O BNG demanda un proxecto "máis ambicioso" para o Plan de Transporte Público de Galicia

O deputado Luis Bará criticou os anteproxectos da Xunta por "conter numeroso erros, carencias e un deficiente traballo de campo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 16:36

Comparte esta noticia

O BNG pediu que a Xunta amplíe o prazo para presentar alegacións sobre o Plan de Transporte Público de Galicia que acaba o vindeiro mércores, 23 de agosto, e que afecta a 1.206 liñas de autobús nun total de 28 anteproxectos.

A xuízo do deputado do BNG Luís Bará, a iniciativa de mobilidade necesita ser "máis ambiciosa", "un verdadeiro plan de transporte por estrada" que se elabore en base ao "diálogo" cos concellos e que responda as "necesidades da Galicia do século XXI". Así o manifestou o partido nacionalista este mércores nun comunicado, no que Bará criticou os anteproxectos da Xunta por "conter numeroso erros, carencias e un deficiente traballo de campo".

En concreto, os fallos aos que alude o deputado do BNG radican no establecemento de "paradas inexistentes" e a "creación de itinerarios imposibles" para os autobuses. De feito, o partido sinalou que este plan pon de manifesto unha forma de actuar "apresurada e chafalleira" porque algúns dos trazados pasan por "direccións prohibidas e zonas peonís".

Respecto das carencias, o deputado do Bloque explicou que estas demostran a "continuación" da actual proposta, xa que "na maior parte dos casos" limítase " a reagrupar liñas existentes e unificar o transporte escolar e as rutas regulares" co "obxectivo de reducir custos".

Ademais, o grupo nacionalista denunciou que os novos contratos non permitirían "asumir a subrogación de persoal e as cláusulas sociais" asinadas pola Xunta e as centrais sindicais e que a "agrupación das concesións" busca "favorecer os intereses das grandes empresas".

ALTERNATIVAS

Por outra banda, Luís Bará remarcou que "non só se trata de construír estacións de tren e bus comunicadas", senón de "establecer servizos interconectados e con billete compartido". Para dar este paso é necesario, segundo Bará, conseguir a "transferencia das competencias en materia de ferrocarril" a Galicia.

Neste sentido, as alternativas propostas polo BNG pasan por aprobar unha lei de mobilidade "sustentable, saudable e segura" que "potencie as conexións ferroviarias de proximidade e a intermovilidade". Así mesmo, cren que debe executarse "un novo plan que priorice as especificidades das zonas rurais, urbanas e rururbanas"; "as conexións a hospitais, universidades e edificios administrativos" e a "comunicación cos parques empresariais e os aeroportos".

Luís Bará, no Parlamento Galego'. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo
Luís Bará, no Parlamento Galego'. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta