Este é top dez das youtubeiras galegas: as canles para non perder

O Youtube reborda de contido creativo galego e en galego. Nesta peza repasamos dez canles desta rede social que calquera debería coñecer: falan na nosa lingua e daquilo que nos identifica. Dádelle ao play!

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 05/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As youtubers están de moda e as influencers tamén... Mais no país temos as nosas propias creadoras de contido: as youtubeiras e youtubeiros. Cada vez máis a rapaza galega se anima a crear contido de calidade e en galego para subir á plataforma do Youtube. E se ben é unha rede social que engancha sobre todo aos milenials, veremos que non son os únicos que se manexan e teñen éxito nela. Os estilos e os temas destas canles en galego son diversos, hai quen fala dos seus pensamentos, de cultura, de ciencia, do que prantan na horta... Ben en ton didáctico, humorístico... As posibilidades son infinitas.

Olaxonmario e Aquel-e, nun vídeo de Youtube
Olaxonmario e Aquel-e, nun vídeo de Youtube | Fonte: Youtube

Sexa como for, o certo é que a comunidade youtubeira está medrando e se está facendo forte. Neste proceso de visibilización ten moito que ver o proxecto Youtubeir@s, unha iniciativa organizada polos servizos de normalizción lingüística duns cantos concellos que xurdiu no ano 2017 para "fomentar e visibilizar o uso do galego a través dunha das redes sociais máis influentes do momento, Youtube", contan na web. "Nesta era dixital @s youtubeir@s viñemos para quedarmos e pisarmos forte apropiándonos dos temas que máis nos identifican e compartindo un sen fin de creatividade, diversidade e sabedoría". Non hai máis que entrar no Youtube para comprobalo, e se hai alguén interesado en converterse no novo youtubeiro ou adquirir maior visibilidade e prestixio, que saiba que xa se pode inscribir na III Edición dos Premios Youtubeiros. 

Mais polo de agora, aquí vai esta lista dos dez youtubeiros e youtubeiras galegas máis top:

POSTO Nº1: AQUEL-E

Miguel Silva é un rapaz de Rianxo que se fai chamar Aquel-e na súa canle de Youtube e demais redes sociais. Así se define na plataforma: "Ante todo, triunfito frustrado. Esta canle nace do intento de abandonar a desidia por parte dun milenial parado. Aquí poderedes atopar material pseudo-cultural con toques cómicos e algunha parte de mamarracheo". E non engana: nos seus vídeos o Aquel-e fala de referentes galegos diversos, dende Castelao, Rosalía -a nosa- ou Manuel Antonio pasando por Ana Kiro, Sabela OT...; fala do estado da lingua e os tópicos que a rodean; analiza as mellores (ou non) campañas electorais, versiona cancións... Cun premio Youtubeir@s á "eficiencia comunitativa" por "O galego fermoso (e o que non o é tanto)" baixo do brazo, Aquel-e xa se está facendo oco mesmo na TVG. Xunto con Laura Cruxeiras vén de gañar o posto de canción do verán con "Que nos pille rebolando". Aquel-e: moito contido de calidade, do que se aprende e co que se ri.

POSTO Nº2: OLAXONMARIO

Humor irónico e irreverente. Olaxonmario publicou o seu primeiro vídeo hai case un ano, e nestes meses xa tivo tempo a falar dunha morea de cousas: "el gaiego", o binormativismo lingüístico, os discursos heteropatriarcais, o feminismo, o reggaetón, o humor do Land Rober, os anuncios do Gadis... E entre tanto contido tamén fixo oco para a sección "Creadoras milenials galegas", onde conversa con rapazas e rapaces que crean contido en galego. Por ela xa pasou Aquel-e, o poeta Carlos Lixó, o produtor Adrián González (Adrienone), o químico e divulgador científico Javier Balea ou as rapazas youtubeiras Blanca e Tinta. Olaxonmario, que describe a súa canle cun curto pero directo "unapologetically eu", está a piques de cumprir o seu primeiro ano no Youtube superando xa a cifra de 700 subscriptores. 

