Científicos avisan de que Galicia necesita máis bosques autóctonos e menos eucalipto para evitar a perda de biodiversidade

Un novo estudo sobre o impacto do eucalipto na biodiversidade en Galicia vén confirmar que alí onde domina esta planta exótica hai pobreza de especies de aves e plantas, en comparación cos bosques nativos, onde hai maior riqueza.

Por Alberto Quian | Madrid | 30/09/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

En 2018, investigadores dos departamentos de Bioloxía Funcional e Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela publicaron os resultados dun estudo que compara a biodiversidade en plantacións de eucaliptos e carballeiras da provincia de Pontevedra, nos concellos de Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo–Cotobade, Ponte Caldelas e Pazos de Borbén. O que atoparon foi que nas zonas dominadas por eucaliptais hai menos diversidade de especies de plantas e menos variedade e abundancia de aves que nos terreos nos que o rei é o carballo.

Imaxe dunha carballeira (esquerda) tomada por Javier Pais e un eucaliptal fotografado por Pierre
Imaxe dunha carballeira (esquerda) tomada por Javier Pais e un eucaliptal fotografado por Pierre | Fonte: Flickr.

O número total de especies de plantas no conxunto das carballeiras foi moi superior ao presente nos eucaliptais: 98 vs 53. A diversidade na carballeira con menos especies (52) resultou moi superior ao eucaliptal máis diverso (33 especies).

Nas plantacións de eucalipto identificaron até 17 especies de aves, moi por baixo das 30 atopadas nas carballeiras. O número medio de especies de aves nos eucaliptais na estación máis favorable, a primavera, foi de 3,25, cifra moi inferior ao valor atopado na estación menos favorable nas carballeiras, o inverno, con 7,75 especies.

Pois ben, estes resultados vense agora confirmados por outro estudo similar feito, nesta ocasión, na área central de Galicia, na comarca da Ulloa. As conclusións ás que chegaron os autores desta investigación son tamén que nos bosques nativos hai unha maior riqueza de especies de aves e plantas que nos eucaliptais.

“Os nosos resultados mostraron que as plantacións de eucalipto constitúen un hábitat moito máis pobre para as plantas e as aves que os bosques nativos, cunha riqueza de especies significativamente menor en ambos os taxons e unha menor abundancia de aves”, afirman os investigadores.

Máis detalladamente, comprobaron que nas plantacións de eucalipto hai unha densidade de árbores moito máis alta, pero unha riqueza de especies arbóreas e arbustivas e unha cuberta de copa (grao equivalente de espesura) moito máis baixas.

A riqueza de especies de herbas relacionouse significativamente co tipo terreo, sendo maior no bosque nativo en comparación cos eucaliptais. Atopáronse un total de 31 especies de herbas en bosques nativos e 27 nos de eucalipto. Desas, doce só estaban presentes nos terreos de boque autóctono e oito especies só o estaban en eucaliptais.

A variedade de especies de aves foi significativamente maior en bosques nativos que nas zonas de eucalipto. Os científicos identificaron até 2.384 aves pertencentes a 37 especies nos primeiros, fronte a tan só 548 aves de 34 especies nos eucaliptais. O número medio de especies de aves atopadas nos terreos de bosque autóctono estudados dobrou ao observado nas zonas de eucalipto (26,1 vs 12,8). Tamén a abundancia de aves foi maior nos bosques nativos.

Por outro lado, a abundancia relativa de aves forestais que aniñan en cavidades foi polo menos un 64% maior nos bosques nativos.

“Descubrimos que a riqueza de especies, tanto de herbas como de aves, era  consistentemente menor nas plantacións de eucalipto en comparación cos bosques nativos. Ademais, a abundancia de especies de aves características da agricultura, os bosques, as matogueiras e outros hábitats, foron moito menores nas plantacións de eucalipto que nos bosques nativos. As comunidades de herbas e aves tamén foron significativamente diferentes entre os dous tipos de terreos, pero como resultado de diferentes procesos ecolóxicos”, resumen os autores do traballo.

Os resultados tamén permiten concluír que “as especies presentes nos bosques nativos son típicas tanto das terras agrícolas como dos hábitats forestais, mentres que as presentes nas plantacións de eucalipto son típicas dos hábitats de matogueira e terras agrícolas”.

CONSERVAR OS BOSQUES NATIVOS, UNHA PRIORIDADE

En conclusión, os resultados deste estudo “mostran que as plantacións de eucalipto non poden substituír os bosques nativos, xa que albergan diferentes especies de herbas e só un subconxunto das especies de aves que se atopan nos bosques autóctonos”, explican os investigadores.

En base a estes resultados, “tendo en conta a taxa actual de aumento das plantacións de eucalipto e a fragmentación dos bosques nativos” en Galicia, alertan de que “a falta de conservación dos bosques nativos podería dar lugar a unha perda futura de biodiversidade en xeral e de especies forestais especializadas en particular”.

“Debido a que as plantacións de eucalipto impulsan a homoxeneización biótica das aves e a rotación de especies en herbas, unha crecente extensión de plantacións exóticas en detrimento dos bosques nativos probablemente conduciría a unha maior perda de biodiversidade”, argúen.

É por todo isto que consideran que “a conservación dos bosques nativos debería ser unha prioridade”.

Os resultados do estudo publicáronse recentemente na revista científica Global Ecology and Conservation nun estudo titulado 'Effects of eucalyptus plantations on avian and herb species richness and composition in North-West Spain', asinado por Sandra Goded e Jesús Domínguez (Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela), Johan Ekroos (Centro de Investigación Ambiental e Climática, da Universidade de Lund, Suecia), Joaquín G. Azcárate (Departamento de Botánica na Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago de Compostela), José A.Guitián (Departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Santiago de Compostela) e Henrik G.Smithb (Departamento de Bioloxía da Universidade de Lund).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gustavo

A xente moi preocupada nas redes sociais polo Amazonas (e paréceme ben) pero moitos ignoran a "deforestación" brutal (a plantación de eucaliptos é deforestación) que se está producindo diante das suas narices, ou a dous kilómetros das suas cidades. Bestial, e non medida por ninguén: en poucos anos a eucaliptización duplicouse, non hai máis que andar un pouco polas aldeas.

1 Derem

Maioritariamente non é deforestación porque medran nos terreos de cultivo abandoados. Onde había patacas, centeo ou trigo, temos agora eucaliptos ou pinos. Cultivos que non necesitan tanta xente. Plantan os abós para os netos. Outra cousa é que teñamos que protexer ou aumentar as fragas, que é certo.