UGT responsabiliza a Interior de que o persoal de mantemento de cárceres galegos "leven 3 meses" sen cobrar

A concesionaria do mantemento xestiona tamén o mantemento doutras prisións en España, de modo que o número de empregados prexudicados cífrase nun total de 21.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2019 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Federación de Industria, Construción e Agro (FICA) de UGT en Galicia, Javier Carreiro, sinalou ao Ministerio de Interior como "responsable principal" de que a empresa concesionaria do mantemento dos cárceres de Pereiro de Aguiar, Bonxe e Monterroso  "leva tres meses" sen pagar aos seus traballadores.

Nunha rolda de prensa concedida na sede do sindicato en Santiago, Carreiro concretou que esta situación afecta en Galicia a un total de sete empregados de Landing --a subcontrata--, que tampouco percibiron a paga extra de xuño nin cobrarán a nómina de setembro.

A concesionaria, tal e como explicou o secretario xeral de FICA-UGT Galicia, xestiona tamén o mantemento doutras prisións en España, de modo que o número de empregados prexudicados cífrase nun total de 21.

Neste contexto, Javier Carreiro incidiu en que isto se debe a que Landing "presentou a recesión de contrato amigable" antes do seu vencemento por dificultades para efectuar os pagos, "cousa que denegou" o Ministerio de Interior. Por iso, sinalou que "ao final" a "responsabilidade" sobre a subcontrata é do propio departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska.

Ademais, ante este conflito co persoal de mantemento, as cámaras de seguridade de varios destes centros estiveron varios meses "sen funcionar", o que pon "en perigo" non só aos traballadores de Landing, "senón aos propios funcionarios de prisións e aos reclusos". De feito, cando facía falta reparar algo, "o propio centro cómpralles e dálles as subministracións" para efectuar os arranxos, relatou Carreiro.

"EMPRESAS VIABLES"

Así, UGT quixo "denunciar publicamente" que debe ser o Goberno central o que "dunha vez por todas dea solución a este problema". Ademais, apelou a que "cando se dan concesións" --a de Landing foi en xullo de 2018-- debería "mirarse a ver a quen se lles dá", porque "deben ser empresas viables".

Así mesmo, sinalou que este conflito, que afecta a sete empregados na Comunidade galega, xa foi levado ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), no que "non compareceu nin o Ministerio nin a empresa denunciada", segundo Carreiro. O sindicalista tamén sinalou que hai "15 días" trasladou a situación ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. "Estou á espera dunha resposta", apostilou.

"Se isto segue así, seguramente teremos que expornos mobilizacións", advertiu o secretario xeral de FICA-UGT Galicia, para despois engadir: "A min preocúpanme sete traballadores coma se fosen 100". E é que, debido aos prazos para a escisión do contrato actual e aos tempos do concurso público que levaría licitar de novo o servizo, estes empregados poderían estar sen cobrar ata "dez meses".

Secretario xeral da Federación de Industria de UXT (FICA-UXT) en Galicia, Javier Carreiro.
Secretario xeral da Federación de Industria de UXT (FICA-UXT) en Galicia, Javier Carreiro. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta