Monólogo do remordemento

Sempre hai momentos baixos nos que un exercicio de conciencia saca á superficie a dura realidade.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 07/02/2012

Comparte esta noticia
Tiña mal día. Demasiadas preguntas na cabeza. Dilemas éticos que non o deixaban parar quieto. Como se lle ocorreu usar ser libre para opinar nunha crónica de opinión publicada nunha sección de opinión e achegando unha opinión distinta á maioría das outras opinións opinadas? Como se lle ocorreu disentir con educación das actitudes dunha persoa logo de ensalzar a súa figura? Como se lle ocorreu destacar as virtudes de outros para intentar ofrecer información pouco difundida sobre as razóns da súa vitoria? Como se lle ocorreu meter a gamba, como mínimo, nun punto e que por ese case ninguén protestase? Como se lle ocorreu defender vellas ideoloxías alternativas cando este sistema que temos vai como un tiro? Como se lle ocorreu criticar a liberdade de insulto en internet? Eran demasiadas preguntas. Non aturaba o desacougo e marchou tomar unha copa. Sentou na barra dun irlandés. Alí bebería uns cantos whiskeys mentres escoitaba aos Pogues. Caeron os dous primeiros cubatas (evitou chamarlles cubalibres para non dar pé a máis historias). A imaxe era tirando a decadente. Pero para mal rollo, o do tipo con chaqueta de pana que sentaba ao seu carón. Ese xa tomara máis de dúas e non paraba de rosmar en baixiño. Como sempre ocorre nestes casos, ambos acabaron conversando. Os baixóns atráense. O da chaqueta de pana contou unha historia. Esta é a súa transcrición resumida e traducida do castelán: 
 
“Pois si tío, ti andarás raiado con eses contos pero son anécdotas de adolescente, o meu si é de traca. A maioría da miña vida foi unha farsa, a maior fraude política xamais construída. E sei que por moito que agora ande con remordementos afogados en gin-tonic, mañá volverei ao choio, ao engano masivo. Esa é a miña historia dos últimos corenta anos, a dunha maquillaxe, a de ser eu a maior barreira ao desenvolvemento de auténticos ideais de esquerda. Nada que ver co que era cando nacín. Por certo, xa que ti es de aquí, meu pai era de Ferrol, aínda que tampouco exerceu demasiado de galego porque emigrou moi novo. Pero era un revolucionario, moderado pero obreiro, a saber o que diría se puidese ver o que fixen co seu legado.... Logo nos anos trinta comecei a ter dúas almas, pero non se me podía negar a aposta de esquerdas e republicana preparada, polo menos en parte, a combater aos burgueses, os mercados daqueles tempos, que andaban ao mesmo que os fascistas. Iso si, tamén era centralista... anda que non lle din 'largas' ao voso aquel... o que debuxaba.... si, Castelao, pois sumeime ás trabas á Autonomía que el trouxo aprobada, creo que logo o contou nun libro que aquí tivo moito éxito. Pero antes, no 34, ao ver que a dereita quería montar un golpe como o de Mussolini pois fun dos que collín as armas, pero nos derrotaron. ¡Carallo, o que eu era...! Porén, dentro de min xa notaba esa alma que estaba a outra cousa. Logo chegaron os falanxistas e os nazis, montaron unha guerra e acabaron comigo e con todo, loitei o que puiden, pero nada.... hostia, cada vez que penso que en Euskadi cando o PNV se rendeu quedamos loitando contra os fachas só eu, os anarquistas e ANV e que hai pouco tiven os putos collóns de ilegalizar a ANV.... en que me convertín? Xa, si, o cambio de chaqueta foi nos setenta. Durante a ditadura andei máis ben calado. Sen marchar de todo pero sen liderar nada. Ata que empecei coa parvada. A venderme. Merda... Tomamos outra? Eu Gin-tonic, hai tempo que non bebo outra cousa que iso, con hortalizas e tal, como os poñen nos sitios pijos nos que paro. Está ben o garito este. E a música mola. Eu son moito de Sabina, ese é outra, un xenio innegable, pero vai de