María Arceo, artista: "Se non cambiamos, o único que recollerán os pescadores do futuro será plástico"

Paruagas, pistolas, xiringas, plástico... Plástico e máis plástico. María Arceo dedícase a recoller todo o lixo que vai atopando nos ríos e no mar. Lévao para o seu estudo, inspecciónao, codifícao e crea arte. A súa intención é visibilizar de maneira cuantitativa o plástico que contaminan as nosas augas. Tanto o seu discurso coma os seus actos son todo un alegato en defensa do medio ambiente.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 04/09/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

María Arceo dálle unha nova vida aos plásticos que recolecta nas augas dos ríos e dos mares. Crea con eles obras de arte que pretenden concienciar á sociedade da cantidade de lixo que navega ou se deposita nos nosos espazos acuáticos. Nada en Compostela e asentada en Londres, esta artista que estudou Belas Artes e percorreu o Atlántico acompañada doutras catorce mulleres, veu de presentar unha das súas últimas intervencións aquí en Galicia. Percorreu Europa, limpou o Támesis durante longos períodos e visitou diferentes puntos do litoral galego. Nas súas procuras atopa diversidade de obxectos, algúns moi prezados, outros extremadamente curiosos. María Arceo é unha namorada da arqueoloxía e da auga, unha muller concienciada coa problemática dos plásticos e que xestiona o presente cunha mentalidade que mira para o futuro.

María Arceo, artista que crea a partir do plástico dos océanos
María Arceo, artista que crea a partir do plástico dos océanos | Fonte: Uxía Iglesias

Velaquí a súa historia e a súa defensa do medio ambiente.

Vés de presentar na Cidade da Cultura a intervención artística 'Plástico a mareas', que recolle diferentes obxectos atopados en diversos puntos do litoral galego para denunciar a contaminación das augas. Como reacciona o público á túa obra? 

Polo que me din tivo moi boa acollida. Estiven un mes traballando con todo o material para colocalo e nese tempo puiden interaccionar co público. É un sitio interesante, porque estás traballando ao mesmo tempo que a túa obra xa é un escaparate. Viña xente, falábame, preguntábame cousas... Estou bastante sorprendida da moita información que ten o público galego en comparación con hai un ou dous anos. Daquela non había tanta concienciación ao redor do problema do plástico. Á xente impresiónalle e pregúntame polo tempo que me leva recoller todos os obxectos. 

"A roupa que mercamos está causando moitos máis estragos que as bolletas ou as bolsas"

Intervención artística 'Plástico a mareas' na Cidade da Cultura
Intervención artística 'Plástico a mareas' na Cidade da Cultura | Fonte: Cidade da Cultura

Quizais non haxa concienciación a outros niveis: por exemplo, a roupa que mercamos solta fibras que son imposibles de recoller e que están causando moitos máis estragos que as botellas ou as bolsas. O plactom come esas fibras. Moitos fumadores non se decatan de que as cabichas son plástico. Tampouco pensamos na pintura descorchada das paredes... Todo iso acaba no mar arrastrado polas chuvias. O problema é moito máis serio e profundo do que parece.

Para 'Plástico a mareas' percorriches varias praias do litoral galego. En que estado están?

"Na praia do Vilar atopei paraugas, cordas, un saco de plástico, pinchos de mexillón..."

Foron doce días de limpezas. En seis días consecutivos fun á mesma praia... Sempre parece que están limpas pero empezas a tirar e tirar e cando te das conta tes cinco ou seis sacos de lixo. Tratei de facer unha praia de cada provincia. A xente fíxase nas liñas da marea cando limpa. Son diferentes no verán e no inverno. Eu cando vou ás praias adoito ir a zonas máis altas a onde adoita chegar a auga a raíz das tormentas. Na Praia do Vilar (en Corrubedo) encontrei entre as dunas un cauce seco... Comecei a tirar de fíos e atopei paraugas, un saco de plástico, cordas, pinchos de mexillón... Nas praias máis abatidas e  salvaxes, todo está enterrado na area. Limpaba e ao día seguinte o aire volvía desenterrar. Nunha praia de Arousa atopei moitas cousas relacionadas co marisqueo: cheguei a recolectar 5000 pinchos de mexillóns. 

Que intencións tes co teu proxecto? Que procuras?

Eu non adoito facer representacións de animais cos obxectos que recollo. A miña intención é visibilizar de maneira cuantitativa o plástico que está aí. Iso é o que impacta á xente: todo o que unha persoa, soa, pode chegar a recoller... Cestas de ostras, unha palé de plástico, cordas, cabos, trampas para polbos... Logo fiei todos os pinchos de mexillóns en ristras de 12 metros de longo. Coa rede central quería dar unha visión do que sería a pesca no futuro se seguimos como estamos. Os pescadores quéixanse de que se lles rompen as redes pola cantidade de plástico que atrapan xunto co peixe, pero como non cambiemos nada, o único que van recoller no futuro será plástico. Van estar a praia e o mar tan contaminados que os netos da miña familia non poderán tocar a area. Quería visibilizar o problema dunha das industrias máis representativas de Galicia, que é todo o relacionado co mar. E tamén expresar que xusto son os traballadores do mar, os pescadores e os mariscadores, os que están máis están afectando a curto e longo prazo a saúde das rías e da fauna.

"A praia e o mar estarán tan contaminados que os netos da miña familia non poderán tocar a area"

De onde vén esta querenza túa por facer arte co plástico que te atopas no medio acuático?

É unha longa historia. Empezou hai moitos anos cando estudaba Belas Artes en Londres. Nos 90 fixen unha viaxe ao redor de Europa e visitamos as minas de sal de Cracovia, unhas das máis antigas. Chamoume moitísimo a atención e cando volvín iniciei un proxecto de dous anos no que traballei con sal. Quería chamar a atención sobre a evaporación do Mar Aral. Os rusos decidiran cambiar o curso dos seus afluentes para regar as plantacións do algodón e iso provocou a súa desertización. Un dos maiores problemas medioambientais creados polo humano. 

"Interésome en buscar as pegadas que a humanidade deixa na auga"

Agora o meu traballo interésase en buscar as pegadas que a humanidade deixa na auga. As miñas primeiras intervencións foron no Támesis. Cando a marea baixa, no río quedan expostas moitas praias fluviais, unha fonte moi rica de depósitos arqueolóxicos. Atopei cerámicas, vidros, metais da época romana, madeiras de barcos como o Mayflower. Mentres escollía estes restos arqueolóxicos, decatábame de que ás veces a praia estaba saturada de lixo, e daquela recollíao e baleirábao nos contenedores. Un día un veciño chamoume a atención: díxome que se todo o mundo fixera coma min eles non ían poder meter o seu líxo. Comecei, entón, a levalo para o meu estudo. Traía obxectos disparatados: xiringas con sangue, pilas, obxectos das cloacas... Dixen: 'Teño que facer algo para que a xente se concience'. Tamén teño varias mostras de zapatos da época Tudor e estou convencida de que teño zapatos da época romana. Iso foi o que fixo xirar a miña actitude co plástico: se o coiro pode durar tantos anos, canto tardarán en desfacerse os zapatos de plástico que usamos agora e que tamén me atopo en grandes cantidades?

"Teño varias mostras de zapatos da época Tudor e estou convencida de que tamén da época romana"

Indaguei sobre os problemas do plástico na auga. Daquela xa se descubrira a primeira illa de plástico, pero moi pouca xente tiña conciencia dese problema. A través da busca destas pegadas, dalgunha maneira, convertinme en precursora da loita contra o plástico.

Que obxectos tes atopado nas túas intervencións nas augas?

Atopei unha ametralladora uzi, as que usan agora os terroristas e militares por todo o mundo... Iso foi bastante sorprendente. Tamén animais mortos, unha pistola de 1910 alemana metida dentro dunha bolsa de plástico, unha caixa amarela dos hospitais, viais con sangue, cinco baterías de coche apiladas, un maniquí, un vestido de gala, unha estola dun cura, zapatos... 

No 2014 realizaches unha viaxe polo Atlántico con 14 mulleres. Como foi esta experiencia? 

"O plástico xa está dentro de nós"

Contactáronme a raíz dunha charla nunha universidade en Inglaterra. O obxectivo da viaxe era visbilizar o problema dos microplásticos e nanoplásticos que se utilizaban nos cosméticos e a relación que ten o plástico con certos cánceres hormonais. O plástico xa está dentro de nós, e o corpo humano asimílao como estróxeno, disparando os seus niveis. Está ligado, polo tanto, ao cancro de peito, próstata, tiroides...  

Estivemos vinte días rodeadas de auga no Atlántico Norte. Nada ao horizonte. Alí faciamos mostras de auga cunha rede. En todas elas atopabamos partículas de plástico que viamos a través do microscopio a bordo. Impactoume moitísimo. Dinme conta de que o plástico chegaba a niveis microscópicos no medio dos océanos. Os científicos descubriron que ademais de soltar substancias químicas, o plástico atrae outras substancias... É unha esponxa tóxica. Tamén pode evaporarse coa auga, de maneira que as partículas de polvo plástico poden xerar as gotas de auga da chuvia. Un estudo da Universidade King’s College atopou plástico nas mostras de polen. Iso dános a entender que as abellas recollen plástico ao mesmo tempo que recollen polen. O plástico está no aire, na auga, no sal, no noso sangue, en todas partes...

"As abellas recollen plástico e polen ao mesmo tempo"

Hai maneira de librarnos del?

Temos que parar a produción de plástico e atopar outras alternativas máis sostibles. Temos que empuxar aos gobernos e aos políticos para que poñan presión sobre nós, pero sobre todo sobre os produtores, comerciantes e industrias. A UE vai prohibir certo tipo de plásticos e impoñer unha taxa aos envoltorios. É o que ten que pasar. Vendéronnos o plástico nos anos 40 e 50 como un material barato, hixiénico e desechable, e non é ningunha das tres cousas. Se as empresas tiveran que pagar pola limpeza dos plásticos que chegan ao medio ambiente, o plástico sairíalles moi caro.

"O plástico formará as rochas do futuro"

O plástico é fotodegradable - precisa luz para degradarse- . Non fondo do mar sempre permanecerá e formará as rochas do futuro. Falo de miles de anos, pero se a humanidade segue viva, os arqueólogos desas eras serán quen de identificar os depósitos rochosos da nosa época mediante esa liña de plástico que vai quedar no fondo do mar.

Temos que buscar maneiras de reciclalo. Hai compañías que o transforman en aceite de alto grao. Outros sistemas que están dando resultado nos países do norte son as máquinas onde introduces plásticos e devolven o diñeiro. Neses países recíclase ata un 90% de todas as botellas de plástico que se producen. A diferenza coa situación de aquí é abismal. 

Segue faltando información para comprender a magnitude do problema?

Incluso xente que está metida no mundo da sostibilidade descoñece os problemas a fondo. Vin montón de empresas que reciclan o plástico do mar para facer prendas de roupa. Pode parecer boa idea, pero non é a solución. Hai que buscar novas maneiras e alternativas de desfacerse dos plásticos. 

A nova xeración, encabezada por Greta Thumberg, parece que vén pisando forte.

Desde logo. Moita xente coma min levabamos anos tratando de visibilizar este problema. O que abriu os ollos a moita xente foi o programa de David Attenborough, que fixo un montón de documentais e nun deles deu a coñecer o problema do plástico. Desde entón hai moita actividade. O lado bo das redes sociais é que permite a xente coma Greta adquirir moita visibilidade. 

Aínda así, chegamos tarde a esta loita?

Espero que non sexa demasiado tarde. Si é tarde no sentido de que hai un problema que xa nos afectan. Hai unha doutora que leva anos medindo o tamaño dos penes dos bebés. Decatouse de que están decrecendo e iso atribúeo á falta de testosterona da nai para combater os altos niveis de estróxeno que se xeran artificialmente pola presenza de plástico no corpo. Os varóns, daquela, non teñen suficiente testosterona para desenvolver os seus órganos reprodutores. Hai tamén máis problemas de fertilidade, problemas de hiperactividade, alerxias e intolerancias... É algo que xa se integrou nas nosas vidas. Pero eu estou bastante impresionada coa rapidez en que a xente se involucrou e se concienciou. Non é que estea de moda, é que é necesario...

É necesario, mais percibes que algunha vez si sexa tratada coma unha "moda"? Que se mercantilice a loita?

"Facer bañadores con plásticos recollidos do mar crea incluso máis problemas"

As multinacionais comezan a reaccionar ao problema porque o público reaccionou. Se non se poñen as pilas, a xente nova que está facendo proxectos sostibles serán os líderes do comercio. Agora ben, esas mesmas multinacionais son as maiores contaminadoras. Facer bañadores con plásticos recollidos do mar [iniciativa de comercios coma Oysho ou Adidas] crea incluso máis problemas.

Teñen que inventar outras formas de empaquetar os produtos... En vez de mercar botellas de deterxentes, poderían ter máquinas para encher envases reutilizables. Só pagarías polo líquido. Debemos mirar ao pasado, ás cousas que facían nosos avós. Reparar o que se estropea, construír produtos duradeiros, deseñar cousas que se poidan reciclar facilmente... Eu ía con miña nai a arreglar as medias a unha señora da Rúa do Franco. Imos ter que volver facer ese tipo de cousas. Temos que cuestionarnos as cousas, usar a imaxinación e o sentido común.

"O capitalismo non é o sistema ideal para esta loita, pero si se pode acoplar"

Esta loita é compatible cun sistema capitalista?

Non é o sistema ideal, pero si se pode acoplar. Os consumidores temos máis poder do que cremos e podemos usar ese poder para pinchar as compañías onde máis lles doe: nos beneficios. canta máis xente utiliza algo máis barato se fai, e coas alternativas que atoparemos ao plástico pasará o mesmo. 

María Arceo posa fronte á súa obra na Cidade da Cultura
María Arceo posa fronte á súa obra na Cidade da Cultura | Fonte: Cidade da Cultura
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta