Seis ambulancias na licitación do novo servizo do 061 con 185 millóns de investimento

Os pregos, segundo avanzou Feijóo, incluirá a "actualización dos equipos de comunicación con conexión de datos", un "navegador avanzado" e "dispositivos de seguridade activa e pasiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou este xoves a licitación por 184,8 millóns de euros do novo servizo de transporte sanitario do 061-Urxencias Sanitarias, que se ampliará con seis novas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado --dúas medicalizadas e catro de enfermaría-- e outra con soporte vital básico.

Na comparecencia posterior á reunión co seu Executivo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu que esta nova licitación dotará a este servizo de "máis horas" de operatividade e "mellores equipos", tendo en conta que tamén se incrementará o persoal sanitario. En concreto, os 184,8 millóns destinados a este efecto distribuirase en anualidades entre 2019 e 2023. Os pregos, segundo avanzou Feijóo, incluirá a "actualización dos equipos de comunicación con conexión de datos", un "navegador avanzado" e "dispositivos de seguridade activa e pasiva".

En canto á incorporación de novas unidades de transporte sanitario, as dúas novas de soporte vital avanzado terán base en Monforte (Lugo) e no Salnés (Pontevedra), mentres que o catro de enfermaría situaranse en Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo. Seguidamente, indicou que as de soporte vital básico terá base no Carballiño (Ourense) e incrementaranse "de 10 a 24 horas" a actividade das dos municipios lucenses de Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do courel.

125 AMBULANCIAS EN GALICIA

En total, coas novas unidades, Galicia contará con 125 ambulancias, 16 asistenciais de soporte vital avanzado, 107 de soporte vital básico e dous convencionais. "Veremos exactamente cales son as propostas de empresas e os contratos, unha vez adxudicados, hai que cumprilos. Insisto porque despois non pode ser que unha vez adxudicado o contrato con empresas que fan baixas posteriormente teñamos conflitos coas empresas", advertiu Feijóo, despois da conflitividade laboral ocorrida no sector, cunha folga que foi suspendida en marzo.

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou licitar as obras que transformarán a antiga Delegación da Consellería de Sanidade da Coruña nun "espazo para o público", tal e como o indicou o presidente autonómico, cun investimento de máis de 6,5 millóns de euros. En concreto, esta infraestrutura, que recibirá o nome de Espazo Público Amizar, incluirá unha oficina de emprego, sedes de entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro, un salón de actos común e oficinas da Administración autonómica.

Feijóo valorou que a rehabilitación da Delegación da Consellería de Sanidade permitirá darlle "outra vida" como se lle deu ao Hospital Xeral de Vigo transformándoo na Cidade da Xustiza. No entanto, apuntou que a Xunta leva "cinco meses" esperando a licenza de obra do Concello herculino.

Ademais, o Goberno galego autorizou a firma de convenios entre o Sergas e tres asociacións sen ánimo de lucro por un importe de máis de 1,5 millóns de euros para programas de asistencia terapéutica de adiccións e de saúde mental infantoxuvenil. En concreto, as entidades beneficiarias serán a Fundación Monte do Gozo, a Cruz Vermella de Lugo e a Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps).

Núñez Feijóo
Núñez Feijóo | Fonte: E.P.

EDUCACIÓN

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional asinará convenios de colaboración con 11 entidades de atención a persoas con discapacidade, para facilitar o próximo curso o servizo de transporte escolar adaptado. Así o aprobou este xoves o Consello da Xunta, onde se informou que estas medidas beneficiarán a un total de 282 alumnos, cun investimento de 882.462 euros.

As asociacións facilitarán os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, ademais de prestar servizo especializado de acompañamento e atención, mentres que a Consellería se fará cargo do 80 por cento do gasto derivado do mesmo, que contará co apoio de 57 auxiliares. Doutra banda, incrementouse un 42 por cento o orzamento destinado ao Programa de integración familiar da Consellería de Política Social que desenvolve a Fundación Meniños, chegando aos 630.000 euros. Esta iniciativa está orientada a fogares con menores onde existen situacións de malos tratos ou desprotección, nos que se actúa para conseguir a reunificación, a preservación e funcionalidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta