Felipe VI recibirá na tarde do luns a Yolanda Díaz como representante de Galicia en Común

A rolda de consultas de cara a unha posible investidura pecharaa Sánchez ás seis da tarde do martes.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 13/09/2019 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

O rei Felipe VI recibirá a quince representantes políticos na rolda de consultas que celebrará entre o luns e o martes para sondarlles sobre a súa posición ante un hipotético novo debate de investidura. Entre os políticos citados figura a portavoz de Galicia en Común, Yolanda Díaz, que acudirá á Zarzuela na tarde do luns.

O rei Felipe VI recibe a deputada de En Común Unidas Podemos, Yolanda Díaz Pérez
O rei Felipe VI recibe a deputada de En Común Unidas Podemos, Yolanda Díaz Pérez | Fonte: Europa Press

Como ocorreu o pasado mes de xuño, o desfile abrirao o deputado do PRC, José María Mazón, e pecharao o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, segundo o programa deseñado pola Casa do Rei.

Os representantes políticos que se entrevistarán co xefe do Estado serán os mesmos aos que recibiu os pasados 5 e 6 de xuño, na primeira rolda de consultas que convocou tras as eleccións xerais do 28 de abril. Como entón, declinaron asistir os portavoces de ERC e de EH Bildu.

Tras aquelas consultas, Felipe VI encargou a Sánchez que tentase formar Goberno. O líder socialista presentouse á investidura co único apoio amarrado do deputado do PRC, co que a súa candidatura decaeu. Tras o seu fracaso, a finais de xullo, o xefe do Estado anunciou que daría tempo aos partidos antes de convocarlles outra vez e ao final optou por darlles toda a marxe posible.

A SÓ UNHA SEMANA DE QUE ACABE O PRAZO

De feito, verase de novo con eles só a unha semana de que expire o prazo fixado na Constitución para a convocatoria de novos comicios se non se logra investir un presidente. A data límite é o 23 de setembro. Se para entón non houbo unha investidura frutífera, as Cortes disolveranse de forma automática e haberá novas eleccións o 10 de novembro.

Os representantes políticos desfilarán por Zarzuela de menor a maior, en función da representación que teñen na Cámara. O monarca reservou 45 minutos para falar con cada un deles e recibirá a oito portavoces o luns e aos sete restante o martes.

O que primeiro verá ao Monarca, ás dez da mañá, será o deputado do PRC que, case tres meses e medio despois de estrearse nestas lides, volverá a palacio para renovar ante o xefe do Estado o seu apoio a Sánchez. Como en xuño, o de Mazón é o único voto a favor que ten garantido o líder socialista se volve someterse a un debate de investidura.

As 10.45 será a quenda de Joan Baldoví (Compromís), ao que seguirán Juantxo López de Uralde (Equo, integrado en Unidas Podemos) e Javier Esparza (UPN, da coalición Navarra Suma). Xa pola tarde, a partir das 16.30 falarán co rei Ana Oramas (Coalición Canaria), Yolanda Díaz (Galicia en Común, tamén de Unidas Podemos), Alberto Garzón (Esquerda Unida, socio de Unidas Podemos) e o portavoz do PNV, Aitor Esteban.

SÁNCHEZ, O MARTES POLA TARDE

O martes as consultas continuarán ás 10 da mañá con Laura Borràs (Junts), Jaume Asens (En Comú, aliado de Unidas Podemos), Santiago Abascal (Vox) e Pablo Iglesias (Podemos). Pola tarde despacharán con Felipe VI Albert Rivera (Ciudadanos), Pablo Casado (PP) e Pedro Sánchez (PSOE), que está citado ás 18.00 horas.

Durante a súa audiencia co presidente do Goberno en funcións, o monarca deberá comunicarlle se lle volve ou non propor como candidato á investidura.

Se houbese un acordo que permitise investir presidente, o Pleno debería convocarse como moi tarde para o día 20, co fin de que a primeira votación, na que o candidato necesita maioría absoluta do Congreso, se celebrase o día 21 e a segunda, na que só se require maioría simple, 48 horas despois, o mesmo día 23.

O artigo 99 da Constitución establece que se pasados dous meses desde a primeira votación de investidura ningún candidato foi investido presidente, o rei disolverá as Cortes e convocará novas eleccións co referendo da presidenta do Congreso. Neste caso, os comicios terían lugar o 10 de novembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Será cínica...? Mentras vai pasear a Zarzuela xa teñen confeccionadas as listas electorais para as autonómicas en Galicia! Eva Solla + Rubén Pérez (exemplos do que pode facer a moqueta coa esquerda republicana e comunista!) En canto a Yolanda igual se presenta pola quinta provincia antes de retirarse a descansar nalgún Consello Económico e Social ???

1 Isidro

Pero esta non era republicana? Que pinta indo facerlle o Rendibú ó Borbón? Ademais non está integrada no grupo de Unidas Podemos? Pois terá que ir Pablo Iglesias

1 Goudelha

"Esta" é do que máis lle conveña según o caso. É capaz de ir á misa logo de reverenciar ó bobón e posteriormente asistir a clases de chotis e sevillanas mentres fala nunha rolda de prensa da nación galega republicana e laica. É un cataventos ó nivel do primo de rivera...