Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2019 | Actualizada ás 15:26
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou este luns o portal Retorna, que ofrece unha canle única de información e asesoramento, así como de contacto coa Administración para aqueles galegos que se atopan no exterior e queren regresar a Galicia.
Tal como destacou Rodríguez Miranda, o obxectivo desta iniciativa é "servir de ligazón directa" entre o Goberno autonómico e os miles de galegos que residen no exterior e queren regresar.
"O portal Retorna pretende ser algo máis que un instrumento de comunicación, unha ferramenta que hoxe xa é imprescindible para todos os galegos do exterior, tanto para os que están a pensar en volver a Galicia como para aqueles que xa tomaron esta decisión e están aquí", destacou.
Desta maneira, a web non só permite acceder a máis de 50 medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para obter a información que necesite, senón que facilita "cun só clic" solicitar as axudas que estean dispoñibles nese momento por vía telemática.
Así, o responsable de Emigración asegurou que a intención da Xunta é "seguir" desde o país no que se atope ata que estea "integrado no ámbito familiar, educativo, sanitario e profesional" de Galicia a cada un dos galegos que decide volver.
Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou que a posta en marcha do portal Retorna enmárcase no actual proceso de transformación dixital da Administración pública para "convertela nunha administración aberta e accesible as 24 horas os 365 días do ano".
INCREMENTO DO 21%
Segundo datos da Xunta, en 2017 incrementouse un 21% o número de persoas que retornaron a Galicia, con ata 6.202 casos. Así mesmo, no primeiro semestre de 2018, rexistrouse un aumento do 25% respecto ao mesmo período do ano anterior.
Segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), nos últimos oito anos creceron os regresos a Galicia nun 90%, "o que apunta unha clara tendencia á alza do número de galegos que deciden volver á súa terra de orixe".
Desta forma, o número de galegos nados en Galicia que residen no exterior continúa diminuíndo, "especialmente entre a poboación en idade laboral", que se reduciu nun 31% na última década.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.