Os ollos das palabras

Armando Requeixo fala esta semana de 'Os ollos das palabras', un catálogo xurdido dun proxecto literario, pictorico e escultórico.

Por Armando Requeixo | Ames | 02/05/2012 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

Título: Os ollos das palabras

None

Editorial: Xunta de Galicia

Lugar: Santiago de Compostela

Ano: 2012

Páxinas: 94

 

 

Non é tan frecuente atopar por xunto calidade literaria e mais excelencia pictórica, musical ou escultórica nun mesmo proxecto. Por iso é tan de apreciar a obra dos creadores autenticamente ambidextros, que conciben tales eidos artísticos como un mesmo cosmos comunicante que se modula con predominio do icónico, do matérico, do melódico ou do verbal segundo a coordenada concreta, pero que figura sempre presidido por un mesmo pulo de ambición conceptual e estética.

 

Insisto nesta idea á vista da aparición do volume Os ollos das palabras, libro catálogo editado con motivo da exposición homónima que o escultor e escritor mindoniense Caxigueiro e mais o poeta e pintor celanovés Baldo Ramos manteñen aberta dende o pasado 9 de marzo e ata o vindeiro 10 de xuño na Cidade da Cultura do monte Gaiás.

 

Quen deixe ir a vista por este Os ollos da palabra —tanto me ten que o faga visitando a exposición como percorrendo as moi coidadas planas do seu catálogo oficial, aínda que o meu consello é que non se priven de ambas as dúas experiencias— poderá comprobar ata que punto a lucidez expresiva e metapoética de Ramos cobra pleno sentido na súa extensionalidade caligráfica, abríndose a novos continentes de libros-cadro onde o diálogo entre o trazo pictórico e a solución semántica son unha e a mesma cousa.

 

De igual maneira, deixarse tramar polos volumes e refractarios escultóricos de Caxigueiro axudará a comprender mellor a súa percepción versal do espazo, a linguificación da realidade circundante, dos seus baleiros e transicións, da súa permanencia na corporalidade da escrita que (re)funda unha obxectualidade literaturizada.

 

O que Ramos e Caxigueiro ofrecen é un verdadeiro festival para os sentidos. Unha romaría de libros de artista, poemas visuais, cartafoles serigrafados, refractarios lacados, instantáneas e aglomerados, aceiros inox e mais escaiolas en composicións, formando todos eles un conxunto de poderosa suxestión sensorial e admirable integración harmónica.

 

De por parte, os que se fagan co catálogo han poder gozar non só da reprodución fotográfica de moitas destas marabillas da exposición e aínda doutras que ficaron fóra da mesma, senón, sobre todo, da regalía de dous micropoemarios de Ramos e Caxigueiro, o primeiro deles contendo versos inéditos a canda outros de anteriores libros seus, o segundo rigorosamente novo e, todos dous, complementados por un curioso poema final a catro mans.

 

O libro complétase aínda con dous breves prólogos de natureza moi dispar en todos os sentidos: un discurso historicista e académico de Antonio Garrido, centrado máis en descubrirnos a nacenza da irmandade pictórico-escultórico-literaria dende os tempos das cavernas ata as vangardas do pasado século que en falarnos de Caxigueiro e Ramos (dos que apenas se se achegan unhas fichas curriculares doadamente googlizables) e un excelente miniensaio do tamén poeta Eduardo Estévez, onde con admirable condensación se identifican algúns dos elementos definitorios dos universos creativos de ambos os dous artistas, conseguindo revelarnos con acuidade e grande capacidade de evocación o porqué da feliz maridaxe das súas creacións.

 

 

Anímense a visitar a extraordinaria exposición Os ollos das palabras e fáganse tamén co seu catálogo. Asegúrolles unha experiencia artística inesquecible, o descubrimento dun territorio mestizo, feraz e poliédrico que os deixará gratamente sorprendidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta