A folga xeral e a solución final

Hoxe, lendo as cabeceiras da prensa en Internet, souben que se abriu o prazo de matrícula das escolas infantís; xa saben, aquelas garderías públicas, agora privatizábeis, construídas con cartos públicos e despois aseptizadas, con máis cartos públicos, mediante a substitución da palabra "galego" por outra máis digna, "galiña". Non foi, por suposto, unha noticia de portada, senón un anuncio pagado pola Xunta, en forma de flamante megabanner, sobre a cabeceira (o espazo máis caro) do diario online, La Voz de la Galicia no Demasiado Gallega (ou, falando de polos, La Voz de la Galicia Demasiado Gallina).

Por F.Glez.Tenreiro | Narón | 12/03/2012

Comparte esta noticia
Tampouco foron portada as concentracións do Día da Muller Traballadora, nin o serán as do Día da Clase Obreira Galega do día 10 nin, en grande medida, a folga xeral do día 29. Foi, con todo, noticia de primeira páxina a reforma laboral que aprobou o Congreso español cos votos do PP, CiU, UPN e Foro Asturias (o PSOE, agora na oposición, votou en contra); unha reforma que, entre outros dereitos perdidos, convirte en causa de despido obxectivo estar oito días enfermo en 2 meses ou que o empresario gañe menos diñeiro. Porén niso non profundaba moito o artigo, máis ben nada.
 
Abandonei a prensa subvencionada (ou seria, como lle chaman algúns, seica porque son ben conscientes de que a pagan dúas veces) e funme para o facebook (tamén moi serio). Para ser sincero, levaba xa varios minutos preguizando o cerebro (nestes casos, "La Coz" é sempre a miña segunda opción despois do Marca) e alí, na rede social máis aséptica, continuei coa preguiza propia dun día depresivo para rematar no muro dun empresario (tertuliano a ratos, ou seica ao revés, empresario a ratos) do Partido Popular, que aparenta liderar unha corrente librepensadora galeguista ("self-proclaimed"). 
 
A pregunta do dobremente-popular condutor do debate era se a folga xeral do día 29 de marzo era realmente "a solución" – así, sen máis. Nin quixen participar no crecemento mediático dunha persoa con demasiados contrasentidos, nin tampouco pensei que a miña contribución fose suficientemente enriquecedora como para interromper a tertulia cibernética. Neste sentido, non descubriría nada a ninguén dicindo que non existe ningún dereito social que teña sido acadado sen a axuda das mobilizacións dos traballadores; ou que dixese que, sen ser "a solución" (idealización hollywoodiense tan simple como estúpida; como delegar todas as responsabilidades, culpas e méritos nos políticos, nun líder, nun empresario, nun futbolista, etc.), dicía que, sen ser a "solución", a mobilización social é sen dúbida imprescindíbel; como tamén o son aqueles partidos políticos e sindicatos que defenden de xeito efectivo, e non só de cara á galería, os dereitos das maiorías sociais.
 
Oxalá se repetisen de maneira cíclica este tipo de mobilizacións, para recordarlles aos poderes fácticos o balance numérico de clases! Oxalá que estas se acompañasen da participación masiva e activa dos cidadáns en sindicatos, partidos políticos e asociacións, que defendesen realmente os intereses dos traballadores do noso país (todo aquel que non vive de rendas)! Oxalá que se rendibilizase o voto en beneficio da maioría e non das clases privilexiadas!
 
O dito de "o que cala outorga" nunca é tan certo como cando se aplica á relación entre os gobernantes e os gobernados, e a contestación social é a resposta colectiva a unha reforma laboral ex parte que racha por completo co equilibrio entre os asinantes do contrato laboral que consenten; ben porque queren, ben porque son vítimas dunha chantaxe... ou ben porque calan e outorgan. Por outra banda, para que as mobilizacións poidan ser polo menos parcialmente resolutivas (xa dixemos que o de "solución final" é unha sandice), non basta con que sexan unicamente "populares", tamén teñen que ser galegas; galegas no sentido estrito de país e, por tanto (entendendo e, sobre todo, significando a palabra) nacionalistas. Por que? Pois porque se ben este novo xiro capitalista antisocial que afecta con especial virulencia a esta franxa do planeta na que nos tocou vivir – chamada agora UE – non ten as mesmas consecuencias en todos os seus Estados, nacións e rexións, do mesmo xeito, as reivindicacións máis inmediatas (e, por tanto, as máis urxentes) que poidan defender os traballadores galegos do naval, do agro, da pesca ou da cultura poden non ser as mesmas ou, incluso, ir en contra dos intereses dos traballadores do naval, do agro, da pesca ou da cultura de Francia, Alemaña ou Andalucía (que non os obxectivos últimos, que son idénticos). 
 
Unha pequena gran vitoria sería poder vivir dignamente do noso traballo, no noso país. A vitoria/solución final, obxecto de tan inxenuos debate e artigo, non debería ser outra que a caída do capitalismo imperialista e a súa substitución por un sistema máis xusto sen donos nin escravos, nin imperios nin colonias. Mais para iso hai que gañar moitas grandes batallas, alén de pequenas e particulares escaramuzas no caso de Galiza, como a Mobilización de hoxe e as dos días 10 e 29 de marzo, ou as próximas eleccións autonómicas.
 
Antes de volver ao Marca, refresco a páxina de La Voz de la Galicia No Demasiado Gallega. Desta vez aparece un megabanner distinto, con máis pinta de barómetro de Sondaxe que de anuncio publicitario: "En Galicia ya no se habla de otra cosa, Mobistar ADSL". Pois a ver se é certo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Borxa González Tenreiro Francisco de Borxa González Tenreiro (Ferrol, 1976) é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e tradutor certificado polo Birmingham City College. Traballou de tradutor e intérprete no Reino Unido e foi xefe de redacción do Grupo Hipala Communication en Málaga. Actualmente é director da axencia de tradución e comunicación englishpanish, en Ferrolterra.