Temas: EMPREGO

A eólica galega prevé 12.000 postos de traballo en 2030 e minimiza o impacto dos parques en restos patrimoniais

A patronal prevé que 2019 volva aos mellores niveis de instalación en Galicia. Calcula que a construción dunha vintena de parques consolidará uns 5.000 empregos este ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2019 | Actualizada ás 15:58

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia prevé que 2019 volva marcar un dos mellores datos de instalación deste tipo de enerxía renovable no país, cuns 500 megawatts. En concreto, calcula que a construción de 23 parques (unha ducia deles xa en fase de obras) xerará uns 5.000 postos de traballo e aspira a estabilizar o emprego cunha carga de traballo "continua" ata alcanzar uns 12.000 no ano 2030.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: pxhere.com.

Son algunhas das principais cifras que achegou a patronal do sector este luns, coincidindo coa presentación da súa nova páxina web, enmarcada no obxectivo de iniciar unha nova etapa "en condicións de liderar a transición enerxética e cumprir cos obxectivos da Unión Europea".

O presidente da asociación, José Manuel Pazo, sinalou que Galicia chegou a ter no seu día uns 5.600 traballadores fixos ao redor da enerxía eólica, cifra que actualmente se reduciu ata uns 3.650.

Construíndo 500 megawatts en 2019 como é a estimación do colectivo, co cálculo de "máis ou menos dez empregos por cada megawatts", resultan eses 5.000-6.000 empregos dos que falou Pazo. E a súa meta é que o volume de instalación de potencia eólica sexa similar ano a ano durante a próxima década.

Así, segundo subliñou o presidente da asociación, o seu interese é "tentar estabilizar" o sector de modo que da fase de construción se pase á explotación, acadando uns 12.000 empregos en 2030, tras o investimento duns 5.000 millóns de euros.

A finais de 2018, Galicia contaba con 3.423 megawatts de potencia instalada, en torno ao 14,5% do conxunto estatal, repartida en 162 parques en explotación. Para finais deste ano, a patronal eólica espera que haxa 184 instalacións (23 máis) e 3.986 megawatts instalados (575 máis).

CANON EÓLICO

O canon eólico non lle gusta á asociación, "evidentemente", segundo lembrou José Manuel Pazo, quen remarcou que ademais "outras comunidades autónomas non o teñen".

Pola súa banda, reclaman como "sempre" á Xunta que "parte" dos ingresos por este concepto "vaia" para a educación ambiental e sobre renovables dos lugares sobre os que se instalan os parques, xa que "moitas veces" as actuacións "non van" a eses sitios senón a outros da contorna.

En canto ao litixio que por este asunto manteñen ambas as partes nos tribunais, o directivo da asociación Ernesto Rodríguez apuntou que a situación está sen novidades "pendente" de que o Tribunal Supremo "confirme" que é un suplemento territorial, posto que a Xunta recorreu as dúas ordes respecto diso.

NOVAS POXAS EN 2020

A asociación eólica de Galicia entende que "este ano se tramitou en condicións" e interpreta que a renovación de maquinaria se pospoñerá "mentres non exista lexislación nova sobre as vantaxes por repotenciar". Dito doutro xeito: o cambio de máquinas que xa están amortizadas "custa" mentres non haxa "algún tipo de incentivo".

No actual escenario, tamén está á espera de coñecer quen é o responsable do ministerio no novo Goberno central, pero dá por feito que "vai ser moi difícil" que haxa unha nova poxa antes de que termine o presente exercicio.

Así, estima que "pode ser" que se dea no primeiro trimestre de 2020, cando acaba o prazo de instalación das poxas anteriores, e que "pode haber máis dunha, probablemente por tecnoloxías".

Pazo reivindicou que Galicia conta con "toda a cadea de valor", pero recoñeceu que no contexto de competencia mundial terá que importar, "como calquera outra actividade industrial", e valorou que "o que crea emprego é o mantemento constante" dos parques, que tamén contribúe á fixación de poboación en zonas con poucos habitantes.

OPOSICIÓN VECIÑAL

Preguntados polas críticas veciñais na construción de novos parques (a día de hoxe hai cinco actuacións en marcha en Lugo, outras cinco no sur de Galicia e tres pola zona de Vimianzo), o presidente da patronal galega recoñeceu que "por suposto" que afecta a súa imaxe pública e mostrouse partidario de coñecer "a orixe do problema".

Consciente de "erros" no pasado, apostou pola educación e a divulgación e tamén asumiu que "dentro dos 500 megawatts que se están instalando e dos 3.000 en tramitación poden existir conflitos". Para iso, segundo explicou, están as distintas etapas, que poden acabar na redución do parque planificado ou mesmo en que acabe por non facerse.

Con todo, e aínda que defendeu pór "no inventariado" restos patrimoniais detectados durante as obras, xa que "sempre" se atopan con "algo", cualificou de "mínima" a "incidencia real" destes achados.

Temas: EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Fidel

Desfixeron o que quixeron e sempre sen problemas ó ter ben untados ós políticos. Agora ven unha nova xeira de parques e voltarán desfacer o noso patrimonio arqueolóxico e natural con total impunidade (petroglifos, mámoas, castros e ata algúns campamentos militares romanos). E a sociedade galega mirando o Luar... Somos unha colonia, barata.

1 Anonimo 2

Onde vão os benefícios! Alguém mirou-se o ombrigo para saber o porquê da oposição da vizinhança? Porque singelamente vem como ocupam as suas terras, cambiam o seu meio ambiente e, não obtenham nenhum benefício!! Basta de ser explodidos como um pais do terceiro mundo. Quando deixe de ser rendível, serão a vizinhança quem tenha que pagar para recuperar a terra (a ria de Pontevedra ainda sofre o que era presentado como algo fantástico)