O PPdeG quere unha lei de maternidade que apoie as embarazadas e elimine "discriminacións"

Lembrou que na propia Cámara galega se adoptaron decisións por unanimidade de todos os grupos para lexislar no ámbito da maternidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2019 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, asegurou que a súa formación defende unha lei de maternidade que apoie ás mulleres embarazadas que queiran ser nais e que elimine as "discriminacións" que poidan ter na contorna laboral. Preguntada sobre a posición do PPdeG con respecto ao aborto despois de que o número dous de PP por Madrid, Adolfo Suárez Illana, tivese que desculparse por unhas afirmacións sobre este tema, Paula Prado asegurou que este tema "non está en cuestión".

Neste punto, destacou que o que propón o Partido Popular no seu programa electoral é unha lei de maternidade que favoreza que as mulleres que están embarazadas e queren ter fillos "non estean abocadas" a outra decisión" por unha cuestión económica". Ademais, lembrou que na propia Cámara galega se  adoptaron decisións por unanimidade de todos os grupos para lexislar no ámbito da maternidade, contra o 'mobbing' maternal e a discriminación no acceso ao emprego. "Nós cremos que é importante seguir avanzando nesta liña", indicou.

Preguntada polas posicións máis conservadoras adoptadas pola nova dirección nacional do PP, Paula Prado asegurou que o PP ten unha traxectoria de 40 anos nas que "sempre" defendeu as "mesmas cuestións" pero que en cada contexto histórico é necesario defender "unhas cuestións diferentes". "Vivimos unha crise entre os anos 2012 e 2018 que levou a tomar decisións para favorecer a creación de emprego, a actividade económica e a creación de empresas. Por tanto, nese momento priorizáronse outras cuestións", sinalou para destacar que no actual contexto hai "un goberno socialista que está a malgastar e que probablemente leve a outra crise como a de Zapatero".

Paula Prado (PPdeG)
Paula Prado (PPdeG) | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta