PP, En Marea e BNG cualifican de electoralista o anuncio do pago de parte da débeda con Galicia

Feijóo esixe a Sánchez "a totalidade do diñeiro" que debe, En Marea di que é "frívolo" o anuncio e o BNG un "pitorreo". Pola sua banda, Caballero destaca que Sánchez cumpriu "o seu compromiso" co financiamento e ve a Feijóo "espido" e "sen discurso".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/09/2019 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

PP, En Marea e BNG non se fían do anuncio do pago da débeda do estado con Galicia e din que chega tarde e é un "anuncio electoralista". Unhas declaracións que chegan logo de que El País publicara que o Ministerio de Hacienda anunciara que atopou "unha fórmula" para poder pagar unha parte do diñeiro que lles adebeda, a pesar do dictame en contra da Avogacía do Estado.

Unha oficina da Axencia Tributaria
Unha oficina da Axencia Tributaria | Fonte: Ministerio de Hacienda

O anuncio chega en plena precampaña electoral e logo de que distintas comunidades, entre ela a galega, teñan criticado duramente o bloqueo da entrega deses 700 millóns.  Así, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, volveu a reclamar ao Goberno central "a totalidade do diñeiro" que o Estado debe transferir ás comunidades autónomas e acusouno de gobernar de forma "frívola e sectaria".

"Lamentablemente estannos tomando o pelo", asegurou este sábado nunhas declaracións en Mar da Prata, durante a súa visita a Arxentina, nas que reiterou que a Xunta tiña razón "desde o primeiro momento", xa que "non existen razóns obxectivas para explicar o porqué de non pagar todo o diñeiro que se lles debe ás comunidades".

EN MAREA

Pola sua banda, o portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou ao PSOE e ao PP de utilizar a débeda do Estado coas comunidades autónomas como "táctica preelectoral". "Non é verosímil que durante meses a avogacía do Estado non atopase modo de transferir o diñeiro que debía ás comunidades autónomas e no día seguinte de convocarse as eleccións apareza esa fórmula", sinala, nun comunicado.

Neste sentido, arremeteu contra populares e socialistas por "facer desta disputa" unha cuestión electoral "sen contar coa cidadanía e sen contar que ese diñeiro pon en risco servizos básicos para a xente". Villares reprochou ao partido liderado por Pedro Sánchez de "chantaxear a todas as comunidades" a través do financiamento autonómico para "conseguir apoios" de face á investidura.

BNG

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tachou de "pitorreo" que o Goberno central vaia a desbloquear agora os fondos das comunidades autónomas. Para a nacionalista, isto "o único que demostra é ata que punto as forzas estatais, chámense PSOE, PP, Cs ou Podemos, están instalados nunha frivolidade".

En declaracións aos medios tras a súa intervención nunha xornada sobre innovación que organizou a súa formación no Parlamento de Galicia, volveu a instar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a empregar a vía xudicial se o Estado non recoñece a débeda total de 700 millóns que cifra a Administración autonómica. Neste contexto, Ana Pontón aproveitou para reivindicar que nas eleccións xerais, previstas para o próximo 10 de novembro, "os galegos teñen unha oportunidade para darlle a volta á tortilla" e "deixar atrás esta frivolidade e esta broma" das forzas estatais con Galicia.

PSdeG

Unha opinión moi diferente ten o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que destacou que o Goberno de Pedro Sánchez demostrou o seu "compromiso" co financiamento territorial fronte a un presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "queda espido" e "sen discurso".

En declaracións aos medios en Pontevedra, Caballero ve "evidente" que os socialistas son "a mellor garantía" para o Estado das Autonomías, como trasladou nas últimas semanas "con total intensidade", fronte á "coalición da dereita e a ultradereita" liderada por "Casado, Álvarez de Toledo xunto a Abascal e coa complicidade de Feijóo".

"Son un risco para o Goberno autonómico, a autonomía galega e o financiamento autonómico", insistiu, para considerar "evidente" que o Goberno de España "cumpre aquilo que di" e que a actualización das entregas a conta "estaba garantida" para antes de final de ano, como lle dixo a Feijóo "máis de 200 veces".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta