Gardacostas de Galicia requisou durante o primeiro semestre de 2019 o dobre de ferramentas a furtivos

A conselleira de Mar, Rosa Quintana, recoñeceu que a maioría das nasas requisadas non están identificadas, "polo que na maioría das ocasións non se pode abrir un expediente sancionador".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

O Servizo de Gardacostas de Galicia duplicou no primeiro semestre de 2019 o volume de útiles de pesca incautados a furtivos respecto ao mesmo período do exercicio anterior. De xaneiro a xuño foron requisados 10.400 útiles fronte aos 5.500 que se retiraron neses mesmos meses do pasado ano.

O 70 por cento dos útiles dos que se incautaron os axentes do Servizo de Gardacostas foron nasas caladas de forma irregular ou en lugares prohibidos. Só no mes de xullo, durante o inicio do período de veda do polbo, requisáronse no litoral galego 5.500 nasas ilegais dedicadas á captura do cefalópodo, segundo datos da Xunta. Para a conselleira do Mar, Rosa Quintana, estas cifras reafirman o "compromiso que a Xunta de Galicia vén mantendo desde 2009 na loita contra o furtivismo".

A titular de Mar tamén subliñou o feito de que o seu departamento puxo en marcha o Plan Integral contra o Furtivismo o Servizo de Gardacostas de Galicia aumentou un 35% a media anual de inspeccións realizadas, incrementáronse un 40% tanto as infraccións detectadas como as incautacións realizadas e triplicáronse os comisos de produtos extraídos de maneira irregular.  Rosa Quintana recoñeceu que a maioría das nasas requisadas non están identificadas, "polo que na maioría das ocasións non se pode abrir un expediente sancionador".

CHAMAMENTO Á CIDADANÍA

A conselleira do Mar fixo un chamamento á cidadanía respecto ao "consumo responsable dos produtos do mar". A loita contra o furtivismo, dixo, tamén pasa por que os consumidores adquiran pescados e mariscos exclusivamente "a través das canles legais de comercialización".

Facer o contrario, engadiu, supón "frear o desenvolvemento de Galicia e do mar de Galicia", ademais de "un atentado contra o medio ambiente, contra a saúde pública e contra a inmensa maioría dos profesionais que desenvolven o seu traballo de maneira legal".

FURTIVOS DE BAÑADOR

A intensificación dos controis e das inspeccións por parte dos axentes do Servizo de Gardacostas faise en función das vedas e da época do ano. Rosa Quintana desvelou que durante este verán intensificáronse os controis de capturas do polbo e a nécora e os do furtivismo na praia, principalmente de extracción ilegal de ameixa e berberecho.

Neste sentido, a conselleira sinalou en que se debe seguir insistindo en que "aínda hai xente que baixa á praia non só para gozar das nosas augas, senón para coller ilegalmente mariscos". Ademais, Rosa Quintana destacou a implicación e colaboración coa que contan para esta tarefa por parte dos profesionais do mar e das confrarías de pescadores.

"Por desgraza aínda non conseguimos erradicar o furtivismo de bañador pero seguiremos traballando para iso e de aí o esforzo de intensificación de inspeccións que nesta época faise por parte do Servizo de Gardacostas de Galicia", sostivo.

REFORZO DO SERVIZO

Como un exemplo máis dese compromiso contra o furtivismo Rosa Quintana lembrou que a Xunta de Galicia asumiu este ano a renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas coa construción de cinco novas embarcacións, das que dúas xa están en servizo e o resto en fase de concurso. Tamén se incrementou o seu persoal en 40 persoas e renovouse a frota de vehículos.

"Non imos renunciar ao compromiso de que Galicia sexa un exemplo de pesca sustentable", sinalou a conselleira. "E para iso os profesionais sempre contarán co apoio da Administración pesqueira", abundou.

Os barcos de Gardacostas da Xunta proceden a retirar unhas nasas e sancionar ao patrón dun barco de Baixura
Os barcos de Gardacostas da Xunta proceden a retirar unhas nasas e sancionar ao patrón dun barco de Baixura | Fonte: Dario Gómez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta