A oposición afea ao PP a protesta " fachoide" de Madrid mentres os galegos "defendían" a sanidade en Santiago

Tamén critica as conexións en directo da TVG coa manifestación en Colón e que non fixese o mesmo coa de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/02/2019 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) afearon ao PP a manifestación "fachoide" convocada pola dirección nacional do partido este domingo pasado na Praza de Colón de Madrid, mentres noutra protesta en Santiago os galegos "defendían" a sanidade pública fronte aos "recortes" da Xunta.

Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis
Alberto Núñez Feijóo, co presidente do PP, Pablo Casado, e o da Junta de Andalucía, Juanma Moreno, na manifestación en Madrid contra Pedro Sánchez, secundada tamén polo partido ultradereitista Vox, falanxistas e neonazis | Fonte: @JuanMa_Moreno.

No pleno do Lexislativo autonómico, a deputada de En Marea Eva Solla defendeu unha moción na que se pedía á Consellería de Sanidade o aumento de efectivos profesionais en urxencia e atención primaria e a apertura de camas contra a "saturación" dos servizos.

Todos os grupos da oposición mostráronse favorables á iniciativa e criticaron a concorrencia dos líderes do PP, incluído o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás mobilizacións en Madrid contra as políticas de Pedro Sánchez.

Solla tachou de "fracaso" e "pinchazo" esta "manifestación do orgullo facha" que contou coa presenza "dos que defenden a división da sociedade", debido a que tamén foi secundada por Ciudadanos, Vox e grupos falanxistas e neonazis.

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Xullo Torrado chanceou con que a oposición estaba na capital galega "escoitando á xente que ten voz" e o PP "escoitaba a Vox". Ademais, recalcou as "diferenzas en canto ao clima" entre ambas as cidades: "Mentres en Santiago estaba a chover, en Madrid estaban cara o sol coa camisa nova".

Nestes termos, a parlamentaria do BNG  Monste Prado apuntou que a protesta do domingo evidencia que "cada vez son máis" os galegos que "non compran o relato" da Consellería de  Sanidade, "aínda que a TVG faga conexións en directo con Madrid", onde tiña lugar unha realidade "fachoide", á vez que "non retransmite o que está a pasar en Galicia".

E é que, segundo a nacionalista, os dez anos de mandato de Feijóo supuxeron "retrocesos" en condicións laborais, "oídos xordos" e "prepotencia" na súa xestión. "Fronte a iso, cada vez son máis os profesionais que están a dicir: ata aquí chegamos", continuou Prado.

Así mesmo, o parlamentario socialista agredeceu que a xente en Galicia "se manifestase" fronte aos "insultos" dos populares ao presidente Pedro Sánchez, xa que "mellorar o sistema" sanitario "é máis importante que escoitar cousas sobre felonías e traizóns".

RESPOSTA DO PP

Fronte a todo iso, a deputada do Grupo Popular Encarna Amigo suxeriu que "o patriotismo se mida en que o Goberno central lle dea o mesmo a Galicia que a Cataluña", sinalando á súa vez que, en canto á sanidade, a oposición fala "unha vez máis" de "realidades diferentes".

Por iso, solicitoulles "deixar de falar de demagoxia" e ser "serios", xa que "organismos internacionais", segundo asegurou, avalan o servizo galego como "unha das mellores sanidades do mundo". "Vostedes seguen ancorados no pesimismo e catastrofismo", esgrimiu.

Con todo, Amigo admitiu "posibles deficiencias" do sistema, polo que insistiu en que a Consellería de Sanidade ten "vontade negociadora", pois xa está a traballar en "comisións técnicas" con representantes sindicais e profesionais para mellorar a atención primaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta