O PSdeG denuncia o "abandono" do Centro Dramático Galego e a "falta de vontade política" para impulsalo

Román Rodríguez sinala as "contradicións" dos socialistas e destaca que a Xunta defende un CDG "aberto, plural e libre".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/06/2019 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia denunciou no pleno do Parlamento de Galicia deste mércores o "abandono" do Centro Dramático Galego (CDG), así como a "falta de vontade política" para impulsalo como centro de produción artística. Así o indicou a deputada socialista Concepción Burgo nunha interpelación ao concelleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Neste sentido, Burgo reprochou, entre outras cousas, "a redución do orzamento" do CDG nos últimos anos, o que levou a unha "diminución importante" da súa actividade.

Tamén criticou a "falta de transparencia" e lamentou a dimisión da directora do centro, Fefa Noia. "Dimisións que se multiplican", apostilou, referíndose a que o anterior director tamén dimitira, entre outros.

Pola súa banda, Román Rodríguez sinalou as "contradicións" da deputada socialista. "Non sabemos se apostan por un maior control do centro dramático ou pola súa independencia", indicou, xa que, segundo o conselleiro, o PSOE pide "independencia, pero por outra banda reclama que se controlen máis as obras que se producen e a actividade". "Entendo que no ámbito político da esquerda hai certo control político da arte en xeral", ironizou. "Desde o Goberno galego defendemos un CDG aberto, plural e libre, que teña autonomía real", destacou.

Entre outros datos, subliñou que no últimos cinco anos, o orzamento da Xunta dedicado ás artes escénicas "creceu, superando o investimento previo á crise, cando gobernaba o bipartito". Así mesmo, deuse un "incremento notable" dos espectáculos programados, "pasando de 718 en 2013 a 1.326 en 2018". "Tamén o número de espectadores aumentou de 140.000 a 200.000", sentenciou.

Ademais, criticou que Concepción Burgo se refira a a dimisión de Fefa Noia coma se fose algo "negativo", "cando sabe que deixa o cargo porque asume unha moi notable mellora profesional".

O PSdeG denuncia a falta de orzamento para o CDG
O PSdeG denuncia a falta de orzamento para o CDG | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta