A Xunta dálle unha subvención de dous millóns aos medios para fomentar “a liberdade de expresión”

O pasado ano La voz recibiu case 1,2 millóns do total das axudas, a moita distancia de El Progreso, 300.000 e La Región, máis de 182.000. O Goberno galego só esixe que se utilice un 10% de galego por parte destes xornais para recibir as subvencións.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A liberdade de expresión e de difusión. Estes son parte dos argumentos que a Xunta utiliza para repartir entre os grandes medios de comunicación galegos preto de dous millóns de euros. Este diñeiro será canalizado pola Secretaría Xeral de Medios a través da concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, é dicir, case de xeito discrecional, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para promover a “liberdade de prensa” entre medios “plurais e independentes”. Unhas axudas que suman case dous millóns de euros a repartir, principalmente, entre as grandes familias mediaticas.

Grandes cabeceiras galegas
Grandes cabeceiras galegas

“A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir, non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social”, apunta a Secretaría Xeral de Medios para xustificar estas axudas.

Tales obxectivos, engade, “son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes” que cheguen, “na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos”. Por iso, insiste, “faise necesario que o Goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación”.

GRANDES FAMILIAS MEDIATICAS GALEGAS

Con todo, e a pesar de apelar á lingua, á cultura e á galeguidade, case a totalidade destas axudas van para as grandes familias mediaticas de Galicia que publican en español, e delas quedan excluídas practicamente os medios en galego. Así, o grupo Voz, que recibe axudas por triplicado ao seu xornal en papel, o seu xornal dixital e a súa radio e Prensa Ibérica (Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña), son os grupos máis beneficiados. Síguelles o grupo El Progreso (El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra, Galiciae e Axencia Galega de Noticias), o grupo La Región (La Región de Ourense e Atlántico Diario) e o Grupo La Capital (El ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e DxT). 

O pasado ano La voz recibiu case 1,2 millóns do total das axudas, a moita distancia de El Progreso, 300.000 e La Región, máis de 182.000. Ademais dos medios tradicionais galegos reciben anualmente axudas grupos como o ABC, El Mundo, Intereconomía, a Cadena Cope ou a Cadena Ser, entre outros.

A Secretaría Xeral de Medios mantén o mesmo importe que o pasado ano. As axudas son de 1.255.000 de euros para xornais en formato papel, os 266.400 euros a empresas radiofónicas pero triplica a cantidade para as empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet, que soen ser, na maioría dos casos, as divisións dixitais dos grandes medios en papel.  

USO DO GALEGO

Supostamente, estas axudas teñen coma fin difundir o uso do galego en medios que se publican, case na súa totalidade, en castelán. A Xunta tan só pide que xustifiquen o 10% de informacións en lingua galega nos medios escritos. Un requisito que, a pesar de aumentado no último ano, non impide que, ano tras ano, sexa incumprido por algúns medios de comunicación sabedores de que non existe ningún tipo de control ao respecto.

A orde de axudas tamén recolle como “oferta positiva” a adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada. Un parámetro que é imposible de medir á hora de conceder as subvencións.

17 MILLÓNS

No que vai de ano, a Xunta leva xa licitados concursos de publicidade e propaganda en medios de comunicación por un montante total de case 17 millóns de euros nun ano, ademais, que ven marcado por tres citas electorais; as xerais adiantadas, as municipais e as europeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Galeguiña

Pois é mellor ler eses diarios e escoitar esas emisoras que non axudar a quen clasifica a información doutras rexións de España no apartado de "internacional". Respecto da língüa, si estes diarios publican só un 10% en galego, qué porcentaxe de español hai noutros diarios "galeguistas - nacionalistas"? Se a sociedade galega é maioritariamente bilingüe e hai dúas língüas oficiáis, a que tanta xenreira polo español nalgunhas cabeceiras?

1 Carmen Lastra

Ti decides que é mellor se coincide coa túa ideoloxía? Unha nación é unha realidade natural ou un invento humano? Colocar un 90% en castelán e un 10% de galego, e por riba sendo subsidiados por discriminar, non é xenreira racial e cultural? Pérdeste pola 'língüa' (sic)!!!

4 Uu1

Assim é fácil entender as linhas editoriais e a propaganda que é feita nesses meios, é claro, não é de balde como podemos ver!!!!

3 tino

corrupción pepeira...para o panfleto antigalego

2 Courelois

"O pasado ano La voz recibiu case 1,2 millóns do total das axudas, a moita distancia de El Progreso, 300.000 e La Región, máis de 182.000. Ademais dos medios tradicionais galegos reciben anualmente axudas grupos como o ABC, El Mundo, Intereconomía, a Cadena Cope ou a Cadena Ser, entre outros": pornográfico.Así nos teñen de comido o tarro. Non hai bar en Galiza sin estes medios de desinformación e propaganda. É escandaloso. E a lingua galega agonizando.

1 Gamela

17 millóns para amordazar a liberdade de expresión ! E facer bos negocios á conta dos pelotazos urbanísticos ! Hai un mes o gran gurú do Grupo Voz foi agasallado polo alcalde de Vigo ! https://cabozo.com/taboext.php?grup... Hoxe non hai quen meta un puñetero comentario na Voz !