Feijóo xa non desbota o apoio de Vox para formar gobernos

Reclama unha reforma electoral que estableza unha segunda volta ou un 'plus' para o partido gañador que facilite a gobernabilidade

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 04/06/2019 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este martes que o PP forme gobernos con Ciudadanos en comunidades autónomas e concellos e conten co apoio puntual de Vox, onde sexa necesario. "Non son partidario de que Vox entre nos gobernos, pero hai que respectar as necesidades e estratéxicas de cada territorio", explicou.

Feijóo nunha rolda de prensa
Feijóo nunha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista na emisora COPE, recollida por Europa Press, Feijóo puxo como exemplo o modelo seguido en Andalucía onde hai un acordo de goberno entre PP e Cs, pero a investidura de Juanma Moreno foi facilitada polo partido de Santiago Abascal.

Con todo, reclamou que se formen gobernos alternativos de dereitas e deixar de lado "pulsos absurdos", en referencia aos ataques cruzados entre Cs e Vox. A pesar de que Feijóo é contrario a que Vox entre nos gobernos autonómicos e municipais, entende que cada territorio ten que buscar a alternativa para forxar os seus gobernos e asegurou que todas as formacións "téñense que retratar".

"É necesario situarse na madurez e na responsabilidade. O PP díxoo, quere gobernar con Cs e para iso se necesitamos o apoio de Vox pedirémolo na sesión de investidura", resolveu.

Sobre o escenario estatal, Feijóo sinalou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ten un "goberno oculto" con Podemos que evitou desvelar desde as eleccións do 28 de abril pensando nos comicios autonómicos e municipais do 26 de maio. "Intúo que gobernará con Podemos, Cs foi tan claro dicindo que non gobernará con Sánchez que rozaría unha fraude electoral", declarou.

REFORMA ELECTORAL

Así mesmo, o presidente da Xunta reclamou unha reforma electoral para facilitar a gobernabilidade aos partidos gañadores nos comicios. "Non pode ser que o partido gañador se converta en perdedor, e o que perda se converta en goberno", afeou.

Así, reclamou a introdución dunha segunda volta ou dun 'plus' parlamentario para a formación gañadora das eleccións, de tal forma que facilite a gobernabilidade. Feijóo mencionou Portugal, Italia ou Grecia, como países que contan cun sistema que prima á primeira forza.

"Non pode ocorrer como en Galicia, onde o PP gañou en tres deputacións e imos ver se gobernamos nalgunha", subliñou, indicando que se ve ao PSOE como gañador dos comicios en Galicia ao gañar en tres das principais cidades galegas, e sacou os mesmos resultados que o PP. "Non pode ser que en España se manipule ata a linguaxe, cando o PP gaña pero non saca a maioría absoluta dise que perde", insistiu.

Curiosamente, Feijóo non aludiu á situación de Madrid onde na comunidade gañou claramente o PSOE, ou no concello, onde gañou Manuela Carmena, pero a dereita e ultradereita poden chegar a pactos en ambas as dúas institucións. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta