Algo está a mudar nas 'interaccións' das candorcas cos barcos: "Preocúpanos que a matriarca tamén participe"

"Ata xuño detectaramos unha caída do 70 % nas interaccións e agora vemos un certo repunte", de maneira que "o comportamento que semellaba tender a extinguirse, polo de agora segue manténdose", asegura Alfredo López, dende o CEMMA.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 27/09/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nas últimas semanas, as alertas por interaccións de candorcas con embarcacións na costa galega volveron estar no foco mediático. Salvamento Marítimo emitiu avisos pedindo aos barcos que non se achegaran a determinadas zonas, como aconteceu na Ría de Arousa a finais de agosto, onde a presenza destes cetáceos atraeu mesmo a decenas de curiosos en embarcacións de recreo, xerando así un 'efecto chamada'. O asunto non é novo: dende 2020, ano no que comezaron a documentarse estes comportamentos, as orcas ibéricas protagonizaron episodios que van dende simples aproximacións ata contactos que rematan rompendo o temón dalgúns barcos. A pregunta que frota no ambiente cada verán é sempre a mesma: que fan aquí as candorcas, canto tempo quedarán e por que interactúan coas embarcacións deste xeito?

Candorca
Candorca | Fonte: MITECO - Arquivo

Alfredo López, biólogo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), leva anos seguindo de preto a estes animais, e explica a Galicia Confidencial que a dinámica dos seus movementos é complexa. "Aínda que a súa tendencia adoita ser a ir cara o norte, desta vez algunhas das candorcas que chegaron ao golfo de Biscaia deron a volta e xuntáronse con outras que viñan do sur", comenta. Neste intre, asegura, hai grupos asentados ao sur de Fisterra que realizan saídas a augas máis profundas para 'pastorar' o atún, o seu principal alimento, cara a costa. De feito, sinala, estase vendo mesmo atún saltando dentro das rías, o que explica a presenza de orcas nestas augas máis próximas a terra.

O lóxico segundo os patróns observados en nos anteriores sería que as candorcas continuasen a súa migración cara o norte, pero nesta ocasión semellan terse detido. López lembra que a súa ruta habitual parte do Estreito de Xibraltar e avanza cara o norte, con paradas en distintos puntos, como ao sur de Lisboa, en Peniche (Portugal) ou en Galicia. "Houbo uns anos nos que estiveron no Arco Ártabro ou na Mariña de Lugo, e agora semella que se teñen parado máis na zona sur de Fisterra, polo que é imprevisible como se comportarán no futuro", sinala o investigador. E é que incide en que "os seus movementos son moi dinámicos, moi complexos e non sempre seguen o mesmo camiño".

"ESTASE XERANDO UNHA ALERTA SOCIAL CANDO A PROBABILIDADE REAL DE QUE ACONTEZA UNHA INTERACCIÓN ENTRE CANDORCAS E BARCOS NON É TAN ALTA"

Alfredo López tamén pon o acento sobre o feito de que as interaccións con embarcacións non deben ser interpretadas como ataques. "É un comportamento novo que as candorcas comezaron a manifestar a partir do ano 2020", sinala. E explica que "sempre se produce en lugares nos que coinciden tres circunstancias: presenza de atún, de veleiros e de candorcas". "Cando se dán esas tres variables, é cando poden ter lugar as interaccións", detalla. A hipótese coa que traballan é que os cetáceos intentan deter a embarcación porque identifican o seu movemento coma un risco. Por iso se achegan ao temón e, debido á súa forza e tamaño, rematan por rompelo. "A incidencia non é moi alta, en calquera caso", aclara López. Calculan que afecta a decenas de barcos dos que atravesan a zona, pero cada caso xera alarma social.

Orcas ría de Arousa
Orcas ría de Arousa | Fonte: PABLO COVELO - CEMMA - Arquivo

Ás veces, como aconteceu recentemente, as recomendacións de evitar a zona derivan nunha concentración de barcos de recreo que acoden precisamente a ver as candorcas porque saben que están aí. "Estase xerando unha alerta social cando a probabilidade real de que aconteza unha interacción entre candorcas e barcos non é tan alta", explica o científico. Por iso, no CEMMA prefiren falar de 'interaccións' e non de 'ataques'. "A interacción é a resposta dos animais fronte a algo, neste caso un barco. Achéganse, poden acompañalo, miralo ou tocalo. Non identificamos estes contactos como agresivos en absoluto, aínda que en ocasión remate rompéndose algunha peza e provocando unha deriva", subliña.

"AS INTERACCIÓNS EXPERIMENTARON UNHA REDUCIÓN DRÁSTICA, DE MÁIS DO 50 % RESPECTO Á MEDIA DE 2021-2024, AÍNDA CO REPUNTE DAS ÚLTIMAS SEMANAS"

En canto a patróns de comportamento, Alfredo López lembra que nun comezo eran sobre todo os exemplares xuvenís os que protagonizaban estas condutas, aínda que tamén podía participar algún adulto de maneira esporádica. "Agora están mudando bastante as cousas, porque estamos vendo na Ría de Arousa participación da matriarca, á que lle puxemos o nome de Toni, que é a candorca máis vella do grupo", asegura, advertindo de que "isto preocúpanos un pouco porque ata xuño detectaramos unha caída do 70 % nas interaccións e agora vemos un certo repunte". "Posiblemente se deba a que hai novos exemplares participando nas interaccións, non sabemos se como observadores ou xa de maneira activa", sinala. En calquera caso, "o comportamento que semellaba tender a extinguirse, polo de agora segue manténdose", recoñece.

Pese a esta sensación de repunte local, os datos globais indican unha reducción clara. "As interaccións neste 2025 experimentaron unha redución drástica, de máis do 50 % respecto á media dos anos 2021-2024 --no 2020 comezaron en xuño, por iso ese ano non computa nas estatísticas--", sinala López. "Con este lixeiro repunte das últimas semanas, seguimos falando dun 50 % menos en comparación con outro anos, polo que en ningún caso é certo que estean aumentando", afirma. O que acontece, matiza, é que non sempre se producen no mesmo lugar nin coa mesma frecuencia. Ás veces pode parecer que aumentan en Portugal, ás veces en Galicia, pero o balance xeral é de descenso. A explicación que manexan está na estrutura dos grupos. "Cando as candorcas están todas xuntas, como acontece neste intre, aumentan as interaccións; cando se atomizan e se separan, diminúen", explica.

"ANTIGAMENTE PASABAN POR AUGAS MÁIS PROFUNDAS E AGORA PASAN MÁIS PRETO DA COSTA, PORQUE TAMÉN O ATÚN SE ESTÁ ADENTRANDO NAS RÍAS"

Sobre o papel do cambio climático nos desprazamentos destas candorcas, López prefire falar de "alteracións climáticas" para subliñar a variabilidade. "O efecto global do cambio climático pode producir alteracións contradictorias", asegura, e explica que "estas alteracións si provocan cambios na distribución de moitos organismos mariños, incluídas as presas das orcas, é dicir, os atúns". "De algún xeito, indirectamente, as orcas tamén se ven afectadas por esas alteracións nos comportamentos das presas", asegura. Por iso, aínda que sempre pasaron por aquí polas costas galegas, ata o punto de que os mariñeiros xa as coñecían por nomes, "antigamente pasaban por augas máis profundas e agora están pasando moi preto da costa, porque tamén o atún se está adentrando máis nas rías". Así, a imaxe das candorcas entrando nas rías galegas e a tensión que xeran os seus contacto con embarcacións respostan a unha combinación de factores: a dispoñibilidade de alimento, os movementos migratorios, a estrutura social dos seus grupos e as alteracións do clima.

Orcas
Orcas | Fonte: MITMA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta