A asesoría xurídica da Xunta conclúe que o Goberno ten o deber de cumprir co financiamento mesmo en funcións

A Xunta insiste na necesidade de que se abone "xa" ás autonomías o que lles corresponde ante as dificultades para o pago de servizos públicos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2019 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Un informe encargado pola Xunta de Galicia á súa asesoría xurídica conclúe que "o sistema de financiamento autonómico debe ser cumprido polo Goberno estatal con independencia de que se atope ou non se atope en funcións".

Alfonso Rueda e Valeriano Martínez
Alfonso Rueda e Valeriano Martínez | Fonte: Europa Press

En rolda de prensa este luns en Santiago, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, foron os encargados de explicar as conclusións deste "meticuloso" informe, no cal se recolle que non hai impedimentos legais para que o Goberno central destine ás comunidades o que lles debe, uns 700 millóns no caso de Galicia.

Neste sentido, a Xunta insiste na necesidade de que se abone "xa" ás autonomías o que lles corresponde ante as dificultades para o pago de servizos públicos. Para iso, o informe achega solucións que poden pasar por un decreto lei ou unha iniciativa lexislativa.

Ademais, o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo volve urxir a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para alcanzar unha solución "común" para as comunidades.

"NON É CONTRADITORIO" COA AVOGACÍA DO ESTADO

Na súa intervención, Alfonso Rueda deixou que este informe e o da Avogacía do Estado "non son contraditorios", dado que o da Avogacía do Estado "responde a unha pregunta moi concreta" que lle fai Goberno central e "sen intención de resolver o problema", mentres no caso galego pregúntase por "alternativas" para cumprir con ese financiamento autonómico.

Entre a argumentación do informe da asesoría xurídica da Xunta, destácase que xa foi aprobado en xaneiro deste ano por parte do Estado o anteproxecto de lei de orzamentos, o que se emprega como base polas comunidades para elaborar as súas respectivas contas.

E é que o informe recolle, segundo detallou Valeriano Martínez, que "se debe proceder á actualización do que son os ingresos que nacen do sistema de financiamento". "Xa hai cifras, non é algo que salga da ocorrencia de ningún goberno, é algo debido, procédase", afirma. Para iso, hai "varias solucións" porque "as Cortes están vixentes".

Un pronunciamento baseado no marco constitucional e a xurisprudencia existente ante a situación "urxente" que atravesan as autonomías en servizos "moi necesarios", con créditos "perfectamente identificados" en cada comunidade.

"ESTUPIDEZ" FALAR SÓ DE ENTREGAS A CONTA

"Non podemos caer na estupidez de que os recursos que veñen do sistema de financiamento son as entregas a conta ou a súa actualización, esa é unha parte do problema", advertiu o conselleiro de Facenda. E é que Martínez expresou os "medos" existentes de que o Goberno se refira só ás entregas a conta cando fala de cumprir co financiamento autonómico.

Así, lembra que dos 700 millóns que se deben a Galicia hai 330 millóns que se corresponden coas entregas a conta, pero a estes hai que sumar 200 millóns do IVE e outros 170 polo desempeño fiscal. "Ollo ao dato!", exclamou sobre este punto o conselleiro.

"SE TEÑEN UNHA SOLUCIÓN POR QUE NON A APLICAN MAÑÁ "

Nesta liña, Valeriano Martínez lembrou que servizos públicos como a educación "non están en funcións", cunha volta ao colexio nuns días pola que hai que pagar profesores, comedores e transporte.

O conselleiro de Facenda queixouse de que levan meses á espera dunha solución a esta situación por parte do Goberno de Pedro Sánchez, pero lamenta que "o último" que se sabe é que non chegará antes do 15 de decembro. "Se realmente teñen unha solución por que non a aplican mañá mesmo", pregúntase.

E se non existe esa solución, cuestiona, a que esperan para reunirse coas comunidades para dicir "a verdade". Martínez afea á ministra de Facenda, María Jesús Montero, que en xullo lle remitiu unha carta pola que non obtivo contestación. Así mesmo, reproba que houbese unha reunión de carácter "bilateral" co Goberno canario, pois cre que se debe tratar de forma "común" no CPFF.

O conselleiro de Facenda observa "unha nova irresponsabilidade" por parte da ministra falar de diferir pagos, xa que suporía que os servizos se realizan a "costa do esforzo dos provedores", unha cuestión que "chama a atención" de Valeriano Martínez porque daría lugar a "volver a 2008" para cargar "sobre as costas" das pequenas e medianas esa falta de pagamentos.

Finalmente, a preguntas da prensa sobre se a Xunta vai seguir a vía xudicial contra o Goberno, tal e como fixo Cataluña, Valeriano Martínez reiterou que "non é o momento" de optar por esa posibilidade. Con todo, agrega que Galicia pode empregar "todas" as ferramentas que ten ao seu alcance "no seu momento", pero descarta que agora se recorra aos tribunais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta