Primeros resultados del proyecto EMCHAHE'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta