Fefa Noia deixa a dirección do Centro Dramático Galego

Quere deixar o posto en outubro para emprender novas actividades profesionais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2019 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

A directora do Centro Dramático Galego (CDG) comunicou este martes oficialmente ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a súa intención de deixar o posto no mes de outubro para emprender novas actividades profesionais.

Fefa Noia
Fefa Noia | Fonte: Europa Press

O máximo órgano directivo da entidade, presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu a Fefa Noia o seu traballo no últimos catro anos, á vez que lle desexou éxito nos seus proxectos futuros.

En relación a esta cuestión, na súa reunión deste martes, o Consello Reitor acordou tamén a "inmediata posta en marcha" dun procedemento público de selección para a provisión da praza de coordinador do Departamento de Produción Teatral da Agadic, que leva, entre outras funcións, a dirección da compañía teatral pública e a planificación da actividade da súa sede escénica, o Salón Teatro de Santiago. O posto quedará vacante a partir do 1 de outubro, data na que será efectiva a saída da actual directora.

Fefa Noia incorporouse ao CDG en xaneiro de 2016, despois de superar a correspondente convocatoria pública de acceso, resolta en decembro de 2015. Durante a súa etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Entroido, de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e a que está agora mesmo en xira: Neorretranca e Posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponche, baixo a dirección de Gena Baamonde.

Segundo lembrou a Xunta, a súa xestión estivo presidida pola atención á dramaturxia galega actual, na que centrou o programa de difusión e apoio Dramaturxente (integrado polas liñas de acción DramaturXa ou TeatrHoxe, entre outras), a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro para dar servizo ás compañías privadas e o impulso ao plan de coproducións, fórmula pola que o CDG contribuíu neste tempo á materialización doutras doce montaxes.

Tamén incidiu no teatro familiar, incrementou a actividade formativa para escolares e para profesionais do sector, retomou a edición de textos teatrais e puxo en marcha iniciativas de conciliación, así como funcións inclusivas, xornadas de portas abertas e encontros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta