Galiza a un paso de 2012

Resumir o que significou o 2011 que está a piques de acabar para este país só necesita unha palabra: desfeita.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 06/12/2011

Comparte esta noticia

Galicia quedou en 2011 sen un sistema financeiro propio mentres os seus destrutores enchían o peto. A burguesía galega tira boas rendas do seu triste cometido de oficial de pompas fúnebres no gran enterro do país. Encastelada nas cidades e veraneante no campo ten unha mágoa: é consciente da súa incapacidade para facer un desenvolvemento capitalista autónomo e se embarca nun proceso que non controla, limitándose a tirar partido del. A burguesía que exerce en Galicia é unha burguesía a soldo. 

En 2011, unha Galicia sen crédito ve desmantelarse o seu tecido industrial, encabeza a destrución de emprego no Estado e perde servizos sociais. A plusvalía xerada polo pobo traballador non se destina a cubrir as súas necesidades colectivas, nin a crear progreso e benestar, nin sequera a financiar a acumulación de capital en Galicia.

A Galicia de 2011 segue sen reforzar os seus sectores económicos clásicos e estratéxicos. Acométese sistematicamente a destrución da tradicional economía campesiña e mariñeira. En vez de financiar en serio a reforma das explotacións campesiñas e a modernización tecnolóxica do campo, prefírese deixar que esmoreza e morra o medio rural para despois ocupar aquel baleiro coas mans libres e ao estilo colonizador.
En 2011, as condicións de traballo insistiron na súa anemia, especialmente entre a xente nova. Traballa a niveis salariais de subsistencia, nos casos mellores, e de aí para abaixo no resto. En condicións de emprego propias dun subproletariado coa eventualidade, precariedade e miseria coñecidas. A forza de traballo que tanto precisa o país, vaise, resolvéndolle así un grave problema ao Estado.

Na Galicia do 2011, a gran maioría dos Gobernos, coa Xunta do PP á cabeza, dimitiron das súas funcións. A preocupación primeira das autoridades administrativas do país non consiste no fomento da economía, senón na narcotización ideolóxica; non en suscitar o progreso cultural, senón en censurar a cultura enxebre; non na canalización da vida política de Galicia, senón na decapitación das reivindicacións políticas galeguistas; non na promoción social, senón na represión policial.

Agás a primeira frase de cada un, todo o contido dos parágrafos anteriores pertence ao 'Texto Conxunto encol de Galicia' que asinaron dous referentes históricos como a UPG e o PSG hai 38 anos. Posiblemente tan necesitado de reaxustes na súa posta en escena ou no seu modo de relacionarse cos novos movementos sociais como de deixar atrás egos desbordados ata o rupturismo ou veleidades centristas cuxa negativa influencia aínda perdura, nestes esaxerados e convulsos días os nacionalistas galegos de esquerda -a ser posible unidos dende as súas distintas formulacións- deberían ter moi presente o seu principal e orgulloso valor, a  razón. A de 1973 e a de 2012. Mal farían agochándoa entre os berros dun plató de salsa rosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.