A Xunta cre que hai un problema "estacional" co parón das exportacións galegas

"Haberá que ver se se trata dun problema na venda de vehículos ou doutras manufacturas", asegura Feijóo que aproveita para criticar ao Goberno central co decreto das electrointensivas. Anuncia un plan de investimento empresarial para as pequenas e medianas empresas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/03/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

As exportacións galegas arrincaron 2019 cun descenso do 26,2% en xaneiro en relación co mesmo mes do ano anterior, até situar o seu valor en 1.541 millóns de euros. Mentres, as importacións incrementáronse un 12,4%, até 1.880 millóns, o que deixa o saldo da balanza comercial nun déficit de 339,9 millóns (-182,2%).

Contenedores de Exportación. EUROPA PRESS - Archivo
Contenedores de Exportación. EUROPA PRESS - Archivo

Estes son as cifras que deu a coñecer o Ministerio de Industria este xoves e que o presidente da Xunta, ao ser preguntado por este medio, puxo en dúbida, lembrando as "magníficas" cifras de exportación do pasado ano. En todo caso, e logo de ser informado destes novos datos, Feijóo dixo que "habería que estudalos" e avanzou que poden deberse a un problema "estacional".

O presidente galego sempre presume da fortaleza das empresas galegas no exterior. De feito, as grandes industrias do país superaron os anos da crise grazas as exportacións. Con todo, ese gran nicho de negocio e as boas expectativas da Xunta, segundo as novas cifras, semella que poden quedar en nada.

Por iso, Feijóo apuntou a un "problema estacional" e dixo que habería que analizar se se trata de "vehículos" --un dos compoñentes que máis exporta Galicia a través da multinacional PSA-Citröen-- ou "doutros compoñentes".

E a pesar de que a multinacional Alcoa seguiu producindo ata hai unhas semanas, o presidente galego aproveitou a pregunta para criticar o novo decreto das electrointensivas e volver responsabilizar o Goberno central dunhas cifras que teñen máis que ver coas políticas da Xunta ou a coxuntura internacional que do Ministerio de Industria.

NOVO PLAN

Con todo, Feijóo anunciou que o seu executivo vén de activar o Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2019 co obxectivo de que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por falta de financiamento.Especialmente no caso das pequenas e medianas empresas de carácter industrial, engadiu.

 

A través deste plan, que contará cun orzamento de 100M€, facilitarase financiamento para 800 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes. Ademais, dixo, prevese mobilizar o montante de preto de 300M€ a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, crecemento das pemes da industria e tamén ao apoio ás actividades de innovación.

 

Sobre este punto, Feijóo pasou a detallar algunha das principais novidades deste plan que se puxo en marcha por primeira vez no ano 2014. Entre elas atópase o novo programa de préstamos para o financiamento de proxectos estratéxicos destinado a iniciativas de entre 1,5 e 10M€, cunha dotación de 16,5M€.

 

Tamén a incorporación dunha liña destinada ao turismo, IFI Tur, e dunha liña de avais que para esta convocatoria terá unha ampliación do límite da operación financeira, dos 500.000€ ata 1M€.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta