Novo Estatuto: Nunca Máis?

Nos primeiros meses do ano 2005, o BNG -encabezado, daquela, por Anxo Quintana- promoveu a plataforma “Foro Novo Estatuto” co obxectivo de elaborar as bases orientadoras dun proxecto de reforma do Estatuto de Autonomía, vixente dende 1980. Entre as persoas que conformaban aquela plataforma figuraban nomes como Xosé Luís Barreiro Rivas, Vítor F. Freixanes, Ramón Villares, Xosé Fortes ou Pablo González Mariñas.

Por Xesús Veiga | Santiago de Compostela | 22/08/2019

Comparte esta noticia

O clima de opinión xerado a partir desta iniciativa foi un dos factores que propiciou -despois do cambio acontecido nas eleccións que permitiu a formación do goberno de coalición entre o PSdG e o BNG- a creación dunha Comisión do Parlamento galego encargada de elaborar un novo texto para o Estatuto. Os traballos da devandita Comisión non foron quen de rematar a tarefa encomendada porque o PP rexeitou a proposta de posíbel consenso que se tiña acadado. Eran os tempos nos que a equipa de Mariano Rajoy desenvolvía, por todos os recunchos do Estado, unha histérica campaña contra o novo Estatut catalán.
 
Nos mais de dez anos transcorridos dende aquel fracaso rexistrado na Cámara do Hórreo non existiron iniciativas para colocar este asunto, mais unha vez, no centro da vida política galega. Os motivos explicativos foron variados. Estivo, por unha banda, a negativa de Feijóo a transitar por un camiño que non contaba co visto e prace dos dirixentes da rúa Xénova, dedicados a manter e alimentar a confrontación coas reivindicacións do nacionalismo catalán. O PSdG tampouco estaba polo labor: desprazado o núcleo mais afín a Touriño, non existía a vontade política requirida para recuperar este activo da andaina do bipartito. A dirección do BNG, despois da Asemblea de Amio, modificou a posición anterior sobre esta cuestión: a reivindicación principal estableceuse en termos xenéricos (soberanía, autodeterminación) mais que nas propostas concretas que daban corpo á proposta estatutaria anterior. E as novas formacións políticas que foron agromando (AGE primeiro, En Marea despois) tamén optaron por distintas fórmulas propositivas (procesos constituíntes, artellamento federal ou confederal do Estado) que supuñan abandonar o territorio da loita por un novo Estatuto.
 
Ao cabo, a situación resulta paradoxal. A normativa vixente esixe que calquera reforma estatutaria sexa avalada polas dúas terceiras partes do Parlamento (50 deputados e deputadas) antes de sometela ao preceptivo referendo da cidadanía. Coa actual correlación de forzas -e non é previsíbel, no curto prazo, un escenario no que o PPdG fique por debaixo dos 25 escanos-, este requisito concede unha evidente vantaxe ao partido que hoxe preside Feijoo. Ou dito noutros termos: obriga a que os grupos da oposición sexan capaces de crear un amplo estado de opinión na sociedade galega que non lle permita ao actual partido maioritario ficar instalado no boicot que practicou nos últimos anos. Ocorre que eses partidos que deberían tomar a iniciativa carecen dunha vontade unitaria mínima porque discrepan da pertinencia e/ou do alcance dunha eventual reforma do Estatuto.
 
Só hai unha hipótese que permitiría pensar na verosimilitude dunha reforma estatutaria no horizonte da vindeira lexislatura: que PPdG e PSdG formalizaran un pacto para acometer tal proxecto. Semellante circunstancia resultaría contraditoria coa previsíbel confrontación que se vai vivir entre ambas formacións na disputa polo control do goberno galego. E, ademais, esixiría unha disidencia explícita de Feijóo -ou dos seus sucesores- a respecto da vontade recentralizadora asumida por Pablo Casado. É realista imaxinar que, por exemplo no ano 2021, o Parlamento galego aprobe un cambio no Estatuto -aínda que sexa nunha versión “low cost”- mentres as tres dereitas (PP, C’s e Vox) fan o posíbel por arruinar un eventual acordo sobre un novo rol de Catalunya no escenario estatal?
 
E, para completar o cadro analítico, convén lembrar que a práctica totalidade das análises demoscópicas publicadas na última década deixan constancia da existencia, no seo da sociedade galega, dun amplo estado de opinión favorábel á mellora do autogoberno.
 

Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito
Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana durante o bipartito | Fonte: cecubo Group

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.