Eucaliptización das Fragas do Mandeo: "Non se está respectando a moratoria en hábitats máis escaso que o bosque tropical"

Fernando Bandín, da Fundación Fragas do Mandeo, conta a historia e presente das continuas agresións a este espazo natural: da eucaliptización das turbeiras á destrución dos humidais.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 28/09/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As Fragas do Mandeo, situadas nos concellos de Betanzos, Coirós, Paderne, Irixoa e Aranga, constitúen un dos últimos bosques autóctonos significativos da Galicia atlántica. Trátase dun territorio no que conviven carballeiras, bosques de ribeira, brañas e algunhas turbeiras, ecosistemas todos eles interconectados polo río Mandeo e os seus afluentes. Non se pode considerar todo como un humidal no sentido habitual, mais si conteñen humidais e turbeiras de enorme valor ecolóxico, que actúan como esponxas naturais de auga e como reservorios de biodiversidade. A súa importancia non reside só na variedade de hábitats, senón tamén na súa condición de refuxio para especies escasas ou ameazadas e na memoria que gardan da interacción humana co medio. Porén, a presión sobre este espazo natural non cesou ao longo dos séculos: primeiro con recheos e ocupacións para infraestruturas, logo con usos agrícolas e industriais, e hoxe cun problema que se repite en toda Galicia: a eucaliptización.

Fragas do Mandeo
Fragas do Mandeo | Fonte: Íñigo Mouzo - Arquivo

O eucalipto, promovido durante décadas como recurso económico rápido, avanza sobre brañas e turbeiras da cunca do Mandeo, destruíndo o bosque húmido atlántico que, segundo os expertos, é máis escaso que o bosque tropical. Como sinala Fernando Bandín, da Fundación Fragas do Mandeo, "temos unha responsabilidade mundial con estes espazos naturais, porque están no noso territorio, pero non se están conservando". Lembra que en Galicia existen seis humidais declarados de interese internacional e incluídos no listado da Convención de Ramsar, pero asegura que "tamén temos outras zonas de grandísimo valor, como a Lagoa de Cospeito, que nunca se recuperou de todo e agora mesmo é un terzo do que era, ou a Lagoa de Antela, directamente desaparecida". E cita o documento presentado por tres entidades conservacionistas ao Ministerio a finais do ano 2020 para reclamar a recuperación das tres grandes lagoas desecadas en España: Antela en Galicia, La Nava en Palencia e La Janda en Cádiz.

"EN GALICIA TEMOS UNHA RESPONSABILIDADE MUNDIAL: TEMOS BOSQUES HÚMIDOS ATLÁNTICOS, UN HÁBITAT MÁIS ESCASO QUE O BOSQUE TROPICAL, E DEBEMOS PROTEXELO"

No caso concreto da cunca do Mandeo, explica que os humidais aparecen na penechaira de Curtis, nas cabeceiras do río Mandeo e do Mendo, máis en concreto abundan na cunca do Deo, afluente do Mandeo. Esa zona foi estudada xa en 1968 por Jenaro Dalda, que publicou a súa tese en 1972. "A penechaira de Curtis é unha zona chá na que se formaron moitas turbeiras", apunta Bandín. Mais o problema é que se están plantando eucaliptos nese territorio: "Están destruíndo turbeiras que figuran no inventario de humidais de Galicia e non se está facendo nada por impedilo". De feito, denuncia que "mesmo se plantaron eucaliptos en plena moratoria, sen respectar absolutamente nada". Ademais, sinala que as brañas do Deo figuraban como posibles zonas de ampliación da Rede Natura durante os gobernos do bipartito e da primeira lexislatura de Feijóo, pero esa ampliación nunca chegou a facerse, o que facilitou a súa destrución. E cita ao profesor Xabier Pontevedra, grande estudoso das turbeiras galegas, quen afirmou que estas brañas "merecerían mesmo ser declaradas parque natural".

Fernando Bandín recalca que, en concreto, as turbeiras activas de cobertor son moi raras de atopar en Europa, de aí o seu gran valor. "En Galicia temos unha responsabilidade mundial: temos na nosa terra este hábitat máis escaso que o bosque tropical, e debemos protexelo", di con contundencia. Mais o que observa, ben pola contra, é un proceso de "eucaliptización" e "un ataque constante" aos humidais con recheos, pistas, verteduras de entullos e lixo, sen esquecer a ameaza dos parques eólicos. Por poñer un exemplo, sinala o que aconteceu na reserva que ten a Fundación Fragas do Mandeo no curso medio do río Mandeo, chamada Ollo da Roda, unha zona chá e húmida que sufriu entullos, recheos e construción de pistas durante moitos anos. "Custodiamos alí máis de catro hectáreas, entre o arrendado e o mercado, nas que quitamos eucaliptos e verteduras, pero aínda quedan por mercar máis parcelas para poder seguir eliminando", comenta. O obxectivo é conservar, eliminar eucaliptos e reforestar con especies autóctonas.

Espazo para a microrreserva de anfibios do Catorce, situado na aba oeste do monte de Pedra Partida
Espazo para a microrreserva de anfibios do Catorce, situado na aba oeste do monte de Pedra Partida | Fonte: Fundación Fragas do Mandeo - Arquivo

"SEMPRE SE ESTÁ COMENDO TERREO Á RÍA, UN CACHO POR AQUÍ, OUTRO POR ALÁ... PODEMOS DATAR O COMEZO DO MALTRATO HISTÓRICO NO ANO 1911"

A historia da ría de Betanzos é a historia dunha agresión continuada. Bandín lembra como no pasado se fixeron recheos para construír un campo de fútbol e un campo de tiro no lugar de Miodelo, erixidos sobre anteriores vertedoiros. Tamén sinala a todo o barrio da Ribeira, o carrizal da zona do Carregal, a estación de tren de Betanzos (1911-12), que obrigou a desviar o río Mandeo e onde logo se construíron naves na península resultante. "Sempre se estivo comendo terreo á ría, un cacho por aquí, outro por alá...", lamenta. Tamén apunta a que o antigo matadoiro municipal foi construído na beira do xuncal, e hoxe aparece afastado do río. A ocupación da marisma provoca que a día de hoxe, coas enchentes do mes de setembro, cando coinciden mareas vivas e treboadas, as naves e rúas do polígono comercial do porto sufran inundacións. "É lóxico: construíronse enriba do que era o xuncal", afirma.

O relato histórico de Bandín viaxa ata finais do século XVIII, coa fábrica de curtidos da Magdalena, que se situou á beira do río para poder ter acceso marítimo e tamén para verter residuos alí. A mediados do século XVIII un enxeñeiro francés, Carlos Lemaur, chegara a propoñer secar a marisma de Betanzos para transformala en leiras de labradío, pero a oposición veciñal paralizou o proxecto porque a xunqueira tiña unha utilidade fundamental: os xuncos cortábanse para botar nas cortes e servir de cama ao gando e, ao mesturarse cos excrementos e degradarse, remataban producindo esterco. "Podemos datar o comezo do maltrato histórico no ano 1911, co inicio da construción da vía férrea da Coruña a Ferrol", sinala. Paralelamente chegou a ocupación do carrizal do Carregal para a construción do Pasatempo dos García Naveira, a expansión urbana dos 60 e 70, a construción do colexio e do instituto laboral directamente sobre o carrizal... "De rapaz vía como subía e baixaba a marea na beira do patio do colexio, e agora todo ese espazo desapareceu tamén", lembra.

"AS TURBEIRAS SON COMO ESPONXAS QUE ALMACENAN AUGA NO INVERNO E LIBÉRANA CANDO NON CHOVE, SEN ELAS, CANDO NON CHOVA NON HABERÁ AUGA"

Bandín subliña que a Fundación Fragas do Mandeo ten unha misión clara: actuar directamente sobre o monte, a través da custodia do territorio. A fundación adícase a conservar bosque de ribeira, eliminar especies invasoras, retirar lixo, reforestar con especies autóctonas e crear microreservas. Destaca que o pasado mes de maio foi declarada en perigo crítico de extinción unha especie moi ligada aos ríos galegos: o desmán ibérico ou auganeira, un pequeno mamífero que tamén dá sentido á súa loita. Asemade detalla a creación de microreservas como a da Reserva de Anfibios do Catorce, resultado de rehabilitar unha canteira abandonada en Coirós, onde chegan a criar 11 das 14 especies de anfibios galegos. Outra reserva, Ollo da Roda, foi recuperada mediante a compra e arrendamento de parcelas: retiráronse toneladas de lixo, elimináronse eucaliptos e agora medran 18 especies distintas de árbores autóctonas, boa parte delas procedentes do viveiro propio, onde chegan a reproducir 19 especies. Ademais, no dominio público hidráulico e marítimo-terrestre realizan periodicamente retiradas de especies exóticas invasoras e de lixo, sen deixar de colaborar todos os anos na limpeza simultánea dos ríos galegos.

Pero, a pesar da magnitude da súa acción, Bandín é claro: "Só contamos con pequenas axudas da Deputación da Coruña e co apoio de particulares, a Xunta non axuda, e tampouco temos grandes mecenas nin empresas detrás". A realidade das fundacións pequenas que traballan no territorio, di, non ten nada que ver coas que xestionan capitais millonarios, como poden ser as ligadas a fortunas. Advirte tamén que a destrución de turbeiras e brañas non é só un problema de biodiversidade, senón de recursos hídricos: "As turbeiras e os solos das masas de bosque autóctono son como esponxas que almacenan auga no inverno e a liberan cando non chove, se as destruímos, os ríos só terán auga cando chove, e cando non chova non haberá auga". E lembra que Betanzos no verán do ano 2023 estivo mes e medio sen auga potable por darse a circunstancia de levar o Mendo pouca auga, pero sufrindo a cantidade habitual de descargas de augas fecais.

Fraga da Espenuca que recupera a ONG Fragas do Mandeo
Fraga da Espenuca que recupera a ONG Fragas do Mandeo | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta