Feijóo sitúa a lingua galega como "fogar común" e critica os que "a utilizan para disgregar e sementar a discordia"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elevou a lingua galega ao "fogar común" e ao "consenso" no que viven tanto Galicia como os seus habitantes, e contrapuxo esta idea fronte a "a fragmentación, a perda de cohesión social" e "a ruptura de acordos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/05/2019 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, elevou a lingua galega ao "fogar común" e ao "consenso" no que viven os galegos, e contrapuxo esta idea fronte a "a fragmentación, a perda de cohesión social" e "a ruptura de acordos". Así o trasladou durante a súa intervención no acto organizado polo Goberno galego no municipio de Cercedo-Cotobade, en homenaxe ao intelectual Antonio Fraguas polo Día das Letras Galegas

A carballeira de Famelga acolleu o pleno da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas
A carballeira de Famelga acolleu o pleno da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas 2019 dedicado a Antonio Fraguas | Fonte: RAG.

"A casa común que é a lingua galega ten as portas e xanelas abertas. Nin exclúe a ninguén, nin quere permanecer lonxe das grandes correntes da historia, nin á marxe da evolución. Tense dito que é o noso gran monumento, pero un monumento vivo no que se habita, compártese e convívese", destacou.

Neste sentido, advertiu de que este "fogar da lingua galega" ten nestes tempos "unha importancia adicional" ante a "fragmentación, a perda de cohesión social, a ruptura de acordos e consensos que parecían inalterables", insistindo en que as linguas, "inocentes en si mesmas, non están á marxe das tentativas de utilización malsana".

"Todas elas naceron para comunicar e romper co illamento e a soidade, e con todo algúns queren utilizalas para disgregar e sementar a discordia. Asistimos a un rexurdimento de actitudes que ven no cultivo e promoción do idioma unha especie de anomalía, ou cando menos algo superfluo".

Neste sentido, considerou que ver o idioma "como un atranco" forma parte de tendencias que proceden de situacións que "resultan distintas e distantes" e reivindicou a figura de Fraguas como un deses "caseiros que se preocuparon por facer dela un recinto acolledor, luminoso e aberto".

"A súa defensa da lingua forma parte tamén da tenaz reivindicación do seu berce. O idioma galego é para el un deses tesouros que permanecen moito tempo agochados, pero que seguen vivos na alma popular ata que chega a hora do seu feliz rexurdimento".

Así, asegurou que "ao redor de Antonio Fraguas e o seu legado se poden dar a man galegos de toda condición e galegos de toda crenza", erixindo a lingua como unha ponte no transitan "libremente todos os galegos". "Celebramos a Antonio Fraguas porque o merece, meréceo dabondo e pensando tamén nun tempo ameazado polas rupturas e necesitado de tantas pontes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 uu1

Estase referindo ao PP? Que teima na ideia de quitar-lhe a nossa língua o estatus de “oficial”, e que mostrasse totalmente satisfeito quando o uso da nossa língua esmorece e já podemos afirmar que tem data de caducidade!!!