O Parque Nacional das Illas Atlánticas contará cun protocolo para casos de contaminación mariña accidental

A súa vixencia temporal é ilimitada, aínda que deberá ser revisado cada cinco anos para adaptarse a novas necesidades ou normativas.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 07/08/2019 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas contará cun protocolo de actuación para coordinar unha resposta ante casos de contaminación mariña accidental provocados pola actividade humana.

Illas Cíes no Parque Nacional Illas Atlánticas. RICARDO PAREDES
Illas Cíes no Parque Nacional Illas Atlánticas. RICARDO PAREDES | Fonte: SEOBIRDLIFE - Arquivo

O documento, elaborado pola Xunta, foi realizado polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e a dirección do parque nacional. Ademais, contou coa colaboración da Universidade de Vigo (UVigo) e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).

En concreto, este plan responde os criterios establecidos para casos de contaminación accidental polo Sistema Nacional de Resposta e inclúe análise dos riscos que leva esta situación para cada illa do parque nacional.

O protocolo determina a estrutura organizativa que interviría ante un caso de contaminación mariña accidental e os procedementos de limpeza que se aplicarían como resposta á mesma.

O texto, enmarcado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), foi presentado este mércores en Vigo polas conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana. En concreto, a súa vixencia temporal é ilimitada, aínda que deberá ser revisado cada cinco anos para adaptarse a novas necesidades ou normativas.

OBXECTIVOS DO PLAN

A conselleira de Medio Ambiente valorou este documento e explicou que o seu obxectivo pasa por garantir unha resposta "áxil e adecuada" que permita salvagardar os valores socioeconómicos, culturais e naturais do parque e conseguir que os casos de contaminación xeren o mínimo impacto ambiental posible.

A titular da Consellería do Mar resaltou que o plan de continxencias é o único deseñado a nivel estatal para unha zona con esa protección ambiental. Nesta liña, puxo en valor o traballo realizado neste sentido por Intecmar.

Ademais, fixo fincapé na importancia da prevención e a preparación para minimizar o impacto ambiental e socieconómico de posibles casos de contaminación mariña.

Así, remarcou a necesidade de protexer o mar debido a que se trata dun "medio de vida", así como pola súa influencia na xeración de riqueza. Por este motivo, a conselleira avogou por traballar para permitir que o medio mariño se manteña como un dos principais motores do desenvolvemento de Galicia no futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta