Pontón insta a Feijóo a que "tome nota" de Cataluña e presente un recurso contra o Estado polo financiamento

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2019 | Actualizada ás 18:47

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a que "tome nota" de Cataluña e que "presente un recurso xudicial" contra o Estado para que o Goberno de Pedro Sánchez libere os pagos polo financiamento autonómico.

Pontón sumou á reclamación pola vía do contencioso-administrativo dos 700 millóns de euros do financiamento autonómico outros 200 millóns de euros en materia de dependencia, "que xa debe desde a época de Rajoy" á vez que pediu que reclame "eses máis de 2.000 millóns de euros que durante os últimos anos foron orzamentados pero non se investiron na mellora do ferrocarril no noso país". "Galicia necesita a un presidente que exerza como tal", engadiu.

Así, a portavoz nacionalista afirmou que a "parálise política" que se está dando no Estado "non pode ter consecuencias no financiamento ás comunidades autónomas" e asegurou que "o presidente da Xunta non está á altura das circunstancias", converténdose "nun comentarista da actualidade política".

Segundo Ana Pontón, o presidente do Executivo galego "dedícase a facer declaracións, simulacros", pero, ao seu xuízo "non ten determinación á hora de defender os intereses deste país".

Sobre esta cuestión, a portavoz do Bloque avogou a cambiar o modelo "centralista" de financiamento das autonomías "por un novo modelo económico no que sexa Galicia quen recade os seus impostos, quen calcule canto necesita para financiar as competencias que ten, e logo, en todo caso, que sexamos nós os que lle paguemos ao Estado polas súas competencias".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta