BNG e PSdeG destacan as semellanzas entre o galego e o portugués para abrir novos horizontes cos países lusófonos

Tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coma o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, felicitaron á Real Academia Galega por elixir a Ricardo Carvalho Calero como a figura a homenaxear no Día dás Letras Galegas de 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2019 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A elección de Ricardo Carvalho Calero como o homenaxeado do Día das Letras 2020 abriu un novo debate en Galicia; o da semellanza entre o galego e o portugués e a posibilidade de relanzar as relacións e as vías de colaboración entre Galicia e os países lusófonos. Nesa percepción coincidiron este luns tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, coma o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero
Xoaquín Fernández Leiceaga fala con Ana Pontón e Gonzalo Caballero | Fonte: EP

A preguntas de Galicia Confidencial, logo de que Eduardo S. Maragoto afirmara nunha entrevista do GC a necesidade de intensificar as relacións con Portugal e mesmo a posibilidade de aprender as dúas normativas nas escolas galegas --a oficial e a reintegrada--, tanto Pontón coma Leicega destacaron a semellanza do galego e do portugués e tamén a necesidade de potenciar as conexións culturais e empresariais entre os dous países e tamén con outros países lusófonos.

OS VÍNCULOS ENTRE GALICIA E PORTUGAL

Así, a líder dos nacionalistas lembrou os "vínculos claros entre o galego e a lusofonía" que defendeu Carvalho Calero. "Había moitas persoas que, con razón, viñan reivindicando a candidatura", asegurou. Tamén valorou que a elección desta figura permitirá "ampliar horizontes" para o galego e o recoñecemento de que "pertence ao mesmo tronco que a lingua portuguesa".

Non en balde, a portavoz nacional do BNG quixo evidenciar que o "problema fundamental" que ten o idioma cooficial é a súa "perda de falantes", o que achacou ás políticas tanto do PP como de Alberto Núñez Feijóo na Xunta "nos últimos anos".

Pola súa banda, Leiceaga destacou que o portugués é unha "fiestra ao mundo" e amosouse partidario de "vencer as reticencias" e de aumentar a cooperación entre Galicia e o mundo lusófono. "Hai, ademais, un consenso moi amplo en avanzar nesa liña", dixo.

Así, lembrou que el foi o único representante político que estivo a pasada semana no Foro Inés de Castro, entre representantes do mundo cultural galego o portugués. "E iso é indicativo da importancia que lle damos no PSdeG a este asunto", dixo.

CARVALHO CALERO

Por outra banda, os dous dirixentes políticos tamén coincidiron na importancia de que o Día das Letras Galegas de 2020 sexa para Ricardo Carvalho Calero. Pontón felicitou á Real Academia Galega por elixilo e dixo que é unha "boa noticia" como figura "imprescindible non só" da literatura en lingua propia, "senón tamén das reivindicacións da normalización do galego e a difusión" do idioma "no ámbito internacional".

Tamén Leiceaga destacou que esa elección "honra" á RAG e que o crítico de Ferrol era merecente de tal distinción "polo seu compromiso e maxisterio", ademais, dixo, de ser "un creador de primeira orde". "Quero felicitar á Academia por esta elección e que se lle retirara abarreira que había e que é moi sensato".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 non enganades

Leiceaga un nacionalista que ten artigos publicados na agal, agora sospeitosamente no PSOE? e defendendo o lusismo.

3 AnitadaU

En galego ou en portugués o importante é seguir trincando e vivendo ben.

2 Sentidiño

Presidente do Instituto Camõens: "Non son a mesma lingua. Teñen moita proximidade pero non son a mesma lingua". https://www.lavozdegalicia.es/notic...

1 Cabanês

Lamentável que esta pessoa, dirigente dum organismo tal, diga semelhante asneira

2 Gamela

alomenos apunta algo interesante: O inglés, o portugués, o árabe, o español, son linguas globais... Mentres o pailán do alcalde de Vigo leva 12 anos subvencionando o inglés e levando aos rapaces a Irlanda cando podían aprender portugués case de balde! No Instituto Camóens de Vigo á penas houbo un par de ciclos de cinema e catro esposición de artesanía... (que eu saiba!)

1 Gamela

Velaí a importancia que lle dá o PSOE ao mundo da lusofonía dende hai 9 anos retirou a España da canle de noticias europeas sen explicación algunha (ZP) en cambio abriu as canles da TDT ás bazofias da extrema dereita de balde... As mentiras sempre tiveron as pata curtas! http://gamela00.blogspot.com/2010/0... O PSOE é o eterno diletante e o BNG o acompaña nas Deputacións a pillar cacho!!!