POSTO Nº 3: TEÑO UNHA HORTA EN SAN SADURNIÑO

Unha canle ben especial. Así se definen: "Somos un grupo de mulleres que difundimos e compartimos o coñecemento e a experiencia dos traballos no campo. Con móbiles ou cámaras fílmamos as labores agrícolas nas nosas hortas, ensinando trucos e tarefas tradicionais". Tal que así, en Teño unha horta en San Sadurniño podemos aprender a cultivar chía, tabaco e boniatos; a enristrar o maínzo, a escorrentar os caracois das nosas hortas, a amasar o pan... Unha morea de contido. As protagonistas dos vídeos son cinco mulleres youtubeiras de San Sadurniño que, coordinadas por Carmen Nieto, comezaron a achegarse ás novas tecnoloxías para non deixalas máis. Elas son Consuelo Picos na "horta de Consuelo", Cruz Piñón, na "horta de Cruz", Lucía Pita a "horta de Lucita", Carmen Couce na "horta de Carmiña" e Carmen Bouza na "horta de Maruxa". Na súa canle xa contan con 2.434 subscriptores, gañaron o premio Youtubeir@s do 2017 na categoría de mellor vídeo-opinarmos, e mesmo o programa da TVG Cos pés na terra se fixo oco delas. 

POSTO Nº4: CORASÓN DE CHURRASCO

En Corasón de churrasco atoparanse receitas do máis peculiares contadas por dúas rapazas, Laura Cruxeiras e ---, que se poñen mans á obra na cociña e sacan uns pratos ben xeitosos. Pero ademais, o humor e a diversión póñense nun primeiro plano en calquera das creacións que poidamos ver nesta canle. Concretamente o vídeo "Guiso especial Anti-San Valentín (abstéñanse delicad@s)" foi o que se fixo co premio Youtubeir@s do 2017 na categoría de "mellor vídeo-facermos". Paga a pena!

POSTO Nº 5: NUBES BAIXO TI

"Eu son Eira e esta é a miña Canle de YouTube onde podes atopar vídeos falando de temas que me interesen, recomendación de libros e series, fotografía, algo de música...". Así se presenta esta rapaza no Youtube Nubes baixo ti. Esta canle ofrece contido variado: Eira fala de cociña, manualidades, viaxes, debuxo, maquillaxes... aínda que recoñece que un dos tipos de vídeo que máis lle gusta facer e ver son os unboxing, onde comparte co seu público o momento no que abre aquelas compras que lle chegan á casa. Nubes baixo ti foi recoñecida polos premios Youtubeir@s como a mellor canle galega e en galego do 2018.

POSTO Nº 6: XACOBO DE TORO CACHARRÓN

Para quen lle guste a ciencia... Esta é a canle perfecta. Publicación de materiais escolares e didácticos elaborados polo profesor Xacobo de Toro e os seus alumnos. E tamén atoparás listas de reprodución para diferentes unidades didácticas de ciencias na ESO. Cal é a estrutura interna da Terra? Onde está a orixe da contaminación atmosférica? De que está composta a atmosfera? Esta canle é moi completa e responde a unha morea de preguntas sobre climatoloxía e meteoroloxía, xeoloxía, matemáticas... Contido en galego e de calidade. Xacobo de Toro levou o premio vídeo-opinarmos nos Youtubeir@s 2018 por "A expedición Balmís e a vitoria da vacinación". Para non perder!

POSTO Nº 7: PÁRAMO PICTURES

Páramo Pictures é a canle de Youtube en galego con máis número de seguidores: superan os 41.000. Os seus vídeos virais parodian as cancións máis populares do momento para achegalas á realidade galega. Mudan as letras e de repente podemos escoitar un "Despacito" que fale dos "alcolitos", ou un "Vente Pa'Ca" cambiado por un "Vente empacar". E mesmo realizaron unha pequena serie, "Veciños", que tamén pode verse na canle de Youtube. Esta produtora independente xa pode contar máis de 12.013.100 visualizacións en conxunto dende o 2013, data en que se uniron á plataforma.

POSTO Nº 8: AS COUSAS DO CHOIO

Juan, "O Choio", vén dende Rianxo para contarnos as súas cousas na súa canle de Youtube. Como non meterse na vida da xente, como entender á xuventude, como ter ben mantido o can, como dar cartos ás agachadas... Todo un compendio de coñecemento ofrecido dende a experiencia deste home que non dubida en poñerse diante dunha cámara para compartir os seus saberes co público youtubeiro. "Como escaquearse dunha comida familiar" fíxose co premio Youtubeir@s a mellor vídeo-facermos no 2018. 

POSTO Nº 9: BEN FEITO

Ben Feito é unha canle, segundo conta o propio Adrián - o seu creador -, que nace "coa intención da dinamización lingüística do galego dun xeito agradábel e informal, con contido adaptado aos tempos presentes". É variado o que se pode atopar en Ben Feito: reviews e unboxings, tutoriais/diy, vlogs... e moito máis. Esta canle xa cumpriu os seus dous primeiros anos de vida e o contido que alberga paga a pena. "Con cariño dende Galiza, espero que vos guste!", desexa Adrián.

POSTO Nº 10: BLANCA E TINTA

Antía Alberte e Laura Cruxeiras son dúas rapazas de Ribeira que teñen un proxecto en conxunto baixo o nome de Blanca e Tinta. Na súa canle de Youtube soben cancións versionadas e tamén propias. Mais este proxecto non é o único que teñen en funcionamento: como xa comentamos, Laura é unha das compoñentes de Corasón de Churrasco, e Antía Alberte tamén creou "Antía Kahlo". Os últimos vídeos que subiu a esta canle formaron parte dunha serie á que chamou "Con pelos nas pernas, sen pelos na lingua". Sexa como for, estas dúas rapazas andan ben inmersas no mundo youtubeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Santiago

O politicamentecorrectismo e o ofendidismo supremacista hembrista xa chegou ó galego, perdón, ó "galega"... O seguinte paso é reformar a normativa e suprimir o xénero masculin@. Viv@ Galiz@ ceib@...

1 Xerardo

Imos comezar no GC a moda de feminizar todo canto nome apareza nas novas/novos/novxs/nov@s? Así lles foi a Podemos... Non é un micromachismo respetar a norma lingüística. Na miña aula hai máis nenas que nenos e non xeneralizo en feminino, son "os meus alumnos" (elas e eles). Non me gusta coincidir con certa "xente" pero nesto concordo, é unha parvada absoluta e inxustificable.

1 sermos mantidos

Unha parvada? É un despropósito igualar a quen está discriminada e sometida? É un disparate dar visibilidade ás marxinadas? E logo o Pedro Sánchez non falou de Consello de Ministras, e non dis 'así lle foi ao PsoE'? Non será o machismo pior aquel que temos tan asumido e nos parece o natural, o certo absoluto, totalmente xustificable e sen discusión posible? Se cadra hai que comezar, con humildade, ollándose no espello!

2 Galegues

Nom sei se é umha parvada, pero si umha questom bastante secundária na que nom entendo por que se perde tanto tempo. Em línguas como o inglês, por exemplo, nom muda o artigo nim moitos substantivos e adjetivos em funçom do género e nom por isso nos EUA ou no Reino Unido a mulher estivo em melhor possiçom social ao longo da história. Comprendo que se intente "feminizar" até certo ponto a língua, por exemplo adaptando nomes de profissons historicamente masculinas ao feminino, em consonáncia cumha nova realidade social na que as mulheres si as desempenham, como ocorreu por exemplo com 'presidenta'.

3 Galegues

Agora bem, este foi um cámbio natural que se deu na língua, mentres que o que se propom é umha mudança radical -por ir à raiz- e arbitrária de algo tam básico numha língua coma o género das suas palavras e a flexom gramatical, algo sem precedentes em ningum idioma do mundo que altera por completo os usos dos falantes e que é moi difìcil de levar a cabo de maneira total e coerente. Ademais, as fórmulas que se oferecem presentam nom poucos problemas. Pode-se escrever 'nenxs' ou 'nen@s', pero é impronunciável e ademais nom serve para os casos nos que muda a palavra em funçom do género (p. ex. atores/atrizes). Em quanto à fórmula de fazer todos os plurais em feminino, crearia evidentes confussons lingüísticas e ademais só pode servir em tanto reivindicaçom feminista, pero nom como maneira de representar um coletivo que abarca homes e mulheres, pois neste caso nom 'representaria' os homes.

4 Galegues

Emprega-la quando haja maioria de mulheres tampouco é umha opçom: serve para grupos pequenos, pero em grandes aglomeraçons de persoas nas que nom haja umha maioria de homes ou mulheres evidente quem se vai pôr a contar antes de falar? Empregar a dupla fórmula -galegos e galegas- vale para um caso puntual, pero é moi difícil construír un texto longo e coerente desse jeito e o resultado é moi pesado. E da proposta do género neutro em -e melhor nim falar, pois ademais de socavar por completo a língua tal e como a conhecemos em galego é impraticável: como passas a frasse "estes rapaces" a género neutro em -e?

5 LeoCobelo

O feminino xenérico representa o que nós como falantes queiramos que represente. As linguas sónchevos máis sinxelas do que parece, pero están moi influidas pola política (política no sentido de que nós mesmos lles forzamos a nosa propia visión do mundo). Polo tanto, a cuestión é que se alguén usa o feminino como xenérico, e os demáis entenden a que se está a referir o que fala, entón xa forma parte da lingua. E iso non implica forzar a ninguén para que diga as cousas dun ou doutro xeito, tan só deixar que cada un se exprese como queira. E non me veñades co de "é que non é correcto mimimimimi" porque nunha lingua correcto non hai nada realmente.