Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2019 | Actualizada ás 18:11
Galicia pechou o 2018 cun total de 144 falecidos en accidentes de tráfico, o que supón 33 vítimas menos que o ano anterior, cando 177 persoas perderon a vida.
No conxunto do Estado, un total de 1.806 persoas faleceron nas estradas españolas durante o ano pasado, segundo os datos que presentou este luns a Dirección General de Tráfico (DGT). Esta cifra supón 24 falecidos menos que en 2017.
Ademais dos falecidos, en 2018 en España producíronse 102.299 accidentes de tráfico con vítimas, nos que 138.609 resultaron feridas e 8.935 requiriron ingreso hospitalario.
Por outra banda, en autoestradas e autovías, a sinistralidade aumentou un 5%, cun total de 323 falecidos en 2018, 15 máis que en 2017. Pola contra, as vías secundarias, reduciron o número de vítimas nun 2%, aínda que seguen sendo as máis sinistras, con 994 mortes o ano pasado.
As distraccións seguen sendo desde 2016 a primeira causa dos accidentes mortais co 32%, a velocidade o 22% e o alcol/drogas co 21%.
A DGT destacou que o 63% dos accidentes con vítimas se rexistraron en cidade. Isto supón que 489 vítimas faleceron en vías urbanas.
COLECTIVOS VULNERABLES
Por outra banda, os colectivos vulnerables representan un 48% de todos os falecidos, un 2% máis que o ano anterior. Do total de 865 usuarios vulnerables, 58 eran ciclistas, 421 motoristas e 386 peóns.
Os falecidos de 65 anos ou máis aumentaron de forma significativa segundo as cifras da DGT con respecto ao ano pasado, que se rexistraron 496 falecidos, 31 máis que o ano anterior.
Así, segundo os datos, máis da metade dos maiores de 65 falecidos na estrada eran condutores e o 82% que morreron en cidade, eran peóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.