A Xunta asegura que é "falso" que se estean botando verteduras contaminantes á Illa de Sálvora

"Non son capaz de entender por que este proxecto en concreto suscita esas mentiras acusándonos de que se están vertiendo xa lodos contaminantes", manifestou a conselleira de Mar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2019 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou ao sector mexilloeiro que é "falso" que "se estean botando vertidos altamente contaminantes" á Illa de Sálvora e asegurou que os dragados teñen unha tramitación administrativa "moi complexa" que se debe cumprir "estritamente".

"Non son capaz de entender porque este proxecto en concreto suscita esas mentiras acusándonos de que se están vertiendo xa lodos contaminantes", manifestou a titular de Mar en declaracións aos medios tras reunirse con representantes do sector para abordar o proxecto de dragado do río Lérez na ría de Pontevedra e o seu punto de vertedura.

Segundo indicou a conselleira, no encontro, "clarificóuselles o proxecto". "Díxoselles que agora, unha vez que finalicen con todas as analíticas" e que o proxecto estea redactado, "iníciase o período de exposición pública". Precisamente, conforme sinalou, neste período de exposición pública, os interesados "poderán ver todas as análises, todas as medidas e aspectos de coidado ambiental que hai" e "iníciase a tramitación en canto a solicitude das autorizacións necesarias para poder acometer o dragado e a vertedura deses áridos no punto que autorizado desde 1998".

"É dicir, un proxecto de dragado como os que se fan de forma continua en toda Galicia", asegurou a conselleira, que incidiu en que o proxecto se está abordando coas "máximas garantías ambientais". Así, a titular do Mar detallou que, na actualidade, hai outros 17 proxectos xa en marcha, aos que se suman os 41 dos que se está facendo a batimetria e as primeiras análises necesarias para poder realizalos.

TRAMITACIÓN ADMINISTRATIVA COMPLEXA

Na súa intervención ante os medios, a conselleira incidiu en que os dragados teñen unha tramitación administrativa "moi complexa" e que desde que está á fronte do departamento autonómico apostou por cumprir estritamente coas directivas nacionais e internacionais en materia de medio ambiente".

"Temos 122 portos en Galicia e o meu deber é darlle viabilidade par que poidan atracar as embarcacións, pero tamén é a miña responsabilidade responder para que os produtos das nosas rías estean nos máximos controis de calidade, que é o que defendemos en Galicia", subliñou Rosa Quintana.

A Xunta destacou que convocou este encontro ante a preocupación mostrada polo sector e para aclarar directamente as dúbidas manifestadas nas últimas semanas sobre esta actuación, que está pendente de realizar desde hai anos e que é "unha máis das moitas que habitualmente se fan en toda a costa galega".

"PREOCUPACIÓN" DO SECTOR

Pola súa banda, en declaracións aos medios, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, asegurou que o sector está "preocupado" polas verteduras que "hipoteticamente" se poden facer no suroeste de Sálvora. Ante iso, explicou que a Consellería do Mar emprazou ao sector a unha reunión cos técnicos de Portos para que lles aclaren aspectos pendentes como, na súa opinión, supón "a contradición que existen entre as analíticas dos materiais a dragar no Lérez" correspondentes ao 2009 e ao 2016.

"Nós xa lle transmitimos á conselleira que nós pretendemos que se sigan resolvendo os problemas de todos os portos, de dragalos e polos nas mellores condicións, pero mantemos unha posición crítica con esas verteduras", apuntou. "A conselleira non soubo responder ás nosas razoables dúbidas técnicas, remitiunos a unha reunión con técnicos e estamos á espera dela para constatar a nosa información coa deles, sempre manténdonos en que existe preocupación e que non nos gusta ese punto de vertedura", subliñou.

Imaxe da ría de Pontevedra.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Imaxe da ría de Pontevedra.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta