Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/04/2012 | Actualizada ás 19:02
Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Acción Galega e Ecogaleguistas fixeron hoxe oficiais os seus contactos, que comezaron hai semanas, para construír unha nova ferramenta política para o galeguismo de esquerdas. Cómpre lembrar que as tres primeiras das catro formacións citadas estaban ou integradas no Bloque até este ano, ou están formadas maioritariamente por ex-dirixentes do BNG.
No seu primeiro comunicado común anuncian que hai acordo para "emprender un proceso de traballo conxunto co obxecto de explorar as súas coincidencias cara á constitución dunha organización política plural e aberta".
Polo de agora non entran detalles nas coordenadas programáticas do novo organismo que, no seu caso, resulte destas negociacións. Sábese, iso si, que haberá dúas comisións, "unha das cales traballará no eido programático e o outra no organizativo".
Máis Galiza, liderada por Xoán Báscuas, era o partido máis próximo á socialdemocracia dos que estaban no BNG. Tiña o maior número de concelleiros, pero a maioría dos altos cargos sigue na fronte mentres que a maioría da militancia apostou por marchar tras a vitoria da APU na última Asemblea.
Encontro Irmandiño é o partido de ideoloxía altermundista que lidera Xosé Manuel Beiras, ex-líder do BNG derrotado por unha apretada marxe polo líder da APU Guillerme Vázquez na última Asemblea da fronte.
En Acción Galega, de nova creación, cooperan ex-dirixentes do BNG como Teresa Táboas, Pérez Bouza ou Pérez Lema canda outros militantes, entre os que figura Rafal Cuíña, empresario ex-militante do PPdeG. En principio a súa ideoloxía está próxima ao centro.
Ecogaleguistas é unha nova formación nacida antes das escisións do Bloque e na que colaboran ex-militantes doutros partidos de esquerdas, moitos dos cales tamén participaran na Iniciativa Ben Común, creada ao fío do 15M.
Tras semanas de ruxe-ruxes. o anuncio conxunto de hoxe supón a primeira presentación pública do que se está a chamar "Novo Proxecto Común" do galeguismo de esquerda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.