maldito contra todo e logo móntalles ceas aos príncipes na súa casa... que cousas. Onde estabamos? Ah, nos setenta. Bueno, bueno, bueno, o de Suresnes... tiven os santos 'huevos' de dicir que de Marx xa nada, por favor... que eu nunca fun comunista pero se me quitas a Marx, con todos os seu erros, en que quedo? Pois no que quedei, na xestión do poder polo poder. Xa o sabía daquela. Foi cando me puxen cara de líder sevillano porque iso era o que me mandaron. Quen? Joder, os alemáns. Agora ando dicindo que moi mal que nos gobernen os alemáns, con todo o morro ¡pero se a min quen realmente me levou a carreira foron os alemáns socialdemócratas! E quen estaba detrás deles? Pois os ianquis, claro. Eles deseñaron, e me soltaron unha burrada de pasta, o plan polo que tarde o temprano eu sería como os demócratas en Estados Unidos, unha trampa con fondo e algunha actuación progre cuxo real sentido era gobernar en quendas e entón darlle algo, non moito, de benestar á xente, e así adormecer á clase traballadora, que seguiría estando abaixo. Buf, igual divago, ou igual non, igual nunca fun tan sincero. E xa acabei a copa. Outra. E outra para ti, que tampouco vas a mal ritmo. Bueno, pois con ese plan da elite occidental, para o cal foi decisivo poñer a pasta riba da mesa e acabar con outros partidos socialistas, como o PSP ou debilitar ao PSG e semellantes, como era lóxico acabei chegando ao Goberno. Antes xa me vendín á monarquía, traizoando a miña historia republicana, e xa non foi que o aceptara naquelas circunstancias, senón que me convertín para sempre no principal pelota de todos estes tipos, do Rei e os Urdangarines da vida. Moi de esquerdas, si. Que tempos tan tristes aqueles doutra farsa, esa que chamaron Transición, que renuncia... foi cando comecei a gozar dos sumidoiros da política, eu tamén estaba naquelas historias subterráneas do goberno de unidade contra Suárez que acabou dándolle forma descarriada ao 23-F, pero non se soubo e aos poucos meses votáronme dez millóns de persoas e xa tiña o ansiado poder, a partir de aí, máis timo, imaxe de esquerda e labia de ouro, pero no fondo capitalismo social-liberal ás ordes dos mercados europeos, que á súa vez estaban ás ordes de Estados Unidos e os ultras da escola de Chicago. ¡Que fotos me sacaba eu aos pés de Reagan e Tatcher! E o da OTAN? Que forte. Toda a vida con discurso antiimperialista e tal, e así como toquei moqueta e como xa tiña falado cos xefes dende hai tempo, veña OTAN, veña invasións e marines, veña a coleguear co capitalismo salvaxe. Ou non foi unha salvaxada a reconversión industrial que fixen inmediatamente? Milleiros de obreiros á rúa, miseria en zonas enteiras, aquí Ferrol e Vigo desfeitos, marxinalidade nos barrios populares, heroína... Para compensar mellorei algo os servizos sociais, pero sempre deixándoos moi lonxe do máis elemental nivel europeo. E a que montei no País Vasco? Joder... grupos terroristas pagados con impostos, galindos, logo máis adiante ilegalicei ideas, nunca loitei contra esa tortura que todos os anos denuncia Amnistía Internacional, dispersión... tremendo. Aquilo da autodeterminación que defendía nos meus tempos? Nada de nada. De feito entregueime á represión incluso dos mellores, como aqueles insubmisos que se negaban a aceptar o secuestro da mili e aos que mandei á cadea a centos. E xa na recta final desa etapa inventei unha cousa chamada 'cultura do pelotazo', logo cando chegaron os outros empeoraron todo moito máis, certo, pero os desfases financeiros e a especulación xa existía nos meus tempos sevillanos, que acabaron porque cando só vives para o poder, sen ningún tipo de ideoloxía, pois é fácil darse á corrupción, e diso tiven de sobra. En fin... veña, dille aí que poña as penúltimas que vou lanzado. Do mesmo, si. Por certo, antes estiven tomando uns albariños e tamén lembrei a miña patraña aquí en Galicia durante moito tempo. O andaluz que eu era daquela non quería ter cerca a Fraga e pactamos deixalo gobernar aquí para que non molestara en Madrid, que é o que me importa. Na campaña do 89, o sevillano nin apareceu por estes lares a darlle un pulo ao candidato galego, despois non protestei por unha saca de votos sospeitosa... polo contrario, un dos meus foi o que realmente fixo tándem con Fraga para mandar nesta rexión [refírese a Galiza], si, o que era alcalde da Coruña, cada un tiña o seu reino e non se molestaban un ao outro, ao revés, colaboraban. A oposición era teatro, e frouxo. Non me andei con prexuízos á hora de conspirar para ter poder e 'ladrillear', por iso en días como hoxe síntome noxento. Logo de todo aquilo, tras algún desastre electoral, chegou un rapaz novo de León e como cando estou na oposición pois vou de superesquerdista acabei volvendo a gobernar, grazas a erros dos outros e tamén a aquilo de 'Non á Guerra'. Non á Guerra.... ¡Pero si estiven ata hai tres días masacrando Afganistán xunto ao Obama, outro que tal! Pantomina todo. Agora andamos protestando polos recortes... pero é que ninguén lembra que eu xa os fixen nos anos noventa? Vale, é certo que con este de León como presidente tiven ao principio o meu mellor tempo con algunha lei social necesaria, seguramente porque pactaba coa esquerda. Tamén asinei cousas chulas para Galicia pero logo nin caso. Todo esa xeira que tanto ilusionou a algúns apenas durou. Porque a min o poder sempre me cega. Mira como lles fixen o paripé aos cataláns co de que sexan nación e logo tamén mirei para outro lado e deixei correr aquilo do estado plurinacional. Tamén había que ser inxenuo para crerme, a min, que teño a Bono en primeira liña. Por suposto, a especulación urbanística e financeira nin a toquei. Logo chegou isto da crise, que a xente que é de esquerda de verdade xa tiña anunciada dende hai tempo, e eu pois ao meu, ao que me digan os poderosos, a atacar ás clases populares. E dálle paro, e dálle precariedade... e aínda fun tan desvergoñado que para mirar solucións chamei á Moncloa aos banqueiros e compañía, os culpables do asunto. Agora a xente vota masivamente á dereita orixinal. Lóxico. A demostración diáfana de que non son nada do que digo ser é que tiven un cuarto de século de poder e non fixen nin un só esforzo para que a xente rexeitase a cultura capitalista que se foi impoñendo, por iso agora a sociedade é máis de dereitas, porque pasamos como da merda de ofrecer un discurso e uns valores distintos aos dos mercaderes. Así son eu, unha trola. E niso sigo, con baixón e remordementos alcohólicos como o de hoxe, pero iso non limpa a conciencia nin os feitos, porque non vou cambiar, acaso non ves que agora me visto de Rubalcaba? Todos aí, coidando do postiño que teñen... E acabei o meu congreso coreando a Internacional puño en alto, ha, ha, ha, ha... pero a xente non se decata? Que farsa... 'En pé famélica lexión' cantei con toda a cara do mundo. Ou collo e solto que vou facer todo o que non fixen, e ala, tragan e seguen escribindo que somos “de esquerda”. Eu, que como moito son centro prosistémico. Se ata hai quen cando se refire á “esquerda” só fala de min, por favor... Esa tamén é outra. Cando me sinto chungo como agora dáme mal rollo sobre todo por esas moitas persoas das bases ou votantes que realmente si teñen boas intencións e si son de esquerdas, pero entre a axuda que me dan os medios de comunicación e o meu poder pois seguen caendo na trampa. Buff.. non sei se tomar outra... non, mellor paso. Vou durmir que mañá teño que continuar co timo. Ti segues de marcha non? Bueno, pois nada, lisco. A todo isto non nos presentamos, tampouco fixo falta, xa imaxinarías quen son. Chámome PSOE”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.