Temas: SEAGA INCENDIOS

Xunta e municipios identifican actuacións en franxas contra o lume para comezar rozas en próximos meses

O decreto para optar ao servizo público está en tramitación e a Xunta insiste en que "non hai discriminación".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2019 | Actualizada ás 19:39

Comparte esta noticia

A Xunta e os municipios colaboran para definir as franxas secundarias, aquelas próximas a núcleos de poboación, contra o lume co fin de comezar as rozas en próximos meses. Así o trasladaron por parte da Consellería de Medio Rural despois de que traballadores de Seaga avisasen este xoves -no marco dunha protesta pola "incerteza" sobre o seu futuro laboral- de que non hai avances sobre a limpeza de franxas.

Incendio forestal.
Incendio forestal.

Sobre este extremo, o Goberno galego explica que tras o convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) estase nunha primeira fase -de xaneiro a marzo- na que a Consellería colabora cos concellos sumados ao acordo para a elaboración de plans básicos de prevención de incendios.

Así, os concellos teñen que trasladar á Xunta toda a información cartográfica da que dispoñan para marcar as franxas de seguridade nas que rozar coa correspondente identificación dos titulares catastrais das parcelas.

Medio Rural explica que "unha vez aprobados os plans e definidas completamente as franxas secundarias" iniciarase en próximos meses a segunda fase na que se executará a limpeza.

"NON HAI DISCRIMINACIÓN"

Por outra banda, a Consellería de Medio Rural informa de que o decreto no que se fixarán os baremos para optar ao servizo público de loita contra o lume está en tramitación, baixo uns criterios acordados entre a Xunta e os sindicatos no marco da comisión de persoal da Administración galega.

Así, insiste, tal e como defendeu recentemente o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, en comisión parlamentaria, que "non hai discriminación" entre colectivos que queiran optar a estas prazas, de forma que os baremos teñen en conta a experiencia en postos semellantes, xa sexa en empresas públicas ou privadas.

No marco da reestruturación do servizo público de loita contra o lume, a Xunta subliña que a carga de traballo para a empresa pública Seaga centrarase en tarefas de prevención, principalmente no marco do convenio asinado coa Fegamp para o mantemento de franxas.

Temas: SEAGA INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta