Falar do aborto "é algo que lle interesa ao PSOE e á esquerda", di Feijóo

"Que non conten comigo para entrar a ese trapo, porque sobre eses asuntos xa nos temos pronunciado", di sobre unha proposta que fixo Pablo Casado de modificar a actual lei do aborto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2019 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que o Partido Popular "xa se ten pronunciado" sobre a actual lei do aborto --aprobada en 2010 baixo o Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero-- e lembrou que ese asunto "está no Tribunal Constitucional" por mor dun recurso presentado entón polo seu propio partido, polo que apelou a "esperar" ao que diga este órgano.

Na comparecencia posterior á reunión co seu Executivo, o líder autonómico foi preguntado polas polémicas declaracións do presidente do PP, Pablo Casado, en asuntos sobre a interrupción do embarazo e a violencia de xénero. "Entendo que hai algúns temas que interesan ao Partido Socialista e á esquerda que forman parte do debate electoral, pero que non conten comigo para entrar a ese trapo, porque sobre eses asuntos xa nos temos pronunciado", aseverou.

Neste contexto, Feijóo expresou que lle gustaría que en asuntos "tan complexos" e con tantas "formulacións éticas" como o aborto debería "haber un gran consenso" como o alcanzado en 1985 coa primeira lei que o permitía. "Ese consenso crebouse, ese asunto está no Tribunal Constitucional e esperemos o que diga", engadiu. En calquera caso, o presidente da Xunta garantiu que "mentres as leis están vixentes", en Galicia "e no conxunto do Estado, cúmprense".

Para Feijóo, o debate sobre a interrupción do embarazo é un "asunto tan sensible que ten tantas sensibilidades como persoas", polo que "o presidente dun partido político, un deputado, un concelleiro ou calquera cargo ten o dereito de ter unha opinión persoal e a mostrala, a trasladala e a clarificala".

Ademais, sobre a violencia de xénero, insistiu en que "a desigualdade e o machismo é algo execrable" e, por iso, o seu Goberno "vai seguir loitando, afecte a quen afecte e diga o que diga o que non estea de acordo con isto".

Activistas en contra do aborto nunha protesta
Activistas en contra do aborto nunha protesta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta