O TSXG tamén absolve á CIG pola folga das empresas auxiliares de Navantia en 2017

O sindicato nacionalista foi denunciado pola empresa naval e reclamaba que se declarase ilegal o paro indefinido de 22 días.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2019 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso presentado pola empresa naval pública Navantia contra a sentenza do Xulgado do Social nº2 de Ferrol, que fallou en contra da demanda da compañía pública contra o sindicato CIG e o comité de folga, na que solicitaba que se declarase ilegal o paro indefinido convocado en outubro de 2017 na industria auxiliar.

A través dun comunicado, o sindicato nacionalista asegura que o TSXG "ratifica en todos os seus extremos, redundando con absoluta claridade que Navantia non ten lexitimidade para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada para a industria auxiliar, a pesar das públicas e reiteradas acusacións da empresa contra a CIG, de que convocara unha folga encuberta e abusiva contra a propia Navantia".

Destácase tamén que as alteracións na produción por mor da convocatoria non supoñen a ilegalidade da folga, como tampouco "as dificultades e os impedimentos sen violencia" por parte dos piquetes.

A CIG estima que "o TSXG desmonta todos os argumentos de Navantia que, a pesar da contundente sentenza do xulgado ferrolán, insistiu en recorrer a resolución que agora o alto tribunal galego vén de desestimar".

POSIBILIDADE DE RECURSO

Contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo (TS), estimando desde CIG-Industria de Ferrol que Navantia "non persista na súa teima e abandone xa esta particular persecución contra a CIG e os seus intentos de criminalizar o dereito á folga, ferramenta fundamental que temos a clase obreira para defender e avanzar nas nosas condicións de vida".

Tamén mostran o seu rexeitamento ao uso que a empresa naval pública "pretendeu facer da xustiza para restrinxir o dereito dos traballadores a reivindicar melloras salariais e laborais" e valoran que "o obxectivo de Navantia era amedrentar e desactivar ao persoal en folga".

Para a central sindical ambas as sentenzas pon en evidencia que "o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores que de maneira masiva e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos".

Desde este sindicato tamén se acusou a outras dúas empresas auxiliares que presentaron denuncia ante a Garda Civil contra un responsable de CIG-Industria pola súa participación nos piquetes nas portas de Navantia Fene, asunto que será tratado o próximo 3 de xullo no Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol.

Xuízo CIG Navantia. EUROPA PRESS - Arquivo
Xuízo CIG Navantia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta