Por Galicia Confidencial | Madrid | 28/02/2019 | Actualizada ás 11:34
O PP de Pablo Casado asume cada día un pouco máis o discurso de “España una, grande y libre” que semella querer impoñer Vox no conxunto do estado. Se hai uns días apostaba abertamente por prohibir a actual Lei do Aborto, a súa última proposta podería chocar tamén contra outros dirixentes do seu partido, principalmente, en Galicia.
E o certo é que o líder popular acaba de asumir e facer seu o discurso de Vox e de Ciudadanos con respecto ás autonomías ou nacionalidades históricas con lingua propia; defender a ultranza o castelán, mesmo por riba, dos dereitos dos cidadáns a poder ser atendidos na súa propia lingua materna. Así,o PP incluirá no seu programa unha lei orgánica para blindar o castelán como lingua oficial do Estado e prohibir que a lingua cooficial sexa un requisito indispensable á hora de acceder a un emprego público.
Esta situación implicaría que os opositores galegos que queiran sacar unha praza para poder traballar na súa terra estean en desvantaxe con outros do conxunto do estado que poderían aprobar a praza sen saber nada de galego. Unha situación esperpéntica xa que poderia darse o caso de que unha persoa que non saiba galego poida ser destinada como médico ou funcionario a zonas do interior ou da montaña de Galicia onde hai xente que case non fala castelán e que, polo tanto, podería errar en dianósticos médicos ou en trámites administrativos.
REFORZAR O "ESPAÑOL"
Con esta medida, o PP quere reforzar o uso do “español” en Cataluña, Baleares, País Vasco, Galicia e a Comunidade Valenciana e que o castelán sexa a lingua vehicular non só do ensino, senón, tamén, da Administración. Por iso a Lei da Lingua do PP avogará por “reforzar o carácter oficial do castelán nos actos administrativos”, o que implicará que todas as comunicacións públicas “sempre deberán facerse en castelán”.
E para facer cumplir a lei, o PP mesmo quere incluir unha restrición económica; que as sancións que vaian escritas nunha lingua que non sexa o castelán quedarán exentas de pago Ademais, os sinais de tráfico, os paneis e as placas urbanas e interurbanas teñen que estar en castelán.
Estas medidas coinciden en boa parte coas validadas polo Tribunal Supremo en contra da ordenanza lingüística de Lugo aprobada en 2012 co apoio do propio PP, do PSOE e do BNG e recurrida por Galicia Bilingüe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.