Cruce de acusacións entre CRTVG e a oposición parlamentaria sobre o tratamento do crime de Valga

Os grupos da oposición aproveitaron para acusar á dirección da CRTVG de "contradicir" os principios deontolóxicos e as recomendacións para o tratamento de casos de violencia de xénero ao emitir pezas que "caían no morbo" con "fontes pouco fiables" ou declaracións de achegados ás vítimas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2019 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A oposición no Parlamento de Galicia criticaron este venres o tratamento informativo do triplo crime de Valga (Pontevedra) na Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), ao que o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, afeou aos grupos que "utilicen" o suceso como "arma arreboladiza" contra a xestión dos medios públicos.

"Non se nos escapa que queren (a oposición) construír un discurso de machismo na CRTVG", afirmou Sánchez Izquierdo durante a súa comparecencia na comisión permanente non lexislativa de Control da CRTVG, celebrada este venres.

E é que, aínda que non figuraba na orde do día, o tratamento do crime de Valga sucedido o pasado luns coouse no debate da comisión, na que dúas das cinco preguntas ás que tivo que responder o director da CRTVG estaban relacionadas coa igualdade no ente público: unha presentada polo PP sobre as actuacións desenvolvidas para fomentar a igualdade entre homes e mulleres; e outra rexistrada polo PSdeG acerca dun anuncio dunha produtora que buscaba un home para presentar un programa de cociña na TVG.

Con todo, os grupos da oposición aproveitaron para acusar á dirección da CRTVG de "contradicir" os principios deontolóxicos e as recomendacións para o tratamento de casos de violencia de xénero ao emitir pezas que "caían no morbo" con "fontes pouco fiables" ou declaracións de achegados ás vítimas.

Sánchez Izquierdo censurou o que considera un intento dos grupos por "usar" un suceso "tráxico" como a morte de tres mulleres a mans do exmarido dunha delas para, segundo o director da CRTVG, empregalo como "arma arreboladiza" contra os xestores do ente público.

"Se alguén quere facer unha pregunta seria, con rigor e documentada, estarei disposto a responderlle nun ambiente serio e frío, non en quente", aseverou o director da CRTVG, ao que a deputada do PSdeG Noela Branco respondeu que o seu grupo xa rexistrou unha pregunta sobre este asunto.

"O problema de todo isto é que, cando non se detecta un problema non se pon solucións para eses problemas. O morbo non é xornalismo", espetou Noela Branco, que cuestionara a Sánchez Izquierdo sobre un anuncio publicado na prensa na que unha produtora audiovisual informaba dun cásting para elixir a un home como presentador para un programa de cociña na TVG.

PROGRAMA DE COCIÑA

Sobre este asunto, o director do ente público alegou que o anuncio foi responsabilidade exclusiva da produtora, á que acusou de empregar de maneira "incorrecta" o logo da TVG sen comunicarllo previamente á dirección. Este "erro da produtora", continuou Sánchez Izquierdo, foi "emendado" pola propia empresa despois e ao cásting "apuntáronse tamén mulleres, polo que o efecto do anuncio erróneo quedou sen efecto".

Respecto da pregunta presentada polo PPdeG sobre as accións desenvolvidas no ente público para o fomento da igualdade, Sánchez Izquierdo destacou o "compromiso" que existe na CRTVG con este asunto. "Non é unha moda ou unha postura mediática. É un convencemento, algo obrigado", incidiu.

Así, resaltou que desde este verán "máis da metade dos directivos" da CRTVG son mulleres, unha repartición que xa se daba no cadro de persoal. Tamén se detivo no tratamento do deporte do feminino, un aspecto polo que foi felicitado pola deputada popular Raquel Arias.

"As deportistas galegas fannos a vida fácil, son moi boas, moi competitivas e teñen moi bos resultados", sinalou Sánchez Izquierdo, que destacou un informe de Barlovento que revela que a CRTVG é a televisión "con maior volume de emisión" de deportes femininos.

Entre outros asuntos, o director da CRTVG informou que o ente público iniciará a finais deste ano unha campaña de visibilización da muller no rural. Ademais, avanzou a firma dun convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade para o deseño "de face ao próximo ano" dun programa formativo para os profesionais da CRTVG sobre o tratamento da violencia xénero e o uso de linguaxe inclusiva.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, comparece na Cámara. CRTVG - Arquivo
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, comparece na Cámara. CRTVG